Recibín as primeiras novas que anunciaban a dimisión de Xosé Luís Méndez Ferrín coa lóxica sorpresa de quen non tiña indicios previos de que algo así podía ocorrer. Antes de coñecer a explicación do presidente da Academia pensei que, tal vez, estabamos ante a demostración dunhas novas prácticas no funcionamento desta importante institución da vida cultural galega. A hipótese de que o abandono do cargo formaba parte da resposta ás críticas formuladas por algúns episodios rexistrados na contratación de persoal na Academia constituiría un meritorio comportamento do máximo representante da RAG que contribuiría a un evidente reforzamento da súa imaxe.
O nacionalismo galego experimentou máis dificultades das que cabería prever cando xestionou responsabilidades de goberno en diversas institucións políticas e culturais
Cando se fixo pública a nota oficial cos motivos aducidos pola presidencia da Academia sentín unha forte decepción. A tese dunha suposta conspiración transversal non é, precisamente, un argumento orixinal nos conflitos que xorden nas organizacións políticas, sindicais, culturais ou cívicas. De dúas unha: ou é unha coartada analítica para non proporcionar outros elementos mais acaídos para entender a decisión de presentar a dimisión ou ben estamos ante unha grave confrontación no seo da institución e iso require explicitar os termos nos que se prantexa semellante liorta e demostrar a imposibilidade dun proceso de diálogo e negociación sobre as diferenzas existentes.
A experiencia dos últimos anos semella confirmar que o nacionalismo galego –entendido no sentido mais inclusivo do termo- experimentou mais dificultades das que cabería prever cando xestionou responsabilidades de goberno en diversas institucións políticas e culturais. Algunhas obedeceron, sen dúbida, á pouca experiencia dunha elite que, dende 1977, tivo unha cativa presenza nos distintos ámbitos de poder. Pero outras tiveron que ver coa propia traxectoria das persoas mais representativas dos variados segmentos presentes no universo nacionalista. En moitas ocasións os atrancos derivaron dunha incapacidade para construír espazos de encontro a partir das diverxencias, mais ou menos relevantes, acumuladas nas biografías dos protagonistas.
Todo apunta a que estamos ante un déjà vu: estoupido de tensións conectadas con vellos contenciosos vinculados ao rol xogado polos protagonistas deste novo desencontro
A pesar de que aínda non se escribiu o punto final da dimisión de Méndez Ferrin, todo apunta a que estamos ante un déjà vu: estoupido de tensións máis conectadas con vellos contenciosos vinculados ao rol xogado polos protagonistas deste novo desencontro que con eventuais discrepancias sobre asuntos tan importantes como a lexislación lingüística promovida dende o goberno de Núñez Feijoo ou o tratamento dispensado polo actual goberno aos retos que debe enfrontar a nosa cultura nacional.
Creo que, nesta altura, é razoábel pedir dúas cousas. Unha: actuar cunha total transparencia na xestión dos recursos públicos sen invocar previas autoridades morais que, polo demais, deben ser lexitimadas no labor diario dos administradores das institucións. E outra: reducir ao máximo as prácticas cainitas en favor da construción de proxectos renovadores e ilusionantes para a lingua e a cultura galega dos vindeiros anos.