Son as sete da tarde de finais doutro agosto. O silenzo do val de Muras é rachado polo son dos sinos e, deseguida, polo ladrido dun can. A torre das campás xace arredada da igrexa e do camposanto no prado alto albiscando un mesto val de veludo verde. Polo oeste chegan os fermosos nubeiros a pintar no ceo unha grade de grises dispostos a se espellar no Eume como unha promesa de nova sementeira. As marelas danlle o rabo na aba do prado, perto da torre sineira co ritmo pousón doutros tempos e pasa un carro de vagar pola estrada principal do povo, a que abeira o camposanto, camiño da serra. Nunha das dúas baiucas unha muller fala cun home na nosa lingua. Os pequenos non. Algo que me atristura sempre nas vilas e aldeas.
Na casa verde repousa un fermoso poio feito cicais polas mans habelenciosas de seu dono cun respaldo moi creativo labrado de dúas toradas dunha árvore que non consigo descifrar dada a miña ignorancia botánica. Ignorancia que case dúas décadas de escola academicista non foi quen de tirar.
Abaixo está A Veiga. Unha pequena e fermosa carvalleira agarimada polo río, o mesmo que fornece, como un grandioso dragón, as fragas do Eume e derrama as súas augas en Pontedeume competindo exitoso cos seus outros irmaos, disque por non ser tan durmiñento. Quen sabe que pasará cando a lagoa da mina de As Pontes comece a trastallar o seu natural fluir cara o mar dos Ártabros.
As casas grandes de pedra de Muras fan gala de clan lugués, ao abeiro de terras largacías e serras bravas comestas polos ventos e albas de neve que nos lembran o ouleo dos lobos na Gañidoira. Un paraíso que en terra de colonia bota a xente á emigración. A escola e o traballo lonxe como ponlas tortas dunha raigame enxoita. Só as vacas e o plástico e un parque eólico a moer un ar cobizado polas grandes empresas da enerxía.
Os eucaliptos comezan a asomar a súa longueirona testa no máis outo. Ralean, mais son unha sombra avesa que estarrece nesta bela paisaxe. O feísmo urbanístico é moderado en Muras. Magoa dunha casa á venda, tradicional, con galería, chegando á igrexa e que un concello nacionalista devera conservar e que, ano tras ano, vaise mudando en ruína.
Aínda ben, Muras é un exemplo de povo acolledor. Deitada na carvalleira pública con mesas de pedra e grella a dispor de todos, penso na fraga do Menáncaro e o río da Sardiña, no val de Pazos, no concello de Ferrol e non podo por menos que envexar a Muras. Menáncaro sobrevive de milagre e pola defensa dun grupo de ecoloxistas e veciños a un proxecto especulativo artellado desde algún político do propio concello que há anos tiña intereses lucrativos nel. Agora durme no deleixo so da ameaza de calquera lume solto que xustifique a súa urbanización. A distancia ao clube de campo fai da fraga un espazo cobizado a pesares de ter unha gaveta de Medio Ambiente algún plan de protección do río da Sardiña.
Quen nos dera, malia o plástico, ter no Menáncaro unha Bibiana Adriana López de Pablos Quevedo que conservara a fraga para disfrute das presentes e vindeiras xeracións!.