Teño que recoñecer que cando vin as fotos do xornal El País do actual presidente da Xunta nun barco co famoso narcontraficante Marcial Dorado, viñéronme dúas imaxes e unha reflexión. As dúas imaxes foron as de Anxo Quintana subido no iate do empresario Jacinto Rey, e a outra foi a de Mariano Rajoy subido a un atuneiro propiedade do clan dedicado ao narcotráfico dos Caneos, en Cambados nun acto electoral das Europeas do ano 2009. Tales instantáneas viñéranme á cabeza, supoño que polas consecuencias que tiveran cada unha delas, e a actitude mesquiña que mantivo o PP con cada unha delas. Xa se sabe que os empresarios son persoas moito mais desprezábeis do que os narcos. Tamén me veu á cabeza todo o acontecido con Xornal de Galicia a raíz da antedita foto de Rajoy, o que supuxo sen dúbida, a a súa sentenza de morte.
Teño que recoñecer, aliás, que non me sorprenderon nada estas fotos, nin me causaran estrañeza. Sempre existiu un ruxe-ruxe sobre presuntas relacións do PP de Galiza con persoas vencelladas ao contrabando nos anos oitenta e principios dos noventa. De feito, ao longo destes días saíron non distintos medios de comunicación declaracións de persoas condenadas por delitos de narcotráfico como as de Oubiña, ou o arrepentido Fernández Padín nesa dirección e mesmo teñen afirmado que os narcos chegaran a promocionar a determinadas persoas a alcaldes por este partido.
A cidadanía galega, e o parlamento como representante da vontade popular da nación galega ten dereito a que o presidente da Xunta dea as pertinentes explicacións en sede parlamentar, e non só da súa amizade con Dorado, senón como pide Compromiso por Galicia, de se as empresas de Dorado foran fornecedoras do SERGAS de combustíbel, mentres Feijoo foi Secretario Xeral da Consellaría e mesmo en anos posteriores. Porque alén das actividades ilícitas de Dorado, e o que xa se publicaba na prensa nos anos 90 sobre elas, estamos a falar dos cartos de todos, no caso de se confirmaren. E desde logo, se as fotos xa de por si poden ser graves tendo en conta o discurso de Feijoo e do PP noutros casos, isto imposibilitaría calquera saída política do presidente da Xunta que non pasase pola súa dimisión.
A reflexión que veu ao meu maxín ao ler a nova, foi no que atinxe ao posicionamento político que ten o PP a respecto do consumo de drogas ilegais, e o moito que lle custou e lle custa dar indultos persoas que foran condenadas por pequenos delitos como consecuencia da súa adicción ás mesmas, e que xa están rehabilitadas, como no caso de David Reboredo, que só llo deron despois de moito pelexar por parte da cidadanía.
Sempre acreditei como bo progresista na autonomía do individuo, e como consecuencia disto, sen facer apoloxía do consumo de calquera droga legal ou ilegal, porque non teñen as súas bondades precisamente, de que cadaquén faga un consumo responsábel delas, se quere, porque en definitiva, estamos a falar de facer de que as persoas fagan o que queiran coa súa vida, e co seu corpo.
A legalización de todo tipo de drogas só pode traer consecuencias positivas, ao cabo acabaría con boa parte do negocio dos grandes narcotraficantes e as súas redes (é de ilusos pensar que se vai acabar totalmente con el tendo en conta, o que aconteceu co tabaco). Ademais, sería unha fonte adicional para o Estado, a través dos impostos, para financiar por exemplo a sanidade pública ou os planos de prevención do consumo de drogas. En termos de saúde significaría rematar coas adulteracións das substancias, e as nefastas consecuencias para o corpo humano que provocan.
Desde logo a modificación das políticas públicas nesta materia debera entrar na axenda de reformas de calquera partido progresista, de esquerdas ou social-democrata, na adecuación desta á realidade actual, e mais nun país como Galiza que sufriu as consecuencias da actividade do narcotráfico.
Porén, entrementres sigamos presos das políticas neoconservadoras, os que seguiran a pagar os pratos rotos serán pequenos camelos, cando outros seguen a gozar dos seus iates, das súas vidas cómodas, con vacacións na neve eles e os seus amigos grazas á neve.