As Áreas de Xestión Clínica e o Consello Consultivo

A Conselleira de Sanidade, firme defensora das privatizacións, presenta o seu proxecto de Áreas de Xestión Clínicas (AXC) como unha oportunidade de mellora e de participación dos profesionais. Pola contra, a grande maioría dos traballadores  consideran que se trata dunha auténtica ameaza para o sistema e unha trampa para todos eles.

A publicación deste decreto de forma tan apresurada (co presidente de viaxe, unha vez máis, por Hispanoamérica, e coas forzas sindicais pendente de novas xuntanzas para discutir o texto) resulta moi difícil de explicar

O pasado luns a Xunta de Galicia publicou no DOG o Decreto 36/2014 que regula a creación de AXC no Sergas, e que aprobaron no Parlamento, por vía de urxencia, cos únicos votos do Partido Popular o día 20 de marzo, coa oposición de todas as demais forzas políticas. Tamén se mostran contrarios todos os sindicatos, que teñen convocadas accións unitarias para expresar a súa discrepancia radical con esta norma. A publicación deste decreto de forma tan apresurada (co presidente de viaxe, unha vez máis, por Hispanoamérica, e coas forzas sindicais pendente de novas xuntanzas para discutir o texto) resulta moi difícil de explicar. Tampouco son tranquilizadoras as palabras pronunciadas polo vicepresidente Rueda, quen manifestou: “Las áreas carecerán de personalidad jurídica propia, con lo cual, al menos en principio, resultarán imposibles de privatizar...”.

Aínda que as súas decisións non son vinculantes resulta asombroso que o goberno ocultase este informe, emitido hai dous meses, e que, ademais, non teña en absoluto en conta o seu ditame e as súas consideracións

Pero resulta aínda máis alarmante saber que o Consello Consultivo de Galicia lle entregou ao goberno do PP, o día 23 de xaneiro, un informe xurídico no que afirma de forma rotunda: “O Pleno do Consello, por unanimidade dos seus membros con dereito a voto, ditamina que o proxecto de decreto polo que se regulan as AXC do Sergas resulta contrario ao ordenamento xurídico”.  O Consello Consultivo é un órgano de carácter técnico xurídico, “ao servizo das administracións públicas e ten como fin último velar pola legalidade dos actos e as disposicións administrativas”. Aínda que as súas decisións non son vinculantes resulta asombroso que o goberno ocultase este informe, emitido hai dous meses, e que, ademais, non teña en absoluto en conta o seu ditame e as súas consideracións.

A AGDSP vén de publicar un comunicado no que denuncia a falta de transparencia e as formas antidemocráticas utilizadas polo goberno galego para impor esta norma, que desperta cada vez máis receos entre os profesionais e que ten a todas as forzas sindicais en contra. Tampouco tranquiliza coñecer a nova composición do equipo asesor da Conselleira, integrado por un 90% de varóns e que, ademais, moitos deles teñen fortes vencellos co sector privado e presentan evidentes conflitos de interese.

Ten algo que ver o consello asesor da Conselleira, e os seus intereses privados, con esta premura?

A tramitación desta norma está cargada de incertezas. Non achega ningunha seguridade para o sistema e para os profesionais. Mais ben deixa o camiño sementado de preguntas. Por que a Xunta non acatou o informe contrario do Consello Consultivo? Por que levaron este decreto ao DOG con tanta premura, sen respectar o debate parlamentario nin as achegas dos sindicatos? Ten algo que ver o consello asesor da Conselleira, e os seus intereses privados, con esta premura? Ten presa o goberno por mellorar a sanidade pública ou, máis ben, dicta normas que poden beneficiar a outros intereses?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.