As Árbores de inverno de Amauta Castro e Pablo Orza

Castro, Amauta (2023): Árbores de inverno © Saurobuks

Castro, Amauta (2023): Árbores de inverno. Saurobuks, Ourense, 56 pp.

 

O poeta ten explicado que as súas poesías xurdiron do conxunto artístico Winter Trees de Pablo Orza. Deste xeito, o autor foi asociando cada poema con cada debuxo e é por iso que o diálogo entre ambas creacións é tan profundo e natural

O poeta Amauta Castro e o artista multidisciplinar Pablo Orza presentan Árbores de inverno editado pola editorial ourensá Saurobuks, un espazo que cumpre dez anos de traballo e aposta pola cultura, especialmente por aquelas producións alternativas ao canon e ao sistema dominantes. Árbores de inverno podería definirse como un diálogo perfectamente trabado entre os versos do primeiro e as pinturas do segundo. Trátase dunha vintena de poemas breves acompañados doutra vintena de debuxos, aínda que o máis correcto sería inverter os factores, xa que o poeta ten explicado que as súas poesías xurdiron do conxunto artístico Winter Trees de Pablo Orza. Deste xeito, o autor foi asociando cada poema con cada debuxo e é por iso que o diálogo entre ambas creacións é tan profundo e natural.

Castro, Amauta (2023): Árbores de inverno © Saurobuks

O limiar da escritora Branca Trigo Cabaleiro xoga un papel crucial no conxunto pola liña temática e a agudeza para citar en cada momento e oportunamente os versos de Amauta Castro

O limiar da escritora Branca Trigo Cabaleiro xoga un papel crucial no conxunto pola liña temática e a agudeza para citar en cada momento e oportunamente os versos de Amauta Castro. Así, a prologuista comeza a tecer o fío que se pode percorrer ao longo do poemario e afirma que «O proceso de construción dun libro está ligado inexorablemente ao proceso de transformación do corpo arbóreo. Cada palabra impresa contáxiase da verticalidade da febra, do seu vieiro irrompible e aínda así inconcluso, da súa dirección única cara ao ceo. Eis a árbore entregada ao papel. Entrar nun libro sempre é entrar nun bosque» (p. 7).

A proposta artística de Amauta Castro e Pablo Orza, que xa vai pola súa segunda edición, é unha invitación a percorrelo bosque e reparar nas árbores de inverno que nos arrodean porque «O resto / é chaira espida e perpetua»

O poemario ábrese cunha oportuna cita do poeta e pintor británico William Blake. Seguidamente, preséntase cada poema acompañado por un debuxo distinto. As poesías son, como xa se advertiu, breves, dende un só verso a outras con quince, aínda que predominan as de catro. En canto ao contido, lonxe do tópico do locus amoenus, as Árbores de inverno de Amauta Castro e Pablo Orza tremen ou agardan a morte, as súas pólas creban e mesmo a herba podrece. Lonxe tamén da mítica Arcadia, as accións humanas sempre aparecen na vertente máis negativa e de dominación: «Uns poucos cravaron coitelos na codia» (p. 41). Fronte a eles atópase aquel que di: «Camiñarei até o bosco para comprender» (p. 15) e que entende que «Na árbore nunca aniña a obediencia» (p. 38).

En definitiva, a proposta artística de Amauta Castro e Pablo Orza, que xa vai pola súa segunda edición, é unha invitación a percorrelo bosque e reparar nas árbores de inverno que nos arrodean porque «O resto / é chaira espida e perpetua» (p. 53).

Unha das ilustracións de Pablo Orza ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.