As mulleres non son vacas

Os Homo Sapiens somos unha especie tremenda, probablemente os nosos antepasados comeron outros seres humanos, os de Neandertal, do mesmo xeito que agora nós comemos porcos, vacas, ovellas e demais. Por esta parte non adoitamos comer cans nin gatos, todo é poñerse, e quen teña a man a algún destes mamíferos, se ten un momento de atención, comprenderá que, aínda que non falen, teñen pensamento.

Unha vaca é un animal espléndido, custa crer que alguén que se deteña a contemplala non se admire ante esa manifestación da vida, pero criámolas para explotalas e matalas. Somos os descendentes dos cazadores e sabemos como matar. Non sabería opinar agora sobre o trato que lle damos os humanos, concretamente na cultura occidental, aos animais. Implica demasiadas cuestións para dar unha resposta simple, pero o debate está aberto. Polo menos noutras sociedades onde non se alardea dos malos tratos animais nin se fai diso patrimonio nacional.

A nosa especie explota outros animais pero, na repartición de roles na especie, tamén a muller foi e é utilizada e explotada como un recurso máis

A nosa especie explota outros animais pero, na repartición de roles na especie, tamén a muller foi e é utilizada e explotada como un recurso máis. O monoteísmo semita deulle forma cultural a esa explotación e as tres relixións monoteístas ordenaron a sociedade e a cultura para que a muller fose relegada a ser un recurso e unha propiedade do home.

A corrección a ese rol é o feminismo, probablemente a transformación cultural máis radical na historia da humanidade

A corrección a ese rol é o feminismo, probablemente a transformación cultural máis radical na historia da humanidade. O feminismo simplemente di que a muller é un espécime da especie humana, non unha res. Non un animal para estabular, para ser explotado nos traballos polo home e para dedicar á produción de crías.

Esa escravitude ao home vémola de forma brutal nalgunhas formas de prostitución vixentes e, na práctica, toleradas: mulleres secuestradas e encerradas como reses para o desafogo masculino en verdadeiros postos de inseminación. E, aínda que máis velado, vémola tamén nas formas máis sectarias do islamismo, do xudaísmo e o cristianismo.

Esa escravitude ao home vémola de forma brutal nalgunhas formas de prostitución vixentes e, na práctica, toleradas

Pero o avance do humanismo occidental ha ir humanizando tamén algo o cristianismo, especialmente o catolicismo, aínda que dentro se parapeten seitas que continúan defendendo esa concepción da muller non coma un ser humano autónomo, senón coma unha propiedade doutros. Esas seitas integristas están a lexislar neste momento no reino de España a través deste Goberno, que non para de reconstruír por decreto un franquismo que regresa ás nosas vidas. Non dialoga, non pacta e reprime a liberdade de expresión porque non é un Goberno democrático, é sectario.

Até finais dos anos setenta, unha muller non podía abrir unha conta corrente, pechar un contrato ou saír de España sen autorización dun home, esa é a súa España. Pero, a pesar daqueles franquistas e destes, as cousas foron cambiando. Cos seus graves problemas e limitacións, esta sociedade é outra e, para a moral social actual, a muller é un ser humano completo e autónomo con toda a súa dignidade. Para nós hoxe unha muller é dona do seu corpo e non, como quere este Goberno, propiedade dun Estado autoritario e ultracatólico.

Esas seitas integristas están a lexislar neste momento no reino de España a través deste Goberno, que non para de reconstruír por decreto un franquismo que regresa ás nosas vidas

O aborto e os seus dilemas é un asunto complexo, pero a lexislación actual adecúase bastante, tanto aos problemas das mulleres españolas como ao que pensa e sente a cidadanía. Este ministro escurantista está a lexislar conscientemente contra as persoas que existen en nome da ideoloxía.

Elas teñen o dereito de ser libres e non dubiden de que lembrarán os seus nomes e apelidos, os de quen lles quitan a súa dignidade e a súa liberdade. Vostedes serán lembrados, pasarán á historia por moitas cousas, por iso tamén

Un ministro que non dubida en despedir unha traballadora por estar embarazada atrévese a impedir a mulleres que traballan controlar o seu propio corpo pero que, se quedan embarazadas, perderán o seu medio de vida. E alimentará o Estado a esas mulleres e aos fillos que teñan? Como se atreve, como non lle dá vergoña? Porque non a ten. Ten polo menos el un modelo de vida acorde coa moral que predica o Opus Dei? Puro cinismo e cálculo político dun Goberno absolutamente inmoral.

Pode ser lexítimo que unha persoa decida someterse e entregarse a outra até o extremo de permitirlle dispor do seu corpo, pode ser. Pero vostedes non teñen dereito a dispor do corpo das mulleres ao seu antollo. Elas teñen o dereito de ser libres e non dubiden de que lembrarán os seus nomes e apelidos, os de quen lles quitan a súa dignidade e a súa liberdade. Vostedes serán lembrados, pasarán á historia por moitas cousas, por iso tamén.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.