As ideas non poden ser delito

Nunha sociedade democrática o Dereito Penal é o derradeiro instrumento, a derradeira ratio. Só as condutas verdadeiramente graves en termos de dano aos bens xurídicos protexidos nunha democracia poden ser sancionados penalmente.

Vivir en liberdade, vivir en democracia, presupón vivir nun réxime onde a expresión das ideas non pode ser perseguida penalmente. Evidentemente, o problema non está nas críticas construtivas, moderadas, sistémicas. Porque a liberdade de expresión o que xustamente defende é a difusión das ideas menos conformes co criterio social maioritario, as críticas máis acedas e mesmo menos fundadas a respecto dos Gobernos, Igrexas, Xefes de Estado e poderes económicos, sociais, políticos e relixiosos. Porque a liberdade de expresión conleva o dereito de refugar acedamente calquera Autoridade ou calquera valor ou consenso maioritario.

Velaí a conveniencia de derrogarmos preceptos penais desaquelados e de moi dubidosa constitucionalidade, como os que penan as inxurias ao Xefe do Estado e restrinxir moi radicalmente o ámbito dos delitos contra dos sentimentos relixiosos ou de odio para penar só ás chamadas directas, unívocas e potencialmente eficaces na praxe a cometer delitos graves contra a Autoridade e os seus axentes e/ou contra minorías concretas por razóns discriminatorias. Na dúbida, nin acusar nin moito menos penar.

Caso especial é o da apoloxía do terrorismo etarra. Porque este desapareceu no outono de 2011, mentres que as penas por apoloxía do terrorismo etarra medraron substancialmente dende o 2012. Absurdo, xa que a apoloxía só debe castigar as condutas que ameacen con accións terroristas concretas e xustifiquen directamente as mesmas. Sen banda terrorista non pode haber apoloxía efectiva.

Tampouco a ficción, a creación literaria ou artística, poden constituír delito ningún. O caso Valtonyc ven de amosar que o Dereito Penal español neste eido choca coa aplicación europea do mesmo. Porque a función do bufón sempre foi a de criticar e mesmo ridiculizar ao Poder. Mais esta total despenalización da ficción cómpre non só que sexa aplicada na orde xurídico-penal senón tamén na censura social do politicamente correcto. Nin Siniestro Total quería insultar aos musulmáns (“Ayatollah, no me toques la pirola…”) nin Loquillo (“La mataré”) ou Roberto Cantoral (“El preso nº 9”) querían xustificar o feminicidio.

Ao final non é tan difícil. Trátase de se pór do lado do bufón. E, sobre todo, de aplicarmos o sentidiño.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.