As cores do diñeiro

Falar de cores no outono non é un xeito moi orixinal de comezar unha paragrafada, un artigo, un desbarre. Dan ganas de coller todos os estereotipos e botalos contra a parede, en plan graffiti desleixado e evitar falar dos dourados e das setas, das castañas e os orballos, dese preparármonos para os resumos do ano que virán en decembro. Neste novembro acabado de estrear todo aparece moito máis gris e escuro, coma se os infundados optimismos nos que queríamos crer a principios de xaneiro esvaeceran e o pesimismo medrara. Ese co que nos conformamos e que non fai que unha revolución sexa retransmitida, tuiteada ou mesmo abroncada: un outono morno e farrapento.

Hai moito que quentar e amañar e, diante desas escavadoras orzamentarias que morden e anuncian desmantelamento, hai reaccións que pretenden frear a dentellada do baleiro. Cidadáns que contribúen á súa biblioteca, por exemplo, cando a coñecen vítima de falta de presuposto e, polo tanto, de adquisicións. Arrimando o ombro e rascando dos seus propios petos. Non é discutible a xenerosidade. Unha se pregunta se estamos a  asumir e instalar unha cultura da tirita, do esparadrapo e dos primeiros, e parece que últimos, auxilios. Estamos alimentando, coa mellor das intencións, unha cultura da precariedade “sostible”? Do moito que a inxustiza ten calado en nós  parece que xa non lle damos moitas veces nin unha oportunidade ó equilibrio que tería que desterrar a caridade dando paso ó que procede, ó xusto.  O breve camiño entre a axuda e a esmola é a mesma liña que vai desa precariedade sostible á pobreza, de estar arriba ou abaixo, dos que sempre darán porque poden e dos que simplemente recibirán. Mantendo para sempre ese sistema.

Falaba eu ao principio de cores e non podo deixar de pensar nas distintas gamas que lle outorgamos ós cartos, segundo a súa orixe: doazóns de millóns de euros que son polémicas xa de inicio, un diñeiro que lles parece a moitos gris e oportunista. Aparecerá, claro, a dúbida de saber de que estamos falando: se de marketing, se doutros trapos sucios que tapan estes veludos ou de auténtica e real filantropía. De se os finais xustifican os medios e os principios. Pois non o sei.

O que si teño por certo é que hai doazóns coma agasallos que non deben cuestionarse. Por moito que algunha señora das que saen na televisión polas mañás queira pedirlle aos riles e aos fígados algún tipo de garantía de boa conduta moral ou certificado de penais, quizais para tamén tapar un oco de ignorancia ou xustificar absurdamente minutos de pantalla. Pero iso xa, loxicamente, é outra historia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.