Confeso que fun ver o filme por curiosidade. Chamábame moito a atención que amig@s e coñecid@s de distinta orientación política e cultural coincidisen unanimemente en valorala de xeito tan positivo. Unha obra de arte, dicía unha. O retrato dun conflito social que podería ter acontecido en calquera lugar, dicía outro. Un western cun anticlimax propio dunha grande obra, afirmaban os críticos. Unha actuación espectacular, concordaban tod@s.
O traballo dos actores é impecábel, non o nego, igual que o é o de Vivian Leigh en Lo que el viento se llevó ou o de Meryl Streep en Memorias de África. Mais non por iso estes filmes deixan de afirmar e de reproducir os clásicos estereotipos racistas sobre as persoas de cor
Confeso que a medida que descorría o filme pasei da sorpresa ao enfado. Sentinme burlado, enganado por amig@s, coñecid@s e críticos diante dun clásico exemplo de cinema colonial europeo. Ese no que nun país fermoso, mais atrasado, uns indíxenas (galegofalantes), pobres, violentos, ignorantes e resentidos polas súas pequenas e miserábeis vidas, a prenden cun colono bo (castelanfalante), ben intencionado, ben formado e civilizado, cunha perspectiva ampla da vida e da realidade dentro e fora da aldea. Un home que só contará co apoio dese indíxena nobre (e castelanfalante) que é o Pepiño.
O traballo dos actores é impecábel, non o nego, igual que o é o de Vivian Leigh en Lo que el viento se llevó ou o de Meryl Streep en Memorias de África. Mais non por iso estes filmes deixan de afirmar e de reproducir os clásicos estereotipos racistas sobre as persoas de cor: sempre preguiceiras, sempre serviciais, sempre infantís, sempre necesitadas dun amo ou ama branca que as guíe na vida cara á civilización e á humanidade, o que lles falta aos galegos d’As Bestas.
Nesta liña, é obvio o filme de Sorogoyen reforza os estereotipos negativos que moitos espectadores (galeg@s ou non) teñen sobre o mundo rural, os labregos e os galegofalantes.
Nesta liña, o filme de Sorogoyen reforza os estereotipos negativos que moitos espectadores (galeg@s ou non) teñen sobre o mundo rural, os labregos e os galegofalantes
Aos do país, eses estereotipos refórzalles o que non son nin queren ser: galegofalantes. É dicir, e segundo o filme, ignorantes, pobres, resentidos, xente de orixe rural, criada entre a merda, as vacas e a lama. Uns estereotipos bendicidos estes últimos anos por un amplo sector da intelligentsia galega, polos admiradores desa feminista avant la lettre que, disque, era a condesa Emilia Pardo Bazán. Unha escritora en castelá, politicamente próxima á extrema dereita española da súa época, os carlistas, e creadora da imaxe da “Galicia profunda” para España e o mundo. Vexan senón en Los Pazos de Ulloa a responsabilidade desas “bestas” de Primitivo e a súa filla Sabela, ámbolos dous violentos, resentidos, ladinos, de orixe labrega e, é de supor, galegofalantes, na mala morte da doce fidalga, da sensíbel, civilizada, humana, urbana (e é de supor castelanfalante) muller do marqués de Ulloa. Ou no intento de asasinato do seu valedor, o crego don Julián. E todo polas leiras e soutos do pazo.
Mais non nos equivoquemos, nin sequera partillar o carlismo facía aceptábeis aos galegos castelanfalantes en Madrid, nin onte nin hoxe. Abonda con ler o escrito por ensaístas como Sergio del Molino en La España vacía (2016), quen non dubida en cualificar o carlismo de Valle Inclán de “retórica aldeana, gallega, esotética y estrambótica”, en tanto que o do seu coetáneo e amigo madrileño, Ciro Bayo, de “algo rotundamente romántico” (!?).
Así que, xa sabe, sexa un bo galeg@. Sexa amábel, dócil, civilizad@, castelanfalante e modern@: chante un viraventos no seu xardín. Xa o apunta Sorogoyen no seu filme, as eólicas redimirán a Galicia do atraso
Mais, ao meu ver, o peor do filme non é a recreación desa “Galicia profunda” que maquinara a condesa Pardo Bazán, senón a súa mensaxe política, da que non se fala nos medios de comunicación. Esa de que os labregos pobres, brutos, violentos e resentidos para deixar de selo, para vivir como os colonos chegados de fora, necesitan dos cartos das eólicas. Así que, xa sabe, sexa un bo galeg@. Sexa amábel, dócil, civilizad@, castelanfalante e modern@: chante un viraventos no seu xardín. Xa o apunta Sorogoyen no seu filme, as eólicas redimirán a Galicia do atraso. Pola outra banda fique vostede tranquil@, o goberno da Xunta de Galicia fará o indicíbel, coma sempre, a prol da desaparición do galego como lingua viva, como lingua de cultura e de futuro.
Aaahhh! e se algo disto lle amola, non o diga publicamente por favor, non sexa un acomplexad@, non fique a marxe da sensibilidade dominante.