As mentiras do Partido Popular

Unha das primeiras premisas cando unha se pon a escribir o que pretende rematar nun artigo de opinión debería ser, alén de ter algunha idea sobre a que poder pensar e discutir publicamente, a de artellar un título enxeñoso que poda atraer ós lectores potenciais. Entendo que para acadar dito obxectivo é preciso que o mesmo, ademais de certo gancho que poda desprender a combinación de palabras, conte cunha dose de sorpresa ou novidade que, posiblemente, este título non ten.

Sen embargo, unha non pode máis que sorprenderse do escaso custo que ten faltar á verdade cando de política se trata. Non fai falla máis que abrir calquera xornal para ver como medias verdades, explicacións confusas e unha profunda falta de ética persoal se atropelan na boca de moitos representantes políticos.

Nestes días hai un caso o bastante destacable como, pese a non ocupar as portadas dos principais xornais do país, estar na boca de todas. Trátase dos populares papeis de Panamá, as incribles escusas-mentiras do xa ex-ministro Soria, e finalmente a súa dimisión. De esguello pasan asuntos como o de Manos Limpias, posibles delitos electorais do PP de Valencia, e os líos de Aznar con facenda.

A corrupción acurrala a Rajoy e son moitos xa, os que piden a súa cabeza no nome da gobernabilidade e a altura de estado. Veremos se isto é algo máis que un mero xogo de xadrez que cambia as fichas para garantir que o rei permanece. O que si parece claro é que estas novas fan cada vez máis complicada a famosa Gran Coalición, pois cabe preguntarse que partido querería verse salpicado por esa suposta “organización criminal”. Como tamén cabe preguntarse cal é o número de “casos illados” necesario para que pasen a ser considerados polo electorado como unha forma de facer política concreta que, ademais de nos tribunais, debe recibir un congruente castigo electoral.

Sen embargo, nos últimos días ven de publicarse o  Barómetro do CIS, que apunta que a corrupción ten unha importancia moi diferente para os votantes dun ou doutro partido. Dous datos a modo de exemplo: mentres para un 22,5% dos votantes de Podemos e un 23% dos de IU a corrupción é o principal problema do país, esta porcentaxe cae ata o 11,6% entre os votantes do Partido Popular. Do mesmo xeito, a corrupción e o fraude son o segundo problema para o 28% dos enquisados que votaron a Podemos fronte ó 18% dos que o fixeron ó PP. Tras estas diferencias ademais de considerar certa aceptación social da corrupción habería que analizar os factores explicativos do voto: ideoloxía, idade, nivel socioeconómico, liderados e un longo etcétera imposible de sintetizar nestas liñas.

Numerosos estudos teñen concluído o modesto castigo electoral que carrexa a corrupción, de xeito que, pese á crenza popular, rara vez as eleccións acaban funcionando como un verdadeiro sistema de rendición de contas, e ó máis que cabe aspirar, é a que certos escándalos mobilicen ou desmobilicen ó electorado.

No Partido Popular deben tomar boa nota destes estudos, só así cabe entender a actitude de Rajoy que segue mirando a outro lado e actuando como se os casos que o rodean nada tiveran que ver con el. De feito, a súa falta de respecto á cidadanía e ós seus representantes no Parlamento español continúa negándose a acudir á próxima sesión de control ó goberno, fixada o próximo mércores, na que debería responder, entre outros temas, polo devandito caso Soria. En lugar diso, Rajoy continuará a precampaña para o 26J, pois o próximo mércores terá unha reunión con Puigdemont. Unha nova ocasión de escenificar a situación de bloqueo respecto a Cataluña e que lonxe de buscar entendemento, seguramente aproveitará para seguir alimentando o independentismo catalán.

Feijóo tampouco escapa a esta forma de entender a política como a arte de repetir mil veces unha mentira ata que se converta en realidade. Da igual o que digan os números, recortes cero, repite, tras minguar mil millóns en políticas sociais dende o 2009. Recortes cero aínda que, como informou este xornal a semana pasada, a sanidade galega conte neste ano con 236 millóns de euros menos que no 2009. Recortes cero aínda que falemos da vida das persoas. Recortes cero, insistirá Feijóo, agora que a propia Fiscalía acusa ó seu goberno de homicidio involuntario por retrasar ou negar fármacos da hepatite C por “razóns orzamentarias”? Acaso cren que ademais de sortear a corrupción poden seguir sorteando a dor, o sufrimento e a responsabilidade das súas políticas?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.