As iConas de Alberto

Como non tomamos café con eles nin durmimos na súa cama, dos persoeiros políticos coñecemos o que eles e mailos medios de comunicación -propios e impropios- queren que saibamos. A breve historia subxectiva que eu podería escribir do que foi Presidente de Galiza no período 2009-2016 resumiríaa en tres fotos que teño gravadas na retina, tres retratos que nin foron roubados nin traballo duns paparazzi mercenarios e sen escrúpulos. Voulle chamar iConas, escrito así coa C maiúscula para darlle un aire moderno e tecnolóxico, coma iPhone, por dicir algo. A de Alberto é a historia tipica do político-funcionario choutando de furancho en furancho, ata un bo día pousar nunha pola do Banco Mundial ou nun banco do Senado.

A primeira iCona é de 1995 e pertence á etapa “forxadura dun líder”. Feijóo ten 34 anos, vive en Santiago e fai carreira política da man do seu padriño Romay Beccaría, sendo secretario xeral Técnico da Consellaría de Agricultura, Gandería e Montes, e despois Secretario Xeral da de Sanidade e Servizos Sociais, e despois presidente do INSALUD e mais despois director de Correos e Telégrafos. Na foto aparece o noso protagonista sucando as procelosas augas da Arousa, aos mandos dunha gamela tuneada e na compaña do dono da embarcación, o carcamán Marcial Dorado, un dos xefes do contrabando de tabaco en Galiza. Ámbolos dous en bañador, o contrabandista protéxese do sol cun pucho modelo “pensos nudesa” e o secretario xeral fita a cámara detrás dunhas gafapasta de sol; nos ombreiros e na cima do lombo vénselle unhas manchas brancas e irregulares, probablemente moricos de crema solar protectora aínda sen estender, aínda que tamén ben podían ser cagadas das populares gaivotas. Mirada con ollos de agora, que nos volvemos tan exquisitos, a foto igual nos parece impropia e indecente dun alto cargo da Administración; pero non esquezamos que na Galiza de fin de século, os contrabandistas de tabaco financiaban as festas e campañas do Partido Popular nas Rías Baixas e algún deles, incluso, foi alcalde moitos anos baixo as súa siglas.

Na segunda iCona, Alberto xa leva un ano de “xefe da leal oposición”. É Agosto de 2006. Un sol de carallo e un nordés desatado propagan unha vaga de lumes polas beiras da A9 abaixo. Daquela, Feijóo aparece nun dos montes de Cabeza de Boi, en Meis, e manda que lle fagan unha foto cunha mangueira de horta chaspizando o borrallo que deixou o lume xa extinguido. Para os que non son do Salnés compre informar que o lugar de Cabeza de Boi é unha das entradas á Rota da Pedra e da Auga, o paseo do que tanto gusta e disfruta don Mariano. Xa estou imaxinando a escena: logo de xantar e botar unha brisca debaixo dalgunha viña de Meis ou Ribadumia, Mariano di que vai estarricar as pernas polas beiras do Armenteira; “pois eu vou apagar o lume aí arriba, aínda a risco da miña vida, que non me da o corpo pasear namentres arde Galiza”, dille Feijóo. E aló marcha en mocasíns, levis 501 e camisa lacoste, arremangada o xusto para deixar ver o reloxo grande e unhas pulseiras dos hippies, a loitar contra o lume infernal do bipartito, arrincándolle da man a mangueira a unha señora que regaba o cebolo, e logo apertarlle a gorxa á mangueira para guindar o chorro a tres ou catro metros lonxe das canelas.

Á etapa “absolutista ou imperial” pertence a terceira e última iCona do noso protagonista, xa asentado no curuto do Monte Pío. En Marzo de 2010, Feijóo e mailo arcebispo de Santiago son recibidos en audiencia privada polo Papa Bieito XVI. Sen embargo, na foto difundida pola prensa aparece tamén unha muller vestida de negro e cunha cruz no peito, a xogo coas que levan o arcebispo e mailo sumo pontífice. Non vexo quen poida ser. Pinta de monxa non ten e no Vaticano non creo que haxa mulleres nas zonas nobres, pero a cruz no peito despístame. Será un diácono travestido? Tamén pensei, non volo vou negar, que igual era a xornalista madrileña Chinny que andaba en amores co noso Presidente, que iso se contaba nos lavadoiros do país (Chinny, vaia nome para unha persoa decente e cristiá!...ben os amigos da divina Carmina Ordóñez eran o chuli, o pai e o cabra). Pero eu nunca lle dei creto ás laretas, que non é o meu Presidente home de moito andar por andar, nin a pe nin dacabalo. A súa única muller foi, é e será sempre Galiza, Galiza e Galiza. Ademais, aínda que cultivara certa amizade mal entendida coa tal Chinny, no o vexo quen de entrar no Vaticano con ela sen pasar antes polo altar, que sería como recoñecer o seu pecado de amancebamento diante do Papa Ratzinger, o que fora Prefecto para a doutrina da Fe, congregación herdeira do Santo Oficio. Uff... non vexo a Feijóo arriscando así a súa alma. Claro que, ben pensado e vendo como arriscou o corpo no lume de Cabeza de Boi... quen sabe do que é capaz este home?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.