As eleccións autonómicas e o deterioro ecolóxico de Galicia

A convocatoria das eleccións autonómicas debería servir para, por caso, analizar como se atopa a nosa comunidade logo desta última lexislatura conservadora (PPdeG). Galicia, dende a perspectiva das maiorías sociais e do propio país, está hoxe mellor?, foi quen de superalos problemas que agochaba ou polo contrario eses se manteñen e incluso se agrandaron e ampliaron?. A tese de quen isto escribe é a última: Galicia segue cabalgando marcha atrás por que os problemas sistémicos non se resolven senón que se agudizan e amplían. Esta comunidade non so mingua senón que se deteriora en asuntos tan decisivos e vitais para un pais como o ecolóxico. 

 

Cambio climático

Unha manifestación serodia do deterioro ecolóxico é o cambio climático, algo que afecta cada vez mais a Galicia e que xa non é so unha opinión de científicos e expertos senón que hai unha crecente maioría de cidadáns/nas galegos/as os/as que comproban diariamente os cambios que se dan tanto nas temperaturas como nos fenómenos atmosféricos (sol, choiva, vento....) e nas propias estacións que presentan crecentes contrastes. Cambios que non parece respondan a causas naturais senón que son consecuencia da actuación da humanidade sobre a propia natureza, Son efecto dun modelo de crecemento económico que non repara nos custos ambientais pois os considera irrelevantes. Un modelo que na procura da máxima ganancia chega, por caso, a considerar os incendios forestais mais como un nicho de negocio (“a industria do lume”) que como un desastre ecolóxico a evitar. 

A contribución dos incendios forestais ao quecemento climático ven por varias vías. A primeira por que os bosques forestais son ecosistemas que xogan un papel moi importante na mitigación dos Gases de Efecto invernadoiro (GEI) por ser quen de fixar e absorber CO2 de maneira natural contribuíndo así a regulalo clima. Esto implica que os incendios ao reducir esa capacidade incrementan a absorción de calor terrestre. Ademais os incendios como tales son unha fonte moi importante de emisións de carbono que contribúen a creación na atmosfera de GEI tal que provocan alteracións no clima. Finalmente os incendios supoñen unha mingua de riqueza pola perda de solo fértil, a desaparición de ecosistemas, a morte e fuxida de animais e a desertización. 

En relación ao impacto directamente económico ademais da evidencia de que todo deterioro ecolóxico ten un custo económico están a destrución de riqueza forestal e de fauna, a paralización de procesos produtivos e a diminución de fontes de traballo, entre outros. Finalmente e nunha visión estritamente economicista os incendios forestais retraen unha grande cantidade de recursos públicos que deberían orientarse a actividades forestais de produción e conservación. 

Outro factor que coadxuva ao cambio climático deriva do elevado consumo de enerxía. Galicia non escapa a un modelo de crecemento económico no que o consumo de enerxía ocupa un papel central. Si ben na produción de electricidade é serodia en enerxías renovables (75%) hai outras actividades económicas como son, por caso, o transporte, a industrialización e a produción agrograndeira nas que o consumo de petróleo e os seus derivados é fundamental. Actividades que practicamente son responsables do 75% das emisións de gases que contribúen ao cambio climático. 

Destrución da codia terrestre

Non menor influencia no deterioro ecolóxico ten a actividade extractiva de rochas e minerais da codia terrestre coa súa correspondente produción de residuos. Segundo datos do propio sector Galicia que ocupa o cuarto lugar en España en valor de produción é ademais a comunidade líder na produción de rochas ornamentais como a lousa (60% das exportacións de toda España) e o granito (segunda industria europea) ademais de que nos seus solos se extraen moitos minerais como cuarzo, caolín, arxila, feldespato, etc.

Unhas actividades que xeran unha grande cantidade de residuos que poden adoptar formas varias (sólidos, en pasta, acuosos..) e que ben se almacenan (escombreiras, balsas, presas) ben se verten sen tratar (en moitos casos a rios e outros caudais de auga) ou se abandonan no lugar da explotación. Unhas actividades que nos seus procesos de extracción, elaboración e manexo de materiais a gran escala mobilizan un enorme volume de terra e materia vexetal aumentando así o deterioro nos ecosistemas provocado polos residuos.

Hai que sinalar que, tanto dende os poderes públicos como dende o propio sector, se tende a banalizar os danos ecolóxicos ocasionados por estas industrias extractivas debido fundamentalmente as escasas, ou nulas estimacións fiables que se fan do aire, da auga e dos stocks de rochas consumidos. Igualmente se despreza o feito de que os materiais extraídos da codia terrestre son logo devoltos ao entorno como residuos co que eso supón para o medio ambiente. Aínda que non temos datos fiables si se pode subliñar que os movementos periódicos de terras ligados a estas actividades extractivas é enorme. Tampouco resultan desprezables os danos ambientais provocados polo transporte destas materias dende as canteiras hasta o lugar de destino. 

Calquera cidadán pode ver facilmente as pegadas que provocan estas actividades extractivas nos ecosistemas sobre os que actúan: redución da superficie arborada e perda de cuberta vexetal, perda de diversidade biolóxica, ocupación de solos, avance da erosión, contaminación das augas e de atmosfera...

Sería de agradecer que tanto dende as administracións públicas como, por caso, a Xunta de Galicia como dende centros de investigación e estudios como as Universidades galegas se fixeran investigacións serias con datos fiables sobre os requirimentos de materia cortiza, os movementos de terras e vexetación, o volume de residuos, as cantidades de auga utilizada, as custos estimados da contaminación acuífera e aérea derivados das actividades extractivas. Seguramente comprobaríamos que poucas intervencións sobre a codia terrestre superan en importancia as estas actividades en deterioro ecolóxico. Poucas provocan tantas rupturas nos ecosistemas naturais. 
 

A necesidade de reconciliar o enfoque económico co enfoque ecolóxico

A natureza económica dos problemas ecolóxicos que veño de subliñar, que teñen tamén unha dimensión social e que son so unha parte da problemática ecolóxica global (na que tamén están as grandes infraestruturas viarias, os residuos urbanos....) xustifica por si soa a necesidade de ecoloxizala economía. Que os cálculos da produción e o consumo, que forman a base da macroeconómica, son ineficientes se non teñen en conta os danos ambientais, o deterioro ecolóxico provocado. Que, por caso, e agora que estamos en un proceso electoral non basta con darlle aos programas políticos un vocabulario e un discurso ecolóxicos (economía verde/economía sostible). Non é suficiente xa que iso so supón desviar a atención dos auténticos problemas que debuxan para os/as galegos/as como para o resto da humanidade un horizonte moi negro. Basta con votar a mirada atrás e velos cambios habidos nas últimas décadas, por caso dende que apareceran o I e o II Informe Meadows en1971 (“Los límites del crecimiento”) e 1991 (“Mas alla de los límites) que xa testemuñaban o deterioro planetario. 

O deterioro ambiental, xunto a polarización social, ameaza as promesas do progreso económico que asegura o pensamento “único” dominante. E hora de poñer fin a mitoloxía do crecemento económico baseado na produción e o consumo crecente de bens e servizos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.