As enquisas e as sombras da caverna

Querer facer política a lombos de enquisas é como querer cruzar o océano a pé: o máis probable é afogar. Nada se lle pode opoñer á pulsión suicida de cadaquén, só a necesidade de que nesa fascinación polo abismo non arrastre a outros contra a súa vontade. Tamén en política, e talvez non todo o mundo coincida necesariamente na caracterización do feito político, os actos deben ser voluntarios. A coerción queda para o espazo da represión, para armar sociedades constitutivamente inxustas e de explotación. A esquerda, seica, aspira a unha sociedade alternativa.

A coerción queda para o espazo da represión, para armar sociedades constitutivamente inxustas e de explotación. A esquerda, seica, aspira a unha sociedade alternativa

Facer política sobre enquisas é como encargar estudos de mercado para determinar en que andel convén colocar o produto e cal interesa que sexa a presentación externa. A elaboración e os ingredientes non difiren no substancial respecto aos outros produtos. O aspecto é o que conta. Pero a política real, sobre todo para aquelas organizacións que nacen coa vontade explícita de seren instrumentos da cidadanía do común, da maioría social, do proletariado, da multitude, dos asalariados e excluídos ou como prefiramos chamarlle, non consiste en colocar na grande área comercial un produto idéntico con diferente envoltorio. Nesas condicións, o suxeito social ao que en teoría se lle entrega esa ferramenta acaba por detectar que na oferta había trampa e antes ou despois ollará para outro lado.

Vivir no universo das enquisas é dar por bo o réxime de representación, no que o exercicio da política é apenas unha proxección das sombras sobre a parede da caverna

Vivir no universo das enquisas é dar por bo o réxime de representación, no que o exercicio da política é apenas unha proxección das sombras sobre a parede da caverna. Nela, eses actores aparentemente políticos son só os seres humanos encadeados e obrigados a ollar sempre na mesma dirección. Mais o universo das proxeccións da caverna hai tempo que se vén esgazando do que habitamos as persoas con carne, sangue, ósos, ollos e as articulacións necesarias para ollar en todas as direccións. A paralaxe entre os dous universos respecto a quen os observa é maior a cada momento. As análises que non teñan en conta esta imposibilidade de sincronización están condenadas a errar cada vez con maior grao de aberración.

Cando unha enquisa se cociña (que é unha forma amable de dicir que se manipulan os seus datos a comenencia) é porque alguén coida necesario condicionar comportamentos

Facer política ao abeiro dunha enquisa publicada por un medio de comunicación tras un evidente e contrastado proceso de recomposición, alteración e reinterpretación de datos pode aproximarnos á parede das sombras proxectadas tanto como para que se convertan en manchas dun tempo pasado que non pode volver; se acaso, poderían repetirse os seus feitos, pero xa sabemos que en modo de farsa. Por iso, sen desprezar o valor de toda proxección demoscópica, cómprenos observar certas enquisas coa distancia que nos permite desestruturar ese universo recomposto en despachos ou en cafeterías en que a ilusión conspirativa proxecta sombras monstruosas.

Cando unha enquisa se cociña (que é unha forma amable de dicir que se manipulan os seus datos a comenencia) é porque alguén coida necesario condicionar comportamentos. Claro que a intención non garante o éxito. Sobran exemplos de enquisas perfectas que se esborrallan en canto entran en contacto cos datos reais. Como para non observalas con cautela. Os comportamentos electorais condiciónanse de múltiples maneiras, é evidente, como se condicionan as necesidades dos consumidores, non abonda co manexo dunha enquisa para determinar movementos e crebar tendencias.

Podemos ver o alargamento progresivo dun espazo de ruptura que expresa a crecente impugnación do réxime de representación. E como ese fenómeno está ligado á eliminación de barreiras que non poden permanecer levantadas sobre territorios de intereses compartidos

A pesar de todo o dito, a enquisa que La Voz de Galicia publicou o domingo pasado ofrece algunhas lecturas máis aló das interesantísimas interpretacións feitas xa por algúns especialistas. Podemos ver, por exemplo, o alargamento progresivo dun espazo de ruptura que expresa a crecente impugnación do réxime de representación. E como ese fenómeno está ligado á eliminación de barreiras que non poden permanecer levantadas sobre territorios de intereses compartidos. Se o capitalismo forza a fragmentación das clases subalternas, a estas xa non parece interesarlles levantar barreiras que dificulten ou imposibiliten a unidade. Nesas condicións, o nacionalismo só é unha expresión do proxecto de emancipación, un programa de concrecións, nunca unha condición ideolóxica previa e indispensable para actuar.

