O Modelo Tiebout usa o termo votar cos pés, feet voting, referido aos cambios de domicilio que realizan algunhas persoas para achegarse a un lugar onde se senten ideoloxicamente cómodas, con gobernos próximos ás súas ideas, en lugar de votar ou promover o voto que faga cambiar o goberno ou as políticas do lugar de procedencia. Co tempo, este concepto tense ampliado e identifica condutas ou actuacións individuais e colectivas que mostran unha preferencia ideolóxica ou vital sen cuestionar explicitamente o marco político de fondo. Así votamos cos pés cando decidimos non mercar un produto porque estamos en desacordo coa política do país que o exporta ou da tenda que o vende, tamén cando mercamos comercio xusto e produtos locais. Actuacións que se realizan coa conciencia individual da falta de poder para mudar as cousas xunto coa decisión de non querer aceptar como son, dunha certa insubmisión.
Vivimos nunha sociedade patriarcal que xera numerosas situacións que son desfavorables para nós e ante a falta de poder para mudar o estado das cousas, moitas mulleres elaboran estratexias que lles permiten moverse a unha situación máis aceptable
En moitas ocasións as mulleres votamos cos pés. Vivimos nunha sociedade patriarcal que xera numerosas situacións que son desfavorables para nós e ante a falta de poder para mudar o estado das cousas, moitas mulleres elaboran estratexias que lles permiten moverse a unha situación máis aceptable.
Cando a modernización-mecanización do agro fai desaparecer ou perder valor aos traballos tradicionais das mulleres labregas sen lles ofrecer un espazo protagonista nas explotacións, e tenta relegalas ao rol subordinado de ama de casa, moitas mulleres novas concéntranse en adquirir unha formación que as prepare para un traballo na cidade e vanse.
Cando se produce un retorno masivo das mulleres ao emprego e os varóns non se corresponsabilizan do traballo reprodutivo e os coidados, e non hai servizos públicos que se fagan cargo, empuxando ás mulleres á dupla xornada, moitas mozas decide non casar, non criar, adiar o primeiro embarazo, reducir o seu tempo de fertilidade e ter menos descendencia.
O que visto individualmente son estratexias vitais racionais e lóxicas, a reacción a condicións de vida concretas, vistas dende o colectivo, conforman variables cruciais para entender os actuais procesos
O que visto individualmente son estratexias vitais racionais e lóxicas, a reacción a condicións de vida concretas, vistas dende o colectivo, conforman variables cruciais para entender os actuais procesos de deterioro da estrutura social, como o envellecemento e masculinización do rural ou devacle demográfica galega.
O conflito do COF da Coruña é un chanzo mais do proceso de desmantelamento e privatización do coidado da saúde das mulleres
As gafas de xénero, que nos permiten identificar estes procesos e propoñer solucións que os freen, son ferramentas imprescindibles para os gobernos: gafas de mergullo no dioivo. Permiten ver a necesidade de políticas de igualdade para saír da crise cun mínimo de dignidade. Pero este goberno reaccionario só propón ás mulleres volver ao pasado, un pasado que non queremos, que non nos ofrece mais que unha vida peor.
O conflito do COF da Coruña é un chanzo mais do proceso de desmantelamento e privatización do coidado da saúde das mulleres, como foron antes a eliminación dos mamógrafos móbiles ou os cambios nas revisións xinecolóxicas; a disuasión sanitaria convirte ás pacientes en clientes. Só así se pode explicar que os seguros privados de saúde son os únicos que medran no medio da crise.
O SLG advirte de que a desaparición de servizos públicos no medio rural afecta de maneira especial ás mulleres e que a paralización do desenvolvemento da lei de cotitularidade terá efecto disuasorio para a fixación de poboación no rural.
Os datos anuncian resistencia a someternos a ese plan que nos relega a un rol que xa deixamos atrás; ante ese estado das cousas as máis novas, as máis listas, marcharán
O informe da CIG sobre a situación laboral das mulleres galegas pon cifras ao que vemos ao noso redor, xunto co paro na industria e a construción, fundamentalmente masculino, o impacto actual da crise nos servizos públicos e privados provoca sobre todo paro e precariedade entre as mulleres que é na actualidade o que mais medra. Nos últimos anos 37500 mulleres entre 15 e 35 anos emigraron do país. Elas votaron cos pés.
As que votamos cos pés estamos fartas. Os datos anuncian resistencia a someternos a ese plan que nos relega a un rol que xa deixamos atrás; ante ese estado das cousas as máis novas, as máis listas, marcharán. Se non hai futuro digno para as mulleres non hai futuro para o Pais.