As relacións do novo galeguismo coa esquerda española

O presidente da Xunta encetou hai algo máis dunha semana un debate sobre a, que el entende necesaria, redución do número de parlamentarios co alvo de reducir os gastos que soporta a facenda galega como consecuencia do pagamento dos salarios aos nosos representantes públicos. Porén, unha vez que se foron coñecendo detalles da proposta da formación conservadora, viuse que o que había de fondo era unha redución da proporcionalidade, e que como consecuencia diso os votos ás formacións minoritarias non se transformasen en escanos, reforzando o valar do voto dos cidadáns de Lugo e Ourense.

Se se leva a cabo está reforma nos termos en que expresou o presidente da Xunta, sen dúbida vai dificultar ainda máis o aceso ao parlamento de determinadas forzas no noso país como EU, que sistematicamente a cidadania deste país situou fóra do parlamento. E falo só desta formación, porque para min os resultados que poidan obter as dúas forzas de carácter galeguista e nacionalista xurdidas depois da asemblea da última asemblea do BNG son unha incógnita. Entre outras cousas, porque non se sabe, se como sería desexábel, van comparecer de forma conxunta baixo un programa eleitoral con vocación de goberno de centro-esquerda e galeguista, ou ben van ir por separado. Ademais, ao longo deste tempo no caso de Compromiso por Galicia, con moito acerto, se foron incorporando formacións procedentes do centro galeguista e progresista, como os ecogaleguistas.

A proposta de criar unha coalición anticapitalista só contribúe a enlamar o terreo no novo galeguismo político

Precisamente o PCG, consciente da febleza da súa marca eleitoral na Galiza, fixo unha proposta de confluencia eleitoral coa esquerda nacionalista, formando unha Syriza galega, como se a situación económica e social na Galiza fose idéntica á do país helénico, embora os gobernos español e galego estean traballando duramente através da súa incompetencia para situarnos ao nivel de Grecia. Esta proposta de criar unha coaligación anticapitalista o único que fai é contribuír a enlamar o terreo  no novo galeguismo político,cando o debate real que se tiña que producir é como chegar a máis segmentos sociais, e que os traballadores, os autónomos e as pemes sintan o novo galeguismo, e as organizacións políticas que a día de hoxe o compoñen como esas forzas novas necesarias para rexerar a vida política galega, capaces de facer políticas distintas e de avanzar na construción nacional. Pola contra, todo indica que unha das dúas novas organizacións nacionalistas caeu na trampa tendida pola esquerda sucursalista no noso país.

Para avanzar no noso autogoberno é necesario a complicidade das forzas da esquerda estatal

Con certeza para avanzar no noso autogoberno é necesario a complicidade das forzas da esquerda estatal e que por parte do galeguismo político se tezan alianzas cos sectores federalistas da esquerda estatal para transformar o Estado español cara a un estado plurinacional ou cando menos para frear a estratexia recentralizadora do mesmo. Nese sentido, propostas como as da Iniciativa Ben Común dunha candidatura conxunta das forzas de esquerda no noso país en base a un programa de mínimos, que se debe centrar no aumento do autogoberno, ou a experiencia catalá da Entesa Catalana de Progrès, parecéronme interesantes. Tamén, no que atinxe ao goberno das sete cidades e o goberno da Xunta é necesaria esa entente coas forzas progresistas de ámbito estatal para facer unhas políticas económicas distintas de carácter expansivo, de mantemento do estado do benestar, mais tamén de contrución nacional. Con todo, non debemos perder a perspectiva do que aconteceu nas outras nacións do Estado e as causas, e o que aconteceu cos sectores máis vasquistas e catalanistas do PSE-EE ou do PSC respectivamente.

Ao final, os partidos de ámbito estatal na Galiza van asumir postulados máis ou menos galeguistas en función da fortaleza que teña o galeguismo político. Se seguimos apostando para aumentar o noso autogoberno, co obxectivo posto na reformulación do Estado ou mesmo na presenza directa nas institucións da UE, isto só se vai conseguir con forzas políticas propias que teñan o seu centro de decisión no País, e que sexan capaces de levar a voz da cidadanía galega alá onde sexa necesario, e tecendo as alianzas necesarias para avanzar no noso autogoberno e no benestar dos galegos e as galegas. Polo tanto, calquera tipo de alianza coa esquerda española de carácter preeleitoral só vai servir para darlle folgos a alternativas políticas que non teñen o seu centro de decisión na Galiza, e que os cidadáns galegos teñen situado sistematicamente fóra do parlamento. Ademais, está demostrado que as forzas de carácter estatal son máis sensíbeis ás demandas das nacións periféricas, mesmo asumindo postulados das forzas nacionalistas como consecuencia da fortaleza social e eleitoral dos partidos políticos propios, e a capacidade de incidir que teñan estes nas Cortes Xerais, en función da existencia ou non de maiorías absolutas.

Calquera tipo de alianza coa esquerda española de carácter preeleitoral só vai servir para darlle folgos a alternativas que non teñen o seu centro de decisión na Galiza

No actual contexto político o que precisa este país non é unha nova formación política de carácter antisistémico, porque xa a ten desde o ano 82, chámase BNG e está dirixida por un partido comunista. Polo tanto, o que é un contrasentido é mudar de compañeiros de viaxe, substituíndo os comunistas galegos da UPG polos eurocomunistas do PCE, tendo en conta ademais a escasa sensibilidade histórica destes cara a realidade nacional galega.

O que cómpre é unha forza política nova e forte que sexa quen de conectar con sectores sociais desencantados

O que cómpre é unha forza política nova e forte que sexa quen de conectar con sectores sociais desencantados, e a amplos sectores galeguistas orfos de representación política, e que ao mesmo tempo teña vocación de goberno, con capacidade de integración de amplos sectores sociais, de carácter progresista, de centroesquerda con opcións reais de entrar nos graneiros de voto do PSOE e tamén, porque non do PP, sendo quen de facer propostas innovadoras como a que fixo Compromiso por Galicia para reducir os gastos do Parlamento sen reducir o número de parlamentarios e portanto a proporcionalidade e a representatividade.

Hai que ter claro que na vindeira lexislatura o goberno que saia das urnas vai ter como principal misión combater a crise, facendo outro tipo de políticas que favorezan a criación de emprego e as políticas de benestar. Ademais, vai haber que deseñar un estratexia coherente de acción exterior de Galiza, que vai redundar na capacidade exportadora das nosas empresas, onde a comunidade de países de lingua portuguesa van ter un papel esencial, tendo en conta o papel que xoga o Brasil como potencia rexional en Latinoamérica, liderando o Mercosul, ou tecer alianzas con países emerxentes de África como pode ser a Angola. Para poder facer iso é necesario apostar polas forzas en chave de país, que ademais consideren ás pemes galegas e os autónomos, non como un inimigo a bater, senón como un aliado necesario para avanzar no noso benestar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.