Confeso que mais dunha vez pensei na necesidade dalgunha forma de restrición do voto democrático. Non sei ata que punto era o meu un sincero e inocente exercicio intelectual, ou agromaba como consecuencia das repetidas derrotas electorais
Confeso que mais dunha vez pensei na necesidade dalgunha forma de restrición do voto democrático. Non sei ata que punto era o meu un sincero e inocente exercicio intelectual, ou agromaba como consecuencia das repetidas derrotas electorais. Supoño que as dúas cousas: os fracasos aguilloaban os miolos e logo estes construían un discurso comenenciudo que desculpaba aqueles. Incluso cheguei a dirixir un equipo de investigación no CIT (Cadron Institute of Technology) na procura dun trebello de avaliación instantánea do voto emitido, que se colocaría a carón de cada furna e calibraría nunha escala de 0 a 10 a calidade de cada voto. Teño que dicir que a nivel tecnolóxico non houbo problema e de feito chegamos a construír un prototipo que funcionaba, pero non nos demos posto de acordo no que debía avaliar e aí morreu o conto. Ademais, o alcalde de Lalín deixou de subvencionarnos para poder rematar o novo consistorio, que tamén era cousa tecnolóxica.
1 persoa=1 voto, aínda que a persoa fora burra, trenca, birolla, borracha ou de vida licenciosa. Nesa igualdade radicaba a grandeza da propia democracia
Todos temos dereito a conducir un coche, pero para poder exercer ese dereito na vía pública debemos antes superar unhas probas de aptitude. O sufraxio universal garántenos a todos o voto, mais para exercelo efectivamente habería que demostrar dalgún xeito que un está capacitado. E penso que todo o meu dilema viña da constatación de que o voto de fulano de tal, que malamente sabía ler e escribir, nin coñecía as diferentes candidaturas nin as propostas que cada unha facía, e que votaba a papeleta que alguén de confianza lle metía no peto da chaqueta; pois ben, o voto dese fulano de tal valía 1, ou sexa, que valía tanto coma o meu, que tamén valía 1, pero era un voto ilustrado, consciente e a mantenta. Era isto a democracia? Pois si, 1 persoa=1 voto, aínda que a persoa fora burra, trenca, birolla, borracha ou de vida licenciosa. Nesa igualdade radicaba a grandeza da propia democracia, e se a rachabas, entón xa non era democracia senón outra cracia calquera. Xa, pero se por un casual resultaba que había mais parvos ca listos, nunha democracia podíase chegar a facer o que decidiran os parvos. Si, certo, esas son as miserias da democracia … Mais perde coidado, que á fronte dos parvos sempre ha haber un listo.
Son consciente de que hai motivos abondo para a desilusión co noso sistema político, pero nunha democracia, o voto é un dereito e tería que ser tamén un deber, para poder facer efectiva a súa ecuación fundamental
Superado o proído restritivo, así estaban as cousas ata onte, que fun levar o fillo a un partido de fútbol en Boqueixón. Cando ía meter a bolsa do rapaz no maleteiro, coas présas non agardei que a porta levantara de todo e zas!, dei con toda a calva no gancho da pechadura, deixando nela unha boa petada de pelos invisibles. Logo de baixar varios santos en procesión e botárllelas culpas de todo ó fillo, recuperei a consciencia e deume por pensar que dando por boa a igualdade democrática teórica 1 persoa=1 voto, igual o problema estaba en que na realidade nunca se materializaba tal igualdade. Uns exemplos: nas derradeiras autonómicas galegas, por cada 100 persoas houbo 65 votos, ou sexa, que faltaron 35; nas derradeiras estatais, por cada 100 persoas faltaron 33 votos para que se cumprira a igualdade; e nas derradeiras presidenciais nos USA aínda a cousa foi peor, xa faltaron 41 votos de cada 100 persoas. Que lle está a pasar ás democracias occidentais? Vendemos polo mundo adiante as excelencias do voto libre, e logo vai nós e libremente non votamos.
Nunca deberiamos esquecer que o poder dos ricos está nos cartos e o dos listos na listura, e o único poder que nos queda ós parvos e ós pobres é o número
Son consciente de que hai motivos abondo para a desilusión co noso sistema político, pero nunha democracia, o voto é un dereito e tería que ser tamén un deber, para poder facer efectiva a súa ecuación fundamental. Canta mais participación electoral, a probabilidade de que o resultado reflicta os puntos de vista do conxunto da sociedade é maior. Por moito que esbardallen na súa contra, ós partidos políticos a abstención impórtalles ben pouco. Se os vas votar a eles, por suposto que si lles importa e moito; pero se non, como se te quedas na casa calcetando. Ademais, sexa cal sexa o nivel de abstención, os escanos adxudícanse todos e o custo en votos de cada unha das cadeiras é menor. E nunca deberiamos esquecer que o poder dos ricos está nos cartos e o dos listos na listura, e o único poder que nos queda ós parvos e ós pobres é o número.