As persoas primeiro

Non é peor pasar fame nas rúas de Compostela que nas de Nairobi. Non é menos desesperante a indiferenza dos gobernos ás demandas do pobo en Europa que en América Latina. Tampouco a desprotección ás persoas máis vulnerables é máis aceptable: a xustiza social nada ten que ver cunha competición retorcida.

Hoxe, os recortes nas políticas sociais están a empeorar as condicións de vida da sociedade galega e tamén a dos países do Sur, o mal chamado terceiro mundo. En 2012, máis de medio millón de persoas en Galicia está en risco de exclusión social e pobreza. Tamén 1.000 millóns de persoas (1 de cada 6) seguen a sufrir fame no mundo. Mentres, os gobernos auxilian ao sistema financeiro, culpable da crise, e reducen as axudas destinadas as persoas con menos recursos. Mentres, o ministro de Asuntos Exteriores e Cooperación, José Manuel García-Margallo, recorre á demagoxia asegurando que hai que recortan os orzamentos de loita contra a pobreza para non ter que pechar ambulatorios e reducir as pensións.

O que queremos é que os gobernos sitúen os noso dereitos por riba dos supostos dereitos dos mercados

Ante esta realidade o único discurso aceptable é “as persoas primeiro”. Todas. As de aquí e as de acolá.  Porque o que queremos é que os gobernos sitúen os noso dereitos por riba dos supostos dereitos dos mercados. En Galicia e no resto do planeta.

Para as 48 ONG de Desenvolvemento integradas na Coordinadora Galega de ONGD e as máis de 10.000 persoas que apoian como socios/as o traballo destas organizacións de solidariedade en Galicia, a cooperación ao desenvolvemento debe ser contemplada como unha política social que promove a nivel global a dignidade, a calidade de vida e benestar das persoas que sofren as consecuencias da pobreza.

A Axuda Oficial ao Desenvolvemento non é un luxo para tempos de bonanza, nin unha esmola para cando as arcas están cheas. É unha necesidade vital para millóns de persoas e un imperativo ético e moral que responde a criterios de xustiza, solidariedade e responsabilidade, ademais de constituír un compromiso asinado por distintos gobernos: dende os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), asinados por 189 xefes/as de estado o ano 2000, ata o Pacto Galego contra a Pobreza, rubricado en 2010 por todos os partidos políticos con representación no Parlamento de Galicia.

En 2011, tivo lugar o maior recorte da historia levado a cabo polo executivo galego en materia de políticas sociais: a Xunta de Galicia reduciu un 40 % os orzamentos dedicados a cooperación ao desenvolvemento

En 2011 tivo lugar o maior recorte da historia levado a cabo polo executivo galego en materia de políticas sociais: a Xunta de Galicia reduciu un 40 % os orzamentos dedicados a cooperación ao desenvolvemento, un recorte que dinamitou a sostibilidade de iniciativas e proxectos en países como Perú, Guinea Bissau ou Haití e que comprometeu a vida de milleiros de persoas. Galicia, hoxe dedica o 0,06 % do seu orzamento a cooperación ao desenvolvemento malia que o executivo comprometeuse a chegar ao 0,7 %. En 2012, destinaremos 2,3 euros por persoa á loita contra a pobreza, unha cifra que nos sitúa no furgón de cola da solidariedade no Estado.

As ONGD, como sociedade civil organizada, non só esiximos fondos contra a pobreza. Tamén queremos que os recursos públicos para resolver a crise se obteñan dun sistema fiscal progresivo e que non se utilice a escusa da estabilidade orzamentaria para recortar dereitos sociais. Demandamos que se promova, na sociedade galega, e a través de accións de educación para o desenvolvemento, unha reflexión sobre o noso modelo actual de produción e consumo que reforce o valor da solidariedade. Queremos que os gobernos modifiquen as políticas comerciais e de cobro de débeda externa que impiden o desenvolvemento dos países do Sur. Que se controlen ás institucións financeiras que coas súas políticas especulativas están detrás do debilitamento da economía dos países e das causas da crise actual.

O que como ONG de Desenvolvemento esiximos é un cambio de rumbo: gobernos que respecten ao pobo a quen representan e que garantan a solidariedade, o benestar e os dereitos sociais de todas as persoas

O que como ONG de Desenvolvemento esiximos é un cambio de rumbo: gobernos que respecten ao pobo a quen representan e que garantan a solidariedade, o benestar e os dereitos sociais de todas as persoas, indistintamente da súa nacionalidade, país de residencia ou etnia. A xustiza social baséase na defensa dos dereitos humanos e na erradicación da exclusión e as desigualdades. E conseguila significa acabar coas relacións abusivas entre os Nortes e os Sures.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.