As respostas do 25-S

As eleccións do pasado día 25 debían clarexar catro incógnitas: reeditaría o PP de Núñez Feijoo a maioría absoluta que disfrutaba dende 2009?; tería lugar o “sorpasso” da Marea ao Partido Socialista?; aguantaría o BNG o presumíbel impacto da súa tendencia descendente dos últimos anos?; entraría C’s na Cámara do Hórreo?

Obviamente, a importancia das interrogantes non era equivalente. A resolución da primeira condicionaría decisivamente o mapa político resultante e determinaría, sobre todo, o carácter do novo goberno da Xunta. Neste sentido, a resposta ofrecida polas urnas non deixa lugar a dúbidas:o PP repite a cómoda maioría absoluta obtida no 2012 e Feijoo obtén un éxito indiscutíbel que o coloca nunha posición privilexiada para calquera operación de substitución ou relevo na política estatal.

Nas avaliacións postelectorais sempre xorde o mesmo dilema:comparamos as cifras acadadas por cada forza coas correspondentes aos comicios anteriores do mesmo ámbito (galego, estatal, municipal, europeo) ou tomamos en consideración as expectativas creadas previamente polas sondaxes e/ou polo clima mediático dominante? A utilización dun ou doutro criterio valorativo pode dar lugar a conclusións diferentes. Nesta ocasión concreta, usar a referencia da cita do 2012 permite sentenciar que houbo dúas opcións que medraron (PPdG e Marea, tomando AGE como antecedente mais homologábel) e dúas que baixaron (PSdG e BNG). Se facemos caso das tendencias debuxadas pola demoscopia publicada nas semanas anteriores (singularmente, a emitida pola empresa Sondaxe) PPdG e BNG subirían sobre o prognosticado mentres que a Marea ficaría por debaixo e o PSdG mantería a posición sinalada previamente. Canta influencia tiveron eses traballos no comportamento final do corpo electoral? A pesar da dificultade dunha medición precisa, cabe pensar que sectores do electorado popular sentiron a necesidade de acudir ás urnas para asegurar unha maioría que non semellaba estar segura (durante varios días o PP obtiña 37 escanos). Ao mesmo tempo, antigos votantes do BNG puideron reaccionar ante o perigo certo dunha minoración forte da presenza parlamentaria da organización nacionalista.

O triunfo de Feijoo construíuse sobre tres factores básicos: a coñecida fortaleza do PPdG (unha potente estrutura organizativa, unha eficaz rede clientelar tecida dende os numerosos centros de poder que acumula este partido nas últimas décadas, unha blindaxe mediática sen fisuras); a conversión da campaña electoral nun plebiscito sobre a propia figura do presidente e as graves carencias que afectaron á oposición durante os últimos anos. 

A derrota de Feijoo requiría, como condición necesaria, a máxima mobilización do electorado potencial das forzas da oposición. Tal circunstancia non sucedeu: a abstención –en niveis semellantes á de hai catro anos pero mais elevada que a rexistrada noutros comicios autonómicos anteriores- castigou, fundamentalmente, á Marea, PSdG e BNG. Posibelmente, por diversos motivos:as graves loitas intestinas padecidas no universo socialista, as incertidumes e asintonías vividas na Marea, o pouco coñecemento de Luis Villares e o desgaste experimentado pola marca BNG nas citas electorais precedentes. A inhibición de sectores xuvenís urbanos segue sendo unha asignatura pendente para as forzas que desexen erguer unha alternativa gobernamental ao PP.

A incidencia do contexto político estatal nas eleccións galegas foi, seguramente, contraditoria. Por unha banda, a fartura  pola repetición pasada, e tal vez futura, dos comicios xerais alimentaba o afastamento das urnas. Ao mesmo tempo, a posibilidade de castigar a Rajoy, a través de Feijoo, constituía un incentivo adicional para apoiar ás forzas da oposición. As prevencións adoptadas polos deseñadores da campaña do PP para vincular o menos posíbel a figura do presidente da Xunta coa do actual inquilino da Moncloa revelaba a existencia dun temor que finalmente non tivo o impacto que cabía esperar.

No novo ciclo político que se abre na política galega, o PP deberá enfrontar a sucesión do mitificado Feijoo e a oposición –encabezada por Luis Villares- terá que xestionar un obxectivo complicado: cooperar o necesario para ofrecer unha alternativa gobernamental críbel mantendo a identidade dos espazos electorais respectivos.

Un último aviso para os navegantes dos mares mediáticos. A totalidade dos medios escritos que se editan no territorio galego apostaron pola continuidade de Núñez Feijoo. Están no seu dereito, aínda que sería preferíbel que aparecera explicitado nas súas liñas editoriais como fan outros xornais europeos. Polo que estamos observando despois do 25-S, a campaña segue. Vindeira estación: asegurar que Rajoy manteña a presidencia do goberno do Estado. E para iso compre debilitar ao Partido Socialista e á Marea, aproveitando calquera oportunidade que lle proporcionen os dirixentes desas forzas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.