Son as 20:30 dun mércores de mediados de decembro, tras nove horas de xornada Xurxo pecha o seu pequeno negocio situado en Guillarei, preto da fronteira con Portugal. A pesar das datas e da vantaxe económica que podería supoñer estar localizado case na raia, hoxe non foi un gran día. Só dúas chamadas ao longo do día e ningún cliente novo. Como todos os mércores que hai fútbol e xoga o seu equipo preferido, Xurxo recolle rápido e acode a un bar próximo onde se xunta con outros comerciantes da zona. Hoxe opta por un descafeinado, é a consumición máis barata do local, pero pide que a anoten na conta para pagar outro día. Estas reunións improvisadas válenlle a Xurxo e aos seus acompañantes para cambiar impresións sobre e situación económica na zona. Escóitanse sobre todo comentarios dun esplendor que quedou atrás xa hai tempo, e queixas.
Queixas porque non se vende, non se xeran ingresos suficientes e hai que pagar os impostos, os locais, a cota de autónomos e as mercadorías. Por enriba, hai que competir cos benqueridos veciños portugueses que incorren en menos gastos pagando menores salarios. Neste contexto, case ningunha iniciativa consegue sobrevivir no medio ou longo prazo, agás para aqueles que contan con locais en propiedade.
Está a piques de comezar o partido mentres na televisión o presentador do telexornal apura as últimas novas da xornada, sen lograr afastar a impresión de que teñen sido precociñadas unha vez máis. Hoxe falan dos logros galegos na investigación e dos esforzos dos diferentes niveis do goberno para promover a innovación nas empresas galegas.
-Bah, paparruchas! Resposta Xurxo interpelado sobre esta última nova.
Por un intre un podería ter a tentación de intervir na conversa tratando de explicar as bondades da innovación nas empresas, pero un segundo chega para decatarse de que este discurso podería soar moi distante para a realidade económica dunha pequena empresa especializada en metais para a construción como a de Xurxo. Unha empresa na que actualmente só conta con dous empregados, cando nos bos tempos –antes da crise- chegou a ter case vinte
Nun mundo globalizado no que apenas existen barreiras para o capital (aínda que si existen en maior medida para os cidadáns máis desprotexidos, como amosou recentemente a UE), a innovación é unha importante fonte de crecemento económico. É ademais un elemento clave para mellorar a competitividade das empresas -os principais axentes dos sistemas de innovación- nese medio e longo prazo (Porter, 1990). Esta innovación está xeralmente caracterizada por cambios e melloras nos produtos, procesos, servizos, comercialización, distribución ou no coñecemento dos mercados, dos seus actores e da sociedade (Corchuelo & Mesías, 2015). En efecto, existe un amplo acordo na literatura científica en canto a ese papel clave da innovación para lograr a competitividade, sendo preciso para acadar esta meta a proximidade e interrelacións (xeográfica, institucional, cultural etc) dos actores da innovación que favorecen a creación, adquisición, acumulación e aplicación do coñecemento (Lundvall, 1992).
Dispoñer de recursos económico é, polo tanto, un elemento central para estimular a capacidade de innovación dos territorios (Asheim & Coenen, 2006), neste caso Galicia. Precisamente é esta a principal barreira sinalada polos empresarios para acometer actividades e proxectos de I+D+i: a falta de apoio gobernamental para innovar. A esta dificultade, moitas veces infranqueable, habería que engadir outras como a falta de RRHH especializados, o custo dos proxectos, a falta de financiamento privado, as barreiras burocráticas, a falta de efectividade na normativa de protección da propiedade intelectual (Corchuelo & Mesías, 2015) ou a ineficacia dos incentivos fiscais postos en práctica.
O certo é que non debería sorprender que este discurso das bondades do investimento público en I+D+i a Xurxo lle poida soar tan distante. Seguindo unha política procíclica e contractiva, no período 2008-2014 e coincidindo coa crise a porcentaxe de investimento público en I+D caeu do 1,00% ao 0,87% (Sande, 2016). Como consecuencia das realidades económicas citadas o número de empresas innovadoras pasou das case 2.000 no exercicio 2008 a menos da metade, arredor dunhas 980, en 2014. De tal maneira que os resultados galegos da innovación tamén se viron afectados: desde o exercicio 2010 caen en Galicia as patentes1 e modelos de utilidade2 concedidos. Se ben é certo que non todas as patentes son iguais e que tamén é importante nelas a capacidade de xerar retornos, as cifras e tendencias que se poden observar no gráfico 1 a seguir son francamente alarmantes:
Gráfico 1: Evolución nº de empresas innovadoras, patentes, modelos utilidade en Galicia 2007-2014
Fonte: Elaboración propia a partir de datos do IGE
Pero, cal é a perspectiva futura de cara ao presente período de programación europeo 2014-2020? Unha vez máis os nosos gobernantes amosan non ter aprendido ningunha lección coa crise económica. Obsérvense no mapa seguinte os investimentos europeos de Fondos Estruturais destinados a Innovación per capita distribuídos por rexións para eses exercicios. Galicia, con cor clara ou clara-intermedia, sitúase de novo entre as rexións que menos recursos percibirá para esta área, precipitándose cara o baleiro ao repetir o erro procíclico anterior e impedindo o achegamento ás rexións máis desenvolvidas.
