As esperanzas fican afundidas ao pé de Lampedusa

“As conversas permitirannos seguir coas nosas discusións”, con estas verbas explicaba o Presidente da Comisión J.C. Juncker aos medios os resultados do Consello Europeo do 23. Quen estea familiarizado coa xiria comunitaria pode máis ou menos entender que coma sempre, as cousas en Bruxelas van devagar. Máis aínda cando se trata de políticas como as de inmigración e asilo, nas que a UE ten competencias moi limitadas e os Estados Membros resístense a cedelas.  As propostas da Comisión sempre quedan nun morno común denominador ao que se chega despois de varias xuntanzas do Consello e meses perdidos. Mesmo cando centos de persoas afogan e milleiros se xogarán a vida pra chegar as costas europeas.

As propostas da Comisión sempre quedan nun morno común denominador ao que se chega despois de varias xuntanzas do Consello e meses perdidos

A traxedia da semana pasada, sen deixar de ser unha catástrofe, ven sendo prevista e denunciada por expertos e organizacións especializadas. O caos no que se encontra Libia, con dous gobernos e unha ducia de faccións favorece o traballo das redes de tráfico de persoas. Estas aprovéitanse da desesperada situación dos cidadáns de estados en conflito civil como Siria, Afganistán ou Nixeria ou de réximes autoritarios como Eritrea. O fortalecemento das medidas de seguridade noutras fronteiras exteriores como as de Bulgaria, Grecia ou España forzan as mafias e inmigrantes e escoller rutas máis perigosas. É importante subliñar que boa parte destes migrantes teñen dereito a ser considerados refuxiados e por tanto teñen unha serie de garantías especiais pola súa condición que os estados deben recoñecer.

Que a primeira potencia mundial en termos de PIB só sexa capaz de igualar o que Italia facía soa coa operación Mare Nostrum, é unha vergoña.

Co fin de atallar esta traxedia, os líderes dos 28 reuníronse pra, de novo, escenificar no Consello as divisións, incapacidades e miserias dos gobernos europeos. O ridículo orzamento das operacións Triton  (Mediterráneo Central) e Poseidón (Exeo), coordinadas pola Axencia Europea para a Xestión das Fronteiras Exteriores (FRONTEX) será triplicado e os seus recursos materiais multiplicados. Porén, que a primeira potencia mundial en termos de PIB só sexa capaz de igualar o que Italia facía soa coa operación Mare Nostrum, é unha vergoña.  Máis aínda o feito de non incluír no mandato das operacións a busca e o rescate de inmigrantes e de ampliar o seu radio de acción para actuar en alta mar. Pola contra, non houbo un acordo explícito para acoller refuxiados, a pesar de que a Comisión propuxera un plan piloto e voluntario co obxectivo de reubicar a so 10.000 refuxiados. Cando menos os Primeiros Ministros tiveron a vergoña de eliminar o ridículo plan de acoller 5.000 refuxiados aprobado uns días antes e deixalo nun número indeterminado por riba desa cantidade. Tamén descartaron o resto de propostas da Comisión para desenvolver unha auténtica política europea de inmigración e asilo limitándose simplemente a implementar a normativa existente.

Pola contra, os 28 si aprobaron o uso da forza para afundir os barcos empregados polas mafias para transportar a inmigrantes e refuxiados, a poder ser cando estes están aínda no porto

Pola contra, os 28 si aprobaron o uso da forza para afundir os barcos empregados polas mafias para transportar a inmigrantes e refuxiados, a poder ser cando estes están aínda no porto. Parece que a operación naval Atalanta, que logrou eliminar a piratería no corno de África é o exemplo a seguir. Para iso precisarán a autorización da ONU e a colaboración dun hipotético goberno de unidade libio. Porén, nun estado falido no que non existe o monopolio da violencia, a identificación e destrución no porto de barcos usados polas mafias é ben difícil, mesmo despregando unha forza de xendarmería europea no país africano. E de seguro que dificultaría pero non eliminaría os fluxos de inmigrantes e refuxiados, os cales buscarían novas e máis perigosas rutas para entrar na UE.
  
