As falsidades non se xustifican

Hai uns días, María Dolores de Cospedal, esa intelectual (pareado non buscado), explicaba, na súa liña habitual de dicir chorradas unha tras outra, que as falsidades non se documentan. Referíase a Bárcenas, claro, e a súa frase é unha obviedade desas que pretenden facernos pasar por parvos a todos e a todas os que estamos do outro lado, escoitando e pensando se nos escarallamos de risa ou nos poñemos violentos (mellor escarallarse de risa, si). A esencia do suposto argumento é: se é unha falsidade, non se pode documentar. O problema é que ás veces son verdades que a algúns lles amola que o sexan e prefiren dicir por aí que son falsidades. Máis que nada porque se as tales fasidades aparecen documentadas, daquela quen está a mentir é quen di que era todo unha trola.

Que non sei se me explico.

María Dolores de Cospedal, que ninguén sabe aínda como é que sigue no seu posto despois da tolemia aquela do despido en diferido, despido a distancia ou despido falso, vai ti a saber, sostivo esta semana que como todo é unha grandísima trola trola, que daquela que non hai que atender a supostos papeis, verdadeiros ou non (unha paréntese: é curioso o dano que fixo Bárcenas á lingua española...porque agora, cando dis por aí "los papeles de..", aínda que non se queira acabar a frase como todo o mundo a quere rematar, á xente sáelle o nome de Bárcenas todo seguido; pobre Cervantes). Dicía, que me perdo, que escribo este artigo en diferido, que María Dolores de Cospedal di que as mentiras non hai que documentalas.

María Dolores de Cospedal, que ninguén sabe aínda como é que sigue no seu posto despois da tolemia aquela do despido en diferido, despido a distancia ou despido falso, vai ti a saber, sostivo esta semana que como todo é unha grandísima trola trola, que daquela que non hai que atender a supostos papeis

Pois vale. Pero non sei que lle parecerá a Aznar, esa pantasma que lle sae a Rajoy para cantarlle aquilo de Peret de "yo se más que tú", iso que di Cospedal, pois o forzudo expresidente do goberno, cando nos meteu na guerra de Iraq (que nos meteu) e cando ía tomar hamburguesas feitas na barbacoa do presidente Bush fillo de Bush (lembrades cando se lle pegou o sotaque texano?...teño vivido poucas situacións de vergonza allea comparables a esa...e xa que estamos, digo eu, se mandamos a Aznar un tempo a vivir por Vigo -ou por calquera outro sitio do país- pegaráselle o acento das Rías Baixas ou iso é algo que só pasa co acento ianqui???), dicía, a ver se retomo o fío, que cando o Aznar era presidente e estaba de picnic con Bush fillo de Bush e Toni Blair, explicándonos que Saddan era Satán e que había que ir alí botar bombas sobre a poboación civil dese país, dicía, que daquela si que lle pareceron documentos irrefutables aqueles powerpoint mal feitos que Collin Powell amosaba para dicirnos onde tiña o arsenal nuclear o malo malísimo. Aquilo era tan parralleiro (aínda que eran "documentos") que xa cheiraban a mentira dende o primeiro segundo. Pero para o PP eran documentos. Probas. Verdades irrefutables. E así o dixo Aznar naquela entrevista concedida a aquel paladín da imparcialidade xornalística, Alberto Urdaci, cando afirmou que ninguén tiña que ter dúbida, diante das probas e dos informes, de que había armas de destrución masiva no Iraq.

Son parvos. En directo e en diferido.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.