As bágoas de Fernando Vázquez

O Dépor poderá pagar as súas débedas, entre elas a que ten co Fisco que somos todos e este feito sempre será positivo. Unha tempada máis na Segunda e a liquidación do clube tería sido case inevitábel

Cando Fernando Vázquez choraba este sábado no banco deportivista, logo de acadar o ascenso da equipa galega  á División de honra, moitos partillamos a súa ledicia e a súa emoción. Porque o ascenso do Depor a Primeira supón para a Cidade e a área urbana e, tamén, para toda Galicia unha grande oportunidade. Ao suceso deportivo (ascender do inferno da Segunda é un obxectivo sempre moi difícil) engádeselle o negocio que xerará para a hostalería e outros sectores empresariais coruñeses o fútbol de primeira e máis a viabilización do convenio concursal de acredores e o extraconcursal coa Axencia Tributaria. O Dépor poderá pagar as súas débedas, entre elas a que ten co Fisco que somos todos e este feito sempre será positivo. Unha tempada máis na Segunda e a liquidación do clube tería sido case inevitábel. O que deixaría á Facenda pública sen cobrar.

O Dépor volta a Primeira e isto é un grande reforzo para a nova equipa reitora. Malia que a contratación de Fernando Vázquez fose o derradeiro dos acertos deportivos de Lendoiro

Sucede tamén que este fito ocorre no quinto mes de xestión do novo Consello de Administración que preside Tino Fernández, despois de case vinte e sete anos de mandato de César Lendoiro, sinalado por moitos éxitos deportivos- impensábeis no 1992 e hoxe, mais tamén por unha xestión económica escura, que xerou unha débeda astronómica. Algo que non é privativo, dende logo, do Dépor na Liga BBVA, pero que non xustifica a executoria empresarial lendoirista. O Dépor volta a Primeira e isto é un grande reforzo para a nova equipa reitora. Malia que a contratación de Fernando Vázquez fose o derradeiro dos acertos deportivos de Lendoiro.  

Fernando Vázquez demostrou que a humildade non é incompatíbel coa teimudez nos obxectivos e que o traballo ben feito non precisa de poses

E, están as imaxes dun galego que exerce de selo, o adestrador Fernando Vázquez, amosando a súa humanidade a xeito de bágoas e carreiras pola banda de Riazor. Dun galego que soubo xerar dinámica de equipa, mailos seus altos e baixos e que soubo reconciliar xogadores e afeccionados, nomeadamente aos máis novos destes. Dun home rigoroso na metodoloxía, mais cheo de corazón e intelixencia emocional.

No mundo do fútbol, petado de adestradores estrelas e egos desmedidos, Fernando Vázquez demostrou que a humildade non é incompatíbel coa teimudez nos obxectivos e que o traballo ben feito non precisa de poses. E non houbo que ir fichalo a Barcelona, Madrid, Londres nin Lisboa. Fernando Vázquez é un profesional galego que traballa como os mellores de fóra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.