As ameazas da lingua galega

A lingua que herdamos dos nosos devanceiros, o idioma que falamos e escribimos é un factor por excelencia de afirmación e recoñecemento dunha identificación cultural, o noso medio de construción como individuos, de comunicación cos outros, de afirmación. Ese ben inestimábel, dotado na boca dos falantes dun poder de reinvención que acotío nos sorprende, serve de vehículo para diversas manifestacións culturais cuxa diversidade e riqueza son indisociábeis dos percorridos históricos dos diferentes grupos de individuos e colectivos que falan galego.

Os gobernos do Partido Popular abordaron (con penosos resultados) os máis diversos temas (economía, saúde e educación, xestión pesqueira, agrícola, forestal...), pero pouco ou nada fan en relación ás políticas de valorización da lingua galega

E recórdese aínda ese rico patrimonio do noso pobo construído durante xeracións e xeracións, reflectido na literatura escrita e na tradición oral pois tamén aí, en fábulas e proverbios, contos, lendas e ficcións populares, o galego perpetúase e renóvase. Herdanza e construción permanente, esta lingua proveniente do latín que nos permite dicir, modelar e reinventar o mundo é falada en Galicia por máis de 2.800.000 habitantes. O territorio xeográfico da lingua galega está delimitado por Galicia e as áreas máis occidentais de Asturias, León e Zamora, ademais de tres pequenos lugares de Estremadura. A distribución do galego é xeograficamente bastante homoxénea, sen que existan áreas territoriais nas que non se constate o seu uso. Alén diso, e por mor das circunstancias históricas da emigración por todo o mundo, existen áreas con ampla presenza de comunidades galegas que conservaron a súa lingua como vehículo comunicativo, non só no ámbito privado, senón tamén no público, a través de publicacións periódicas, literarias ou mesmo na comunicación radiofónica dos países de acollida. Persisten amplas comunidades de falantes en cidades como Barcelona, Zürich, Montevideo ou Bos Aires. Ademais os galegos podemos comunicarnos perfectamente en toda a área de influencia lusófona que abrangue preto de 200 millóns de persoas espalladas polos diversos continentes e nas súas diferentes variedades lingüísticas e dialectais de galego-portugués.

Os gobernos do Partido Popular abordaron (con penosos resultados) os máis diversos temas (economía, saúde e educación, xestión pesqueira, agrícola, forestal...), pero pouco ou nada fan en relación ás políticas de valorización da lingua galega. Con todo a defensa da nosa cultura e as súas culturas irmás non debe levarnos a reclamar só o respecto cara ás obras e autores que utilizan o galego, ao corrente do apoio á súa divulgación en foros internacionais, acción que o actual goberno, a través do Conselleiro da Cultura, está lonxe de considerar unha prioridade. Faise igualmente necesario esixir medidas concretas de defensa do idioma (o sexto máis falado a nivel mundial), que contraríen, por unha banda, os perigos de defunción do galego oral e escrito e, por outro, a perversa e empobrecedora hexemonía do castelán na comunicación potenciada, de feito, pola súa utilización regular en todos os grandes medios de difusión de masas: Televisións, radios, xornais,...e no cadro das chamadas TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación) e pola inundación do mercado por subprodutos culturais de orixe anglosaxón (refírome ao panorama cinematográfico, discográfico, radiofónico e televisivo).

A tendencia á utilización indiscriminada case sempre innecesaria e empobrecedora de termos “castelanizados” e “acastrapados” na linguaxe falada e na escritura é facilmente observábel no uso popular e habitual do galego urbano. Chega con lembrar como moitos deses termos invadiron a comunicación dos galegos e galegas nos usos cotiáns, na esfera do audiovisual e da prensa, en debates públicos ou mesmo en simples conversacións intranscendentes. Xunto á situación descrita poderiamos engadir o feito recoñecido da progresiva deformación da lingua galega. Podemos observar este feito en poderosas instancias difusoras de modelos comportamentais e lingüísticos, como os grandes medios de comunicación social: televisións, radios e xornais, e é neles onde o galego é deformado sistematicamente, totalmente deturpado ou simplemente desnaturalizado.

A tendencia á utilización indiscriminada case sempre innecesaria e empobrecedora de termos “castelanizados” e “acastrapados” na linguaxe falada e na escritura é facilmente observábel no uso popular e habitual do galego urbano

Como case nada sucede por casualidade, paga a pena recordar que a lingua é un vehículo de comunicación, de cultura, pero na concepción do imperialismo é tamén un vehículo de dominio e subordinación no campo ideolóxico e económico. Con todo a lingua debería ser un vehículo de cooperación, de inter-axuda, de valorización e diálogo das culturas dos diversos cidadáns, pobos e nacións que se expresan no seu idioma. E esta é tamén unha cuestión que debía preocupar e ocupar, por exemplo, ás Comunidades de Países de Lingua Galego-Portuguesa.

