As caixas de aforros no rural

Todos os días escoitamos verbas e máis verbas, de políticos que teñen moito poder, dicindo que hai que axudarlle ó rural galego, que está despoboándose con celeridade, mais cando se presenta algunha ocasión de demostralo, non fan absolutamente nada.

Están pechando oficinas de Novagaliciabanco en pequenos pobos, o que representa un pau brutal para a xente que vive neles e non se ve ningunha iniciativa para evitalo

Por exemplo, agora mesmo están pechando oficinas de Novagaliciabanco en pequenos pobos, o que representa un pau brutal para a xente que vive neles e non se ve ningunha iniciativa para evitalo.

Non se pode comprender que á xente, xeralmente maior, se lles obrigue a trasladarse, a veces máis de vinte quilómetros para achegarse a un banco, pois nin caixeiro lles deixan. Isto obrígaos a ter máis cartos na casa, o que incrementará os atracos e igualmente dificulta moitísimo as actividades dos que teñen un pequeno negocio nos pobos, ou pretenden instalarse neles.

Isto obrígaos a ter máis cartos na casa, o que incrementará os atracos e igualmente dificulta moitísimo as actividades dos que teñen un pequeno negocio nos pobos, ou pretenden instalarse neles

As dificultades das caixas de aforro galegas non proveñen dos establecementos que teñen nos pobos, esas sucursais estaban moi saneadas con cartos da emigración e dos aforros conseguidos con moito suor. Con eses aforros, a maioría das veces, fixéronse inversións excesivamente arriscadas, moitas fora de Galicia, que conduciron o actual estado, xunto coa incompetencia de algúns dirixentes e políticos enchufados nas Caixas.

É certo que agora son entidades privadas, e que so atenden ós seus beneficios, por iso moitos criticamos a súa transformación en bancos no seu intre, de tódalas maneiras á empresas privadas como Repsol ou Correos esíxeselle un servizo no rural, aínda que non sexa tan rendible. A Xunta, as Deputacións e os concellos, sobre todo a través da Fegamp, teñen, se queren, moitas armas, coas que poden forzar a estas entidades, e evitar esta desfeita. O que non vale é mirar para outro lado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.