As mentiras de Feijóo en rolda de prensa

Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa © Xunta

Pódese mentir, pódese mentir moito...Pero tanto e tanta veces, é moi difícil. Feijóo consígueo. Na rolda de prensa do pasado 12 de abril, con todos os medios de comunicación para el e en horario de máxima audiencia (á hora de comer), o presidente da Xunta di cousas como: 

Fixo alusión ao Comité Clínico, aos que bota culpas cando ten que tomar decisións difíciles. Cando son réditos políticos positivos para el, son decicións súas e do PP.

Di que Galicia está mellor que outras comunidades autónomas "porque fixo máis test", pero ato tempo di que os test que manda o Goberno de Pedro Sánchez non valen. Fala dos PCR cando lle interesa e para poñelo en boca dos epidemiólogos. 

Di que a día de hoxe Galicia "non precisa respiradores", cando primeiro se pediron, logo se mandaron a Madrid e agora sóbrannos. Vaia xestor!

Advirte de que é Sánchez quen crea o Estado de Alarma cando un día antes foi o propio Feijóo quen declarou o Estado de Emerxencia Sanitaria. 

Fai mesmo comentarios sobre os Pactos da Moncloa, nos que, por certo, Manuel Fraga abstívose e dos que os traballadores saíron moi mal parados. 

Contraprograma a rolda de prensa de Sánchez, facéndoa á mesma hora que a do presidente do Goberno central. 

O que vemos é un Feijóo crispado e facendo a oposición máis feroz a Sánchez. Fala do que sucede na xuntanza con todos os presidentes autonómicos --agás Ayuso, facendo o ridículo cunhas fotos en Barajas--, unha reunión da que non temos máis referencia que o que el nos diga. Cando fará Feijóo rendición de contas coa oposición en Galicia?

Escoitando a Feijóo, vemos que o seu inimigo principal é Sánchez, moito máis que o coronavirus e a desfeita que ten nas residencias en Galicia.

Cando di que a súa prioridade "son as residencias" só dicimos que a responsabilidade está transferida á Xunta de Galicia desde o minuto un, que foi el e os seus gobernos do PP os que nomearon os responsables delas, que previamente permitiu que fosen vendidas a empresas privadas (en boa parte multinacionais francesas e británicas, á marxe da da súa irmá) que son as que xestionan os centros e á quen a Administración debería controlar. Como no Prestige, pasamos dunha incidencia de mortes previsibles pola pandemia a unha catástrofe sanitaria que afecta esencialmente persoas maiores e que acumula o 40% da mortalidade polo coronavirus en Galicia. 

Feijóo fala de que é o "mando único" quen debe dar información contrastada. Preguntámonos onde están en Galicia os epidemiólogos, os expertos en saúde pública, en medicina preventiva... E a pregunta do millón: Onde está o conselleiro de Sanidade, que é médico? En Galicia fala Feijóo e só Feijóo, nunha campaña electoral permanente que xa dá noxo ata aos seus seguidores. 

O presidente da Xunta di tamén que vai facer un estudo epidemiolóxico en Galicia dous días despois de que o dixese Sánchez. Dispón dun un orzamento de 10.000 millóns de euos anuais e ben podería dedicar algo deses cartos ao desenvolvemento da investigación de posibles tratamentos e a tan desexada vacina. Temos expertos e expertas, só falta que teñan financiamento e non só de palabra e a través da privada.  

Feijóo insiste, ademais, en que o Estado lle devolva eses 100 millóns como se sen eles fósemos ter as traxeidas bíblicas cando a Xunta dispón de miles de millóns de orzamento que dan para facer moitas cousas. Se seguimos nesta situación, as roldas de prensa do presidente pasarán á antoloxía do disparate e das mentiras xeneralizadas e que, non por repetilas moitas veces, serán verdade nunca. 

O futuro que nos espera a nós e aos nosos fillos está no qeu fagamos nesta pandemia. E a solución ten que ser entre todos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.