Galicia carece aínda dunha adecuada política de defensa e afirmación da Lingua. E esta non pode ser disociada das políticas educativas e culturais, nin da acción do goberno da Xunta no plano internacional. Nin tan pouco pode ignorar a circunstancia de que Galicia posúe amplas comunidades de emigrantes espalladas por varios continentes, e de que é hoxe, simultaneamente, un país que recibe numerosos inmigrantes.

É necesario un axeitado fomento do galego na súa vertente educativa en Galicia dentro do currículo escolar e a promoción do idioma como lingua estranxeira. Tamén resulta urxente a promoción da lectura en galego. Estamos lonxe de dispoñer das condicións e medios necesarios para conseguir estes obxectivos. Deste xeito, asistimos a un xeneralizado subinvestimento nestas áreas por acción (ou omisión) por mor dunha visión neo-liberal e economicista das cuestións da cultura e agravado por problemas endémicos. Enunciemos algúns dos puntos máis críticos, que non poden ser desconectados de responsabilidades políticas, actualmente responsabilidades que recaen directamente sobre a Consellería de Educación e Cultura. A inexistencia de campañas consecuentes e continuadas de promoción da lectura en galego, que veñen sumarse aos atrasos no melloramento das dotacións bibliográficas e de textos en lingua galega das Redes de Lectura Pública e de Bibliotecas Escolares (por onde pasaría, na estratexia impulsora do idioma, unha parte da necesaria difusión das literaturas en galego e, en xeral, da nosa creación cultural).

A inexistencia de campañas consecuentes e continuadas de promoción da lectura en galego, que veñen sumarse aos atrasos no melloramento das dotacións bibliográficas e de textos en lingua galega das Redes de Lectura Pública e de Bibliotecas Escolares

As insuficiencias ao nivel da formación inicial e continua de profesores dos ensinos básico e secundaria, no tocante á didáctica da Lingua e da literatura galega. E convén acordar que os alumnos galegos presentan un nivel de cualificación na súa lingua materna por baixo da media dos estudantes dos restantes países da Unión Europea.

As erróneas orientacións postas en práctica polos gobernos do Partido Popular de Galicia en materias tan cruciais como a estrutura curricular dos ensinos básico e secundario por unha banda e, por outro, a revisión dos programas do Galego (a crecente subalternización do estudo da lingua e literatura galega e os seus efectos na elaboración de manuais escolares son dous dos moitos aspectos que urxe corrixir). Tamén resulta preocupante o retroceso verificado no mantemento e desenvolvemento das raquíticas redes de ensino do galego no estranxeiro ao nivel dos ensinos básico, secundario e superior.

Por falta de recursos, formación e orientacións claras, agoniza de facto a aprendizaxe do noso idioma en Europa e en América, onde viven importantes comunidades de emigrantes galegos, ás cales debe ser recoñecido o dereito de transmitir á xeracións máis novas a súa cultura de orixe. Cos gobernos do Partido Popular, non se fixo nada, doutra banda, á respecto da posibilidade de impulsar lectorados en galego en universidades estranxeiras; atópase, de feito, por definir o Estatuto do Lector de Galego, e a propia acción do departamento de lingua galega do Instituto Cervantes.

Cos gobernos do Partido Popular, non se fixo nada, doutra banda, á respecto da posibilidade de impulsar lectorados en galego en universidades estranxeiras

No que respecta á ausencia de medidas que favorezan a integración dos inmigrantes na sociedade galega, integración que pasa, naturalmente, polo dominio do noso idioma, importa tamén meditar. Sería positivo que os inmigrantes que non falan galego o aprendesen e o falasen converténdoo na súa segunda lingua. Tamén por aquí difundimos a nosa cultura e abrimos as portas á comprensión, á cooperación, ao diálogo das culturas e á paz entre os pobos.
Naturalmente que aínda non percibimos ou non quixemos percibir que o prestixio de Galicia no Mundo é indisociábel da afirmación da Lingua e da Cultura Galega. En canto á promoción da Literatura e Lingua Galega en feiras e salóns do libro e outros foros internacionais, en pouco tempo retrocedemos anos.

Salvagardando a lingua de visións chauvinistas, pensamos que importa defendela, e tamén as persoas que nela se expresan. Levar por diante esta acción incentivando en simultáneo o plurilingüismo e o coñecemento doutras linguas

Os que defendemos unha democracia cultural e unha verdadeira mellora do sistema educativo, tamén acreditamos nas potencialidades culturais de Galicia e nos dereitos dos emigrados galegos, así como dos traballadores inmigrantes en Galicia. Salvagardando a lingua de visións chauvinistas, pensamos que importa defendela, e tamén as persoas que nela se expresan. Levar por diante esta acción incentivando en simultáneo o plurilingüismo e o coñecemento doutras linguas algunhas delas igualmente ameazadas pola colonización cultural, que é tamén política e económica, e que constitúe outra maneira de combater o imperialismo, o racismo e a xenofobia. E tamén por esta vía, abrimos as portas á comprensión e á cooperación, ao diálogo das culturas e á paz entre os pobos e nacións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.