A enquisa do día 20 pretende influír no comportamento das e dos votantes. Ou sexa, restrinxir a política á expresión puntual da cidadanía do común un día de aquí a tres anos. Mais o que pode ocorrer en tres anos é practicamente todo, e todo ao mesmo tempo, o cal orixinaría un colapso histórico e político que nos permitiría labrar vieiros hoxe descoñecidos. Entón non valerán para nada as operacións cirúrxicas de hoxe. O máis preocupante, con todo, é a instrumentalización desa enquisa a favor de intereses de fragmentación. Na cociña conflúen necesidades diversas: as do dono do restaurante, as do cliente, mesmo as obsesións dalgúns cociñeiros. No ámbito restrinxido en que certa vella cultura mesquiña e conspirativa da esquerda sistémica entende por política, búscanse obsesivamente espazos de confluencia de intereses. Coa propia mafia, se for preciso. Saben que a mafia admite pactos, é mesmo magnánima e xenerosa con quen acepta as súas regras do xogo e recoñece os seus intereses últimos. Neste caso, parece que os intereses dunha concepción sectaria do nacionalismo conflúen coa necesidade de frear o impulso dun grupo parlamentario que, tamén na institución, representa un espazo de ruptura.

Parece que os intereses dunha concepción sectaria do nacionalismo conflúen coa necesidade de frear o impulso dun grupo parlamentario que, tamén na institución, representa un espazo de ruptura

Así, é relevante na enquisa a mestura de ámbitos parlamentario e organizativo e a fragmentación de forza, en ambos os casos con aplicación exclusiva contra AGE. O feito de que aparezan datos de Anova e EU por separado, convenientemente interpretados e profundamente condicionados, permítenos comprender en certa medida  a potencia destituínte de AGE e do que representa. Ese é un dato que non aparece como tal nas enquisas, pero que cómpre ter en conta para entendelas.

O feito de que aparezan datos de Anova e EU por separado, convenientemente interpretados e profundamente condicionados, permítenos comprender en certa medida  a potencia destituínte de AGE e do que representa

O xornal, a empresa demoscópica e quen inspira certos movementos e colabora con eles perseguen obxectivos moi semellantes aos doutras formacións políticas: a introdución de contradicións internas en AGE entre Anova e EU fundamentalmente, pero tamén con Espazo Ecosocialista e EQUO, suprimidas e minorizadas á mantenta co obxectivo de precipitar o enfrontamento entre as dúas forzas consideradas principais. A alimentación de posibles contradicións internas, a súa excitación, persegue unha ruptura da coalición, a fragmentación, a reclusión no manso espazo de pureza tan querido a toda caste de conservadores. Pois ben, se a felicidade ten que estar sometida á soidade, á pureza, á barreira como bandeira, os conservadores farán ben en desligar as súas organizacións de todo perigo de contaxio con corpos estraños e en facelas camiñar sen compañía para así certificaren o que os cociñeiros demoscópicos anuncian tras estudaren con pausa as borras da cafetería do Parlamento e as traxectorias dos voos dos paxaros, fundamentalmente dos corvos e das aves roc. Ás veces non vén mal encarar a realidade máis aló das portas das institucións públicas (e privadas) e probar a firmeza do abismo.

Bo sería que se abstivesen de aquí en diante de someter a Xosé Manuel Beiras a máis plebiscitos innecesarios

Ora ben, para chegaren a esta conclusión, bo sería que se abstivesen de aquí en diante de someter a Xosé Manuel Beiras a máis plebiscitos innecesarios. A súa figura intelectual e política non pode someterse por mor de intereses inmediatos a absurdas e innecesarias competicións coa vicevoceira do seu propio grupo parlamentario. Nin con ninguén. Tampouco a ninguén se lle ocorre opoñer a Francisco Jorquera e a Ana Pontón, por poñer un exemplo. É unha monumental falta de sensibilidade e de respecto cara á figura de Beiras, que debera quedar á marxe das miserias de salón desta práctica política vella e sectaria, ese simple, irrelevante e desprezable refugallo da historia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.