As hipotecas do pasado

O relevo na Xefatura –coroada- do Estado español está servindo como test indicativo dos cambios operados na opinión pública e publicada e nas distintas respostas formuladas polas forzas presentes no escenario político.

Un dos lugares comúns mais utilizados polos analistas do establishment é o carácter singularmente decisivo que lle outorgan ao papel  xogado por Juan Carlos de Borbón na conformación do réxime constitucional de 1978. Esta tese non resiste un contraste rigoroso co sucedido a partir do 20 de novembro de 1975. Aínda aceptando a evidencia de que o novo Rei incumpriu o xuramento de fidelidade aos “Principios Fundamentais do Movemento Nacional” que figuraba como condición nominal indispensábel para a súa designación como sucesor de Franco, resultou moito mais determinante o pacto realizado entre os sectores políticos procedentes do franquismo –encabezados por Adolfo Suárez- e os dirixentes do PSOE, PCE, CiU e PNV. O aval das chancelerías europeas e norteamericanas, ademais do apoio dispensado polos sectores mais dinámicos do capitalismo español, completou o esqueleto básico sobre o que ficou construída a transición da ditadura ao modelo democrático vixente. A figura do Rei foi unha peza mais do deseño executado pero carecería de valor decisorio se estivese desconectada da transacción  acordada entre quen se atopaban colocados –antes de 1975- en campos abertamente confrontados.

A figura do Rei foi unha peza mais do deseño executado pero carecería de valor decisorio se estivese desconectada da transacción  acordada entre quen se atopaban colocados –antes de 1975- en campos abertamente confrontados

Case catro décadas despois, invocar a permanencia do pacto da transición é un desexo comprensíbel dos sectores que postulan o inmobilismo –ou ben un certo cambio lampedusiano- ante as novas circunstancias que concorren no presente momento histórico. Existen, polo menos, tres razóns que fundamentan a necesaria revisión do acordado: as explícitas distancias críticas tomadas por dous protagonistas relevantes daquel consenso (PCE e CiU); o indiscutíbel peso demográfico adquirido polas xeracións que non estaban en disposición de poder emitir un xuízo a respecto do contido ofrecido no paquete constitucional e, por último –pero non o menos importante-, a emerxencia de conflitos (a grave erosión das prestacións públicas por mor da xestión da crise económica e a demanda dunha consulta para fixar a relación entre Catalunya e o Estado español) que esixen a elaboración de novos marcos regulatorios capaces de suscitar vontades comúns.

A maioría do corpo social quería pasar a páxina da ditadura pero mantiña unha lembranza paralizante da guerra de 1936 e, xa que logo, apostou por reforzar aos elementos mais “centristas”

O contexto que se viviu nos primeiros anos do postfranquismo  facilitou a viabilidade do consenso constitucional. A maioría do corpo social quería pasar a páxina da ditadura pero mantiña unha lembranza paralizante da guerra de 1936 e, xa que logo, apostou por reforzar aos elementos mais “centristas”  (A. Suárez e F. González) que debutaban na contenda electoral de 1977. Ese clima de opinión dominante non permitiu que as propostas asociadas aos programas de ruptura democrática tivesen o apoio requirido para a súa posta en práctica. Por iso, cando os dirixentes do PCE renunciaron ás principais reivindicacións formuladas no combate antifranquista non pagaron as peaxes que cabía pensar e as forzas políticas mais radicais non melloraron –agás nalgún caso concreto- a súa posición relativa.

A retirada de Juan Carlos de Borbón alimenta as expectativas dun eventual proceso de cambio constitucional. A favor do mesmo operan as novas tendencias aparecidas no corpo electoral na recente cita do 25 de maio, nomeadamente o desgaste padecido polo bipartidismo hexemónico e a gravidade persistente da crise económica. A principal dificultade para a materialización da mudanza que reclama dende diversos sectores radica na extraordinaria rixidez dos procedementos previstos na propia lei de leis (esta foi unha gravísima hipoteca aceitada pola oposición antifranquista que apoiou o texto de 1978).

É realista pensar na viabilidade dun acordo programático mínimo entre as organizacións que non votaron afirmativamente a substitución operada na Xefatura do Estado español?

As contundentes maiorías esixidas condicionan seriamente o alcance real de calquera modificación. Por iso o PP utiliza a coartada cínica de solicitar aos demais que formulen unha proposta concreta: cando Rajoy diga que por aí non pasa, a iniciativa morrerá no rexistro do Congreso. En realidade, todo vai depender da composición do Parlamento que resulte das vindeiras eleccións xerais do ano 2015. Só unha diminución significativa do apoio aos dous grandes partidos podería abrir a porta ao debate e negociación dun novo texto constitucional. Ficaría, poren, unha incógnita pendente: existen suficientes denominadores comúns entre aquelas forzas (CiU, PNV, ERC, EH-Bildu, IU, Podemos, BNG, Anova…) que defenden proxectos alternativos aos que postulan PP e PSOE? É realista pensar na viabilidade dun acordo programático mínimo entre as organizacións que non votaron afirmativamente a substitución operada na Xefatura do Estado español? As respostas condicionarán o futuro que agora comeza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.