Artsaj, montaña negra independente

Camiño de Nagorno Karabah © Moncho Iglesias Míguez

A república de Artsaj, ata 2017 República de Nagorno Karabaj (Montaña Negra), é un país apenas visible nos mapas

A república de Artsaj, ata 2017 República de Nagorno Karabaj (Montaña Negra), é un país apenas visible nos mapas. Xeograficamente está agochada entre montes que disputan Armenia e Acerbaixán, e politicamente é un estado cuxa independencia só recoñecen outros territorios que manteñen ese estatus de goberno só aceptado por si mesmos: Abjasia, Osetia do Sur e Transnistria. Este xardín negro de verdor é só accesible dende Armenia, quen apoia en termos económicos e políticos o lugar, amais de manter a idea dunha posible independencia. Mais Acerbaixán defende o territorio como propio e por mor desta rivalidade houbo unha guerra entre 1988 e 1994, cunhas tensións que naceron en 1918, coa independencia do imperio ruso, e que afloran de cando en vez, como neste 2020.

En 1988, os armenios da capital artsaja, Stepanakert, manifestáronse a favor da unificación con Armenia, mais tres anos despois declararon a independencia. Namentres, a ambos lados, acerbaixanos e armenios libraron unha guerra na que morreron máis de 30.000 persoas e outros milleiros perderon os seus fogares.

Fronteira entre Armenia e Nagorno Karabah © Moncho Iglesias Míguez

Acerbaixanos e armenios libraron unha guerra na que morreron máis de 30.000 persoas e outros milleiros perderon os seus fogares

A existencia desta república segue silenciada de igual xeito que o conflito, unha batalla satélite máis, que semella presente en momentos concretos, nomeadamente cando a atención se desvía a Rusia e á situación de seguridade na zona postsoviética. Con todo, o interese ruso por manter as relacións coas repúblicas da unión e o de Europa por estabilizar unhas fronteiras que poida controlar non son os únicos implicados no silencio da república montañosa. Israel, preocupada polos movementos de calquera país inimigo, ten en Acerbaixán un aliado perfecto: vixía de Irán, que vende petróleo á vez que merca armamento ao estado xudeu.

Acerbaixán é un socio estratéxico para Israel. Coas relacións con Turquía deterioradas, a amizade con Acerbaixán permite a Israel controlar Irán á vez que se trazan lazos invisibles cos turcos. Mentres os azarís consideran Turquía un aliado que non ten relacións diplomáticas con Armenia, os israelís, que non recoñecen o xenocidio armenio, topan nos azarís a coartada perfecta para manter as boas relacións con ambos países; é dicir: Turquía e, sobre todo, Acerbaixán. É por iso que Israel non ten interese en que o conflito de Artsaj remate, pois iso podería provocar que perdese a súa influencia na zona.

Israel, preocupada polos movementos de calquera país inimigo, ten en Acerbaixán un aliado perfecto: vixía de Irán, que vende petróleo á vez que merca armamento ao estado xudeu

Paralizado de cara ao exterior, dende dentro o conflito non deixa de ser un conxunto de mechas sempre a punto de prender. Con todo, a tensión está focalizada no extremo máis oriental, nos lindes con Acerbaixán. E isto é así porque aínda que este país rodea todo o territorio, a única entrada a Artsaj, por terra, é a través dun corredor apátrida baixo o control de Armenia. As montañas son a fronteira natural e a vía de acceso unha estrada serpeante que a une a Ereván, a capital armenia, nun traxecto que pode levar preto de medio día. A saída de Ereván é unha despedida ao cemento e ao formigón, e unha benvida a un peregrinar entre montes que rematan nun val, Goris, a última aldea antes do corredor de Laçin. Esta pequena estrada azarí ocupada por Armenia permite chegar, de xeito presuntamente ilegal, ao posto fronteirizo de Nagorno.

Un regueiro serve como sinal para marcar o comezo da república. Por enriba del: as bandeiras de Armenia e da República Montañosa de Karabaj, e un cartaz informativo que dá diversos datos sobre o país: ten dez cidades e 217 núcleos rurais, cunha superficie algo inferior á da provincia de Pontevedra (segundo a constitución do país e o acordo de paz con Acerbaixán, que mantén varias rexións ocupadas) e unha poboación que non chega aos 150.000 habitantes. O presidente, elixido cada cinco anos, decide o primeiro ministro e aproba a composición do goberno, que conta con once ministerios. A relixión maioritaria é a apostólica armenia, que chegou á zona no século I. O clima é suave e destaca polas súas augas minerais, que teñen propiedades sandables.

Stepanakert, Nagorno Karabah © Moncho Iglesias Míguez

As montañas son a fronteira natural e a vía de acceso unha estrada serpeante que a une a Ereván, a capital armenia, nun traxecto que pode levar preto de medio día

Tras a breve introdución, un sinal indica a seguinte parada: unha caseta onde amosar o pasaporte e no que solicitar a entrada ao país. A mesma estrada que atravesa Armenia e o limbo que a separa de Artsaj percorre as montañas da república montañosa ata a capital, Stepanakert. A cidade concéntrase nunha praza central con luces de tres cores e rapazas que pasean engalanadas en zapatos de tacón de agullas longuísimas fronte ás miradas de rapaces que semellan repetir os mesmos xogos todos os días.

Amais de centro xeográfico, a praza do Renacemento é o eixo administrativo do país, onde están o palacio presidencial, o parlamento e as oficinas do goberno, así como varios ministerios, a asociación de veteranos de guerra, o teatro e a oficina central do banco estatal. Dende esa rúa nuclear saen outras catro, onde se sitúan o resto da historia do país: a universidade estatal, e diferentes museos e igrexas que conectan coas outras aldeas e outeiros, como o de Tatik u Papik, unha estatua dun vello de barbas e unha muller cun veo. «Somos as nosas montañas» é o nome deste símbolo do país, que representa un pai e unha nai unidos á terra e ás montañas.

Parlamento de Nagorno Karabah © Moncho Iglesias Míguez

A unión do pobo á súa terra está representada nas imaxes, mais tamén na propia xente. Orgullosos do seu, manteñen o dialecto dentro do territorio e exportan a través do selo de Armenia produtos propios, maiormente coñac

A unión do pobo á súa terra está representada nas imaxes, mais tamén na propia xente. Orgullosos do seu, manteñen o dialecto dentro do territorio e exportan a través do selo de Armenia produtos propios, maiormente coñac, sen necesidade de emigrar, pois defenden as súas raíces e non seren nómades, como os pobos veciños. Esta marca de identidade, amais da súa fe cristiá, que foi a que provocou os primeiros enfrontamentos cos veciños de fe musulmá, diferenza a xente de Artsaj do resto de caucásicos.

O silencio de artillería non é común nesta zona, mais a preocupación internacional está desviada cara ás protección das fronteiras europeas. A falta de recoñecemento do enclave de Artsaj e das guerras libradas no seu territorio fan do conflito unha batalla calada na que segue a haber vítimas á vez que continúan as súas vidas os seus habitantes. Tras vinte e nove anos de independencia unilateral, Artsaj permanece illada do mundo, entre limbos de asfalto que a conectan á terra e infernos de balas que a separan dela.

Estación de autobuses, Stepanakert © Moncho Iglesias Míguez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.