As Tres Cimas de Laza

O sábado 22 comezou a súa andaina a Volta Ciclista a España (La Vuelta, stricto sensu), e como o meu contrato con Praza obrígame a seguir a actualidade, aínda que sexa de esguello e a distancia prudencial, pois vou tentar facer unha crónica aquelada. E comezarei polo título. Tre Cime di Lavaredo é un porto que o Giro subiu xa en 7 ocasións, con vitorias de grandes ciclistas coma Gimondi no 1967, Merckx, Fuente, Lucho Herrera, Ricco e Nibali hai só dous anos. As Tre Cime son tres penedos aguzados enormes, espetados na mesma cima da montaña a case 3000 metros de altitude, pertencentes aos Dolomitas e xusto onde a cadea montañosa alpina fai fronteira con Austria. Pois ben, eu vou falar das tres cimas de Laza, que pouco ou nada teñen que ver coas de Lavaredo (nin eu tampouco cos campións arriba mencionados), pero aproveito o nome para adobar esta crónica e darlle proa e glamour ciclista.

O val de Monterrei estarrica vinte quilómetros cara as montañas do noroeste polas terras de Castrelo do Val, entre petadas de nogueiras, maceiras e soutelos de castiñeiros, ata chegar a Laza, nas mesmas portas de acceso aos cumes. Alí un pode seguir cara a posta de sol e iniciar o ascenso á Alberguería,  ou torcer mais para o norte, e afrontar os ascensos a Toro ou Cerdedelo. As tres cimas -Alberguería, Toro e