Arrogante e teimuda ignorancia

Cadraredes comigo en que tanto o FMI, coma a Reserva Federal USA e maila OCDE, son torres vixías da economía mundial, outeiros privilexiados dende os que enxergar perigos  e ameazas no mar océano.  Pois ben, no ano 2007, meses antes de que chegara o maremoto financeiro, estes eran os informes dos cualificados sentinelas. En Marzo, nunha conferencia en Palma de Mallorca da CECA, o español Rodrigo Rato, director xerente do FMI, vía así o estado do mar: “Nestes intres a economía mundial atópase nunha sólida posición. Fomos testemuñas de varios anos de forte crecemento, e agardamos que o crecemento mundial volva a aproximarse ao 5% en 2007. Sería este, daquela, o quinto ano de crecemento varudo e, de feito, o quinquenio mais dinámico para a economía mundial dende finais dos anos sesenta...... o panorama é brillante, especialmente no sector financeiro, que se atopa no medio dun espectacular período de cambio como parte da globalización”  Segundo contan traballadores do FMI que coincidiron con el durante o seu mandato, Rato non é lembrado precisamente pola súa capacidade profesional; e tampouco é de estrañar, xa que doutorouse en Economía nos anos que traballaba de ministro de Economía. Se fora ministro de Sanidade igual hoxe era médico, vai ti saber.

A diferenza do rato Rodrigo, o estadounidense Ben Bernanke si tiña abondo prestixio académico e profesional, e dende o cómaro da presidencia da Reserva Federal, falaba en Maio das excelencias dos mercados crediticios nunha conferencia en Chicago: “As innovacións no mercado de crédito ampliaron as oportunidades para moitos fogares. Os mercados poden atoarse, pero, en última instancia,  as forzas do mercado tamén traballan para frear os excesos. Para algúns,  a  auto-corrección pode parecer demasiado serodia e severa. Pero creo que, no longo prazo, os mercados son mellores ca os reguladores na asignación do crédito” E por Maio tamén, o economista xefe da OCDE, o francés Jean-Philipe Cotis, que tampouco andaba escaso de currículo académico, enxergaba o mar calmo e ventureiro: “A situación económica actual é, en moitos sentidos, mellor da que tivemos en anos. Diante deste panorama, centrámonos no escenario do reequilibrio. E certamente, o noso prognóstico principal segue a ser abondo benigno: unha aterraxe mol nos Estados Unidos, unha recuperación forte e sostida en Europa, unha traxectoria sólida no Xapón e actividade boiante na China e na India. Na liña coas tendencias recentes, o crecemento sostido nas economías da OCDE estaría sustentado por unha forte creación de emprego e un paro en descenso.”

A miña pregunta, e a de tanta xente, é: Se sodes os expertos en economía e estabades ao mando, por que a crise? Por que non a vistes chegar? E cal foi a súa resposta? Pois asubiar e botar balóns fóra, coma se a cousa non fora con eles. Rato liscou un chisco antes de afundir o barco, conduta normal nos roedores. Houbo algúns outros que esparexeron a idea de que a culpa foi de todos e cada un de nós; algo así coma se o capitán do Titanic lle botara a culpa de non albiscar a tempo o iceberg ao pasaxe e a toda a tripulación, incluído os fogueiros da sala de máquinas, que entre pa e pa no forno ben podían ter mirado polo ollo de boi o fondo do mar. Luis Garicano, o gurú económico de Ciudadanos, e mais outros catedráticos da London School, dixéronlle á Raíña Isabel que non fora culpa deles porque ninguén fora quen de prever tan grande desfeita. Pero o ínclito Bernanke rizou o rizo nunha conferencia en Princeton no 2010: “Os modelos macroeconómicos estándar foron deseñados para períodos de non-crise, e nese contexto amosáronse moi útiles” Arrandéalle o carallo! Imaxinade por un intre que un egrexio doutor lle di a un enfermo: “Ufff... non sei que dicirlle, ....a medicina foi pensada para os corpos sans e aí penso que fixo grandes cousas, pero non é o seu caso, así que... vaia para a casa e volva cando mellore”. Que pensariamos daquela da medicina como ciencia?

A ciencia económica ten que ir ao médico dunha vez e facerse unha revisión a fondo. Non tanto polo feito de non prever a crise financeira (que houbo xente que si, pero non “dos que mandan”, dos que escriben os manuais de texto utilizados nas universidades e dos que dirixen os organismos económicos nacionais e internacionais), senón porque axudou a facela mais grave coas crenzas e accións dos economistas de primeira liña: alentando condutas financeiras temerarias, desenvolvendo moitas das ferramentas financeiras, e permitindo, en tanto que reguladores, os excesos continuados do sector durante moito tempo, na fe cega de que o sacrosanto mercado mantería o tren sempre sobre os raís.  Obviar a realidade (que os trens veñen descarrilando cada certo tempo) e teimar na ignorancia, di moi pouco a favor da Economía como ciencia e dos economistas como científicos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.