Moitos galegos e moitas galegas coñecen Braga. Pero moitos apenas o que é un dos seus atractivos turísticos mais destacados, o Bom Jesus, coas súas interminables escaleiras. É unha pena. A vila agocha unha riqueza que paga a pena coñecer, paga a pena camiñar demorando o paso polas case sempre tranquilas rúas do seu casco vello, tamén paga a pena relaxarse nalgunha das terrazas da praza da Sé, ou descubrir unha gastronomía que é mais ampla que o sempre exquisito bacallau. Abonda en Braga a oferta que inclúe sitios novidosos como o Retrokichen do mesmo xeito que sitios tradicionais como o Ignacio ou A Cozinha da Sé.
E Braga é moito mais. E nin sequera todo está nas guías turísticas. Cada un, cada unha de nos, pode descubrilo. Nos últimos tempos Braga, as súas paredes, aparecen adornadas con versos, ás veces frases, asinados polo “Homen Mundo”. Moitos deles teñen un algo contido romántico ou de libro de autoaxuda. Na última visita tirei fotografías de varios, por exemplo do que di: “Os olhos sao feitos de partículas de estrelas que nos lembran que o ceu existe” ou “Cantáva-te todas as coisas que me fazes sonhar”. De todos os que descubrín houbo un que me chamou a atención, un sobre o que aínda estou a pensar, é un reto que o “Homen Mudo” nos deixa escrito sobre unha porta dun edificio abandonado: ”Olha para a túa vida e diz que futuro ves”.
Cada un de nos pode afrontar o reto: tentar ver o futuro en base ao que hoxe é, ao que hoxe fai, ao que hoxe sinte. Pero do que quería falar non era do que cada un de nos ve hoxe sobre o seu futuro. O reto pode ir mais alá. Nun exercicio de abstracción eu formulo o interrogante da frase no senso de que vemos como futuro da esquerda, como futuro dos forzas alternativas, atendendo ao que hoxe, nos últimos meses, ven configurando o noso presente.
Nos esquezamos, como parecen facer algúns, que aos galegos e galegas non nos é indiferente quen ocupe o goberno en Madrid, de que forma respire a maioría que se poda conformar no Congreso dos Deputados, salvo que esteamos aínda instalados naquela mantra que dicía que “Canto peor, mellor”.
E a verdade é que hai días en que o futuro o vexo negro, con forzas políticas, con persoas, que son as persoas as que compoñen as organización, que tentar seguir coa teima de antepoñer os seus intereses partidarios, e mesmo, ou sobre todo, persoais, ao que hoxe precisa a sociedade galega e tamén a sociedade española, porque non nos esquezamos, como parecen facer algúns, que aos galegos e galegas non nos é indiferente quen ocupe o goberno en Madrid, de que forma respire a maioría que se poda conformar no Congreso dos Deputados, salvo que esteamos aínda instalados naquela mantra que dicía que “Canto peor, mellor”.
O vexo negro porque as veces as propostas que se escoitan teñen en si mesmas tantos e tantos condicionantes que fan imposible consideralas verdadeiras propostas, simplemente son armas arreboladizas coas que tentar non quedar ante a sociedade, á que se di se defende, como o “malo da película”, tentar que sexan os outros aos que se poda presentar como os obstáculos á unión das forzas progresistas, ou forzas “chamádelle X”, que a estas alturas xa sabemos a que nos referimos aínda a falta de atoparlle un nome o suficientemente inclusivo.
Hai días nos que polo contrario creo que si, que o futuro é si. Positivo. Que a pesares das diferenzas, a pesares dos paus nas rodas, poremos, entre todos e todas: os que teñen partido, aquelas que non o teñen, os que o tiveron, os que están desexando telo, a cordura e o empuxe necesario para salvar esas distancias, para non poñer á sociedade galega nun momento histórico orfa dunha alternativa común que no próximo novembro recupere o goberno, primeiro en Madrid, logo duns meses o de Santiago de Compostela, para as persoas, gobernos que recuperen a política para a cidadanía, recuperen a economía para crear riqueza e non para repartir a que queda entre amigos.
A alternativa somos todos e todas, como fomos todos e todas en “Nunca Mais” ou na “Coordinadora contra a Guerra”, todos e todas ou non somos alternativa
Durante este mes de agosto, tantas veces escaso en actividade política, vanse sucedendo as iniciativas: o tempo que resta é pouco, cada día que pasa conta. Temos en Galicia unhas cantas experiencias exitosas, en Santiago de Compostela, en Coruña, de que é posible crear unha alternativa política de carácter social, de carácter transformador. Aproveitemos esas experiencias, aproveitemos a experiencia do que foi o BNG do “Proxecto Común”, aproveitemos as experiencias de Esquerda Unida, aproveitemos o tirón de Podemos… a alternativa somos todos e todas, como fomos todos e todas en “Nunca Mais” ou na “Coordinadora contra a Guerra”, todos e todas ou non somos alternativa. É necesaria honestidade política, e necesario compromiso social, e necesaria moita responsabilidade e moita xenerosidade das organizacións e das persoas, sobre todo das persoas, porque hai moitas que teñen que dar un paso adiante, e tamén hai quen ten que dar un paso atrás, pola súa propia vontade, polo seu propio compromiso co país ao que din defender.