A falta de consenso no Consello Europeo era algo previsto, pero é unha magoa que as enormes diferencias de perspectiva entre estados do sur e do norte e o populismo anti-inmigración fagan que moitos países rexeiten medidas mínimas. Porén hai que ter tamén en conta que clase de xente goberna en certos estados. O presidente húngaro Orban, por exemplo, defendía militarizar o Mediterráneo para que ningún inmigrante ou refuxiado chegase a Europa, e de chegar a Hungría serían obrigados a realizar traballos forzados para pagar os gastos causados ao estado. Desde o partido conservador de Cameron criticábase o rescate de inmigrantes en perigo xa que isto podía provocar un efecto chamada. E os gobernos de países desenvolvidos e ricos como Austria e os Países Baixos negáronse a aportar algún tipo de axuda ulterior. Con chusma coma esta nos gobernos dos Estados Membros pouco máis se pode avanzar. Chusma por certo, elixida por boa parte da poboación deses países.

A falta de consenso no Consello Europeo era algo previsto, pero é unha magoa que as enormes diferencias de perspectiva entre estados do sur e do norte e o populismo anti-inmigración fagan que moitos países rexeiten medidas mínimas

A UE, con competencias limitadas, pouco pode facer se non existe un forte apoio por parte dos 28 para desenvolver unha auténtica política común ou directamente accións puntuais para salvar vidas. O Consello Europeo do 23 mostrou unha vez máis as diferencias entre norte e sur.  Quen é directamente afectado pola chegada de inmigrantes ás costas e quen recibe e acepta a maior parte de peticións de asilo (Alemaña soamente recibe un terzo das máis de 600.000 demandas e admite a maioría).

 

O Parlamento Europea posiciónase

O Parlamento Europeo ameaza con non aprobar o próximo orzamento se non se dota a estas misións e a FRONTEX de maiores recursos

Entrementres, o Parlamento Europeo ameaza con non aprobar o próximo orzamento se non se dota a estas misións e a FRONTEX de maiores recursos. FRONTEX cun orzamento de 114 millóns é incapaz de realizar efectivamente as funcións para as que foi creada. Basicamente, fortalecer, harmonizar e coordinar a xestión das fronteiras exteriores da UE. Estas non son so as de Tracia ou o Mediterráneo, tamén as orientais pola que entran inmigrantes e refuxiados de Ucraína, a dos Balcáns, a cal é a maior porta de entrada á Unión (de facto, ducias de miles de kosovares entraron na UE a través de Hungría non hai moito) e obviamente os aeroportos internacionais. Pola súa banda, a Comisión vai publicar no próximo mes unha nova axenda sobre as políticas de inmigración e asilo que marcará o traballo da UE durante os próximos meses e anos. Está por ver que as propostas sexan realmente ambiciosas e que non fiquen diluídas debido á insensibilidade dos gobernos dos 28. Estas deberían incluír un sistema europeo que facilite a xusta distribución de refuxiados, unha maior solidariedade e cooperación cos estados veciños, a harmonización de procedementos de asilo, etc. 

Mentres non se logre a paz e desenvolvemento de Siria, Afganistán o Sahel, o corno de África, Libia ou mesmo Ucraína, miles de refuxiados seguirán  a bater nas portas e a agatuñar os valados que nos protexen dos outros

Obviamente, isto todo tería que ser complementado por un esforzo a nivel europeo e global por solucionar as crises humanitarias que rodean a UE.  Aínda que a Unión loite contra as mafias, mentres que haxa territorios nos que o estado non existe, como Libia, o Sahel ou o Sinaí, ou no que o goberno está directamente implicado nestas actividades como o de Eritrea, é imposible  acabar con este problema. Igualmente, por moito que a UE axude aos estados de tránsito a regular os fluxos migratorios, o desespero seguirá a forzar a centos de miles a xogarse a vida.  En definitiva, mentres non se logre a paz e desenvolvemento de Siria, Afganistán o Sahel, o corno de África, Libia ou mesmo Ucraína, miles de refuxiados seguirán  a bater nas portas e a agatuñar os valados que nos protexen dos outros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.