As eleccións do señor D´Hondt

O PP gañou, cunha nidia maioría absoluta, as eleccións galegas de onte, cun 45,6% dos votos (38%, por certo, na cidade d’A Coruña) sobre unha participación do 63,64%. Unha maioría de 41 sobre 75 deputados. Feijóo gobernará de xeito hexemónico con só o 29% dos votos. Perdendo 125.000 votos en termos absolutos (de case 750.000 a uns 625.000) É a primeira lección destes comicios: coa regra D´Hondt unha minoría maioritaria rendibiliza extraordinariamente os seus votos con menos do 30% dos apoios do electorado.

É a primeira lección destes comicios: coa regra D´Hondt unha minoría maioritaria rendibiliza extraordinariamente os seus votos con menos do 30% dos apoios do electorado

As forzas que até de agora monopolizaban a oposición (BNG e PSOE) sofriron un severísimo castigo, con 12 deputados menos (o PSOE baixa de 25 a 18 e o BNG de 12 a 7). Porque o carisma de Beiras foi a segunda grande novidade destas eleccións, onde os proxectos emerxentes chantados na proposición construtiva, como Compromiso por Galicia (CXG) obtiveron o desinterese do electorado, malia que moi condicionado polo pouco tempo e pouquísimos medios cos que compareceron coa súa oferta.

Así e todo, the winner takes it all. Feijoo recibiu un aval ás súas políticas de recortes orzamentaria e desatención a respecto do crecemento e da xeración de emprego. Probabelmente porque a propia oposición maioritaria tampouco demostrou crer na posibilidade dun outro modelo económico, chegando a se desmarcar de xeito evidente dos avances sociais e económicos proxectados e parcialmente desenvolvidos polo pasado goberno de coalición. E, tamén, porque a desafección política encarnou nunha ilusión resistencialista (AGE) que está por ver que sexa quen de se converter nunha xenuína alternativa de goberno, malia que Xosé Manuel Beiras teña capacidade abonda para se reinventar e para tecer fórmulas que superen esta eiva.

O galeguismo terá que pescudar fórmulas que lle permitan construír unha alternativa ao PP que o PSOE deixou de representar

Probabelmente o galeguismo terá que pescudar fórmulas que lle permitan construír unha alternativa ao PP que o PSOE deixou de representar. Mais é certo, tamén, que Galicia non vive mellor nin ten máis potencia económica e social ca hai tres anos e medio. Feijóo terá que resolver a supervivencia dunha Galicia mergullada na depresión económica. Compre agardar do seu sentido da responsabilidade que mude a axenda de prioridades nos vindeiros catro anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.