Mapa 1: Total de Fondos Europeos Estruturais e de Investimento en I+D (€ per capita por ano)
Fonte: The European Commission's Science and Knowledge Service.
Como se pretende reverter a precaria situación da innovación empresarial na nosa terra con estas políticas? Ou é que realmente xa non se pretende? Que acontece co necesario cambio estrutural que debemos afrontar para ofrecer a Galicia e aos seus cidadáns perspectivas de benestar e viabilidade económica futura a través de actividades que xeren maior valor engadido? O que sen dúbida queda claro é que a nivel institucional autonómico, estatal e europeo queren deixarnos de novo a mercé dunha ineficiente man invisible –a de Adam Smith- cuxo gran mérito continúa a ser a precarización do emprego e a baixada dos salarios, a desprotección dos menos favorecidos e, en definitiva, o terrorífico incremento das desigualdades sociais.
Son as 21:30, Xurxo retírase un día máis a casa suspirando e preocupado polas facturas e o último pedido de material realizado, que non conseguirá pagar este mes. A pesar diso, sabe que tería unha pequena oportunidade de que o seu negocio sobrevivise e así poder pagar o próximo ano os estudos na Universidade da súa filla maior, que este ano cursa segundo de bacharelato nun centro público da zona. Aproveitando os seus coñecementos especializados adquiridos durante anos de exercicio da profesión podería ter esa ansiada oportunidade de subsistencia, pero para iso precisaría dunha viraxe da súa actividade económica, aplicando o seu saber facer para colaborar, por exemplo, con empresas do sector do automóbil –aproveitando a proximidade relativa co xigante Citroën-, ou incluso cara a construción naval -creando sinerxías cos socios e proxectos do Centro Tecnolóxico Aimen-. Sen embargo, Xurxo sabe que á súa pequena empresa non chegarán nin o escaso financiamento público en I+D+i, nin a participación en proxectos con esas grandes entidades, nin as axudas para adquirir a maquinaria e tecnoloxía necesarias para a necesaria viraxe de actividade, nin moito menos os practicamente inexistentes recursos para contratar persoal especializado, así como acontece coas reducidas liñas de axuda ao emprendemento (por non nomear o inexistente apoio na procura de innovacións radicais). Na súa maioría eses fondos irán parar principalmente a algunha gran empresa –moitas delas en mans de capital non galego, fenómeno con tendencia crecente nos últimos tempos- grazas a outras mans invisibles, as que deseñan os programas de innovación para Galicia. Ou non tan invisibles?
NOTAS
1- Patente: A patente é un privilexio outorgado polo Estado que permite explotar en exclusiva un invento ou as súas melloras. Este dereito permite ao titular da patente impedir que terceiros fagan uso da tecnoloxía patentada.
2- Modelo de utilidade: Os modelos de utilidade son creacións técnicas que inciden na forma, estrutura ou constitución de produtos usuais e frecuentes que atribúen ao produto conformado unha maior utilidade da que tiña antes de impoñerlle esa forma nova. Trátase dunha invención de menor entidade que as que se atopan normalmente previstas e protexidas nas regulacións sobre patentes dos distintos países.
BIBLIOGRAFÍA
Asheim, B., & Coenen, L. (2006). Contextualising regional innovation systems in a globalising learning economy: on knowledge bases and institutional frameworks. Journal of Technology Transfer, 31(1) , 163-173.
Corchuelo, B., & Mesías, F. (2015). Innovation policies and barriers to innovation. An analysis in Extremadura (Spain). Final Igi Global , 1-20.
Lundvall, B. (1992). National Systems of Innovations: Towards a Theory of Innovation and Interactive Learning. Londres: Pinter Publishers.
Porter, M. (1990). The competitive advantage of nations. New York: Free Press (Republished in 1998).
Sande, D. (2016). A precaria situación do investimento público en I+D+i en Galicia. Praza Pública [ref. 07 de outubro de 2016]. Dispoñible en http://praza.gal/opinion/3609/a-precaria-situacion-do-investimento-publico-en-idi-en-galicia/