As débedas públicas como estafa

As débedas públicas, xunto aos plans de axuste, téñense convertido nas derradeiras décadas nun mecanismo moi eficaz de transferencia de recursos –redistribución de rendas- dende as clases populares –clases de rendas medias e baixas- as clases de rendas altas, maiormente bancos e axentes financeiros. Si a finais do século pasado foron os estados do Sur os que padeceron este saqueo ao través do pago da débeda externa, agora son estados europeos e moi especialmente os periféricos –Portugal, España, Grecia- as vítimas e por medio da débeda soberana.

En España, e en Galiza, o Partido Popular explicou a crise financeira do 2008 por mor de que os cidadáns “vivíramos por riba das nosas posibilidades”. Un gasto excesivo estaba, segundo estes profetas do capital, na raíz da grave crise polo que a superación da mesma debería pasaren por unha redución dese gasto -público e privado- que levara a uns déficits e unhas débedas públicas insostibles.

Pois ben e centrándonos en Galiza vimos de coñecer, segundo fontes solventes, que este país pechou o 2015 con unha débeda pública de 10.300 millóns de euros, equivalente ao 18,5% do PIB. Para avaliar a real importancia do dato lembremos que no ano 2009 -cando A. Núñez Feijoo ao fronte do PP acedía a Presidencia da Xunta de Galicia- a débeda pública galega era de 4.900 millóns de euros –equivalente ao 8,6% do PIB-. Isto significa que durante os mandatos de A. Núñez Feijoo (PP) a débeda pública de Galiza incrementouse en 9,9 puntos –duplicouse- equivalentes a 5.400 millóns de euros. Un incremento que realmente é superior xa que na débeda pública contabilizada para o 2015 non se inclúe o gasto público –xuros e amortizacións- derivado tanto do Hospital de Vigo como de distintas autovías –que suman en conxunto mais de 2.000 millóns que haberían que engadir a débeda pública si contabilizada (10.300 millóns)-. Un gasto que, nembargante, a Comisión Europea non considera débeda pública senón gasto corrente (capitulo II), aínda cando os cidadáns o paguemos como si fora débeda.

Esta Xunta de Galiza aparecera no seu día como abandeirada do chamado “austericidio”, o axuste fiscal compulsivo. Unha estratexia xustificada, como dixen ao principio, en base a que “os galegos vivíramos por riba das nosas posibilidades” e agora deberíamos apertarnos o cinto empezando polo gasto público e os salarios para deste xeito conseguir reducir os “excesivos” déficits e débedas públicos e privadas. Compre inmediatamente subliñar que si o PP galego consideraba como excesiva a débeda pública do ano 2009 como considera a débeda pública actual (2015) que mais que duplica o valor daquela?.

Por si ese dato non fora suficientemente clarificador saibamos tamén que durante estes dous exercicios (2009-2015) o goberno galego pagou, en concepto de servizos da débeda –xuros e amortizacións-, un total de 7.600 millóns de euros, unha cantidade moi superior ao global da débeda inicial (4.900 millóns de euros), un pago que nembargante non impediu que a débeda seguira medrando (de 4.900 a 10.300 millóns), chegando a producirse o despropósito de que nos derradeiros anos a débeda contraída anualmente ía destinada case na súa integridade ao pago dos servizos da débeda acumulada. Tomemos como exemplo o que pasou no 2015: nese ano os ingresos públicos por débeda sumaron 1.700 millóns de euros, dos cales 1.544 (90,8%) foron para a carga da débeda acumulada mais as amortizacións quedando so 23 millóns de euros (1,4%) para investimentos, “para financiar 23 millóns de euros en investimentos a Xunta de Galiza tivo que endebedarse en 1.700 millóns de euros” (X. Álvarez Corbacho: “Orzamentos e débeda pública”. TEMPOS NOVOS, agosto 2015). A Xunta contrae débeda para pagar débeda -e non para o financiamento de bens e servizos públicos- ao tempo que aquela segue medrando. Un disparate?: non, UNHA ESTAFA.

Durante estas dúas lexislaturas o goberno galego (PP), utilizando sempre como xustificación a necesidade de rebaixar a débeda pública, levou a cabo uns recortes brutais no gasto público en atención sanitaria (-12%),  ensino (-11%) e dependencia (ata un 25% de rebaixa na prestación media, e un 21,5% de aumento na denegación de solicitudes) entre outros servizos públicos básicos. Recortes que, nembargante, non impediron que a débeda pública galega seguira medrando e de xeito exponencial (210%)

Neste contexto está mais que xustificado, realmente é unha necesidade, reivindicar que o novo goberno galego, que saia das urnas na vindeira consulta electoral, faga unha AUDITORIA da débeda pública galega pois os galegos temos dereito a saber a verdade sobre a mesma. A verdade de por que, a pesar dos grandes axustes no gasto público (-14,5%), a débeda pública galega non parou de medrar durante estas dúas lexislaturas do PP con A. Núñez Feijoo ao fronte da Presidencia da Xunta. A saber o POR QUÉ desta ESTAFA e QUEN se beneficia da mesma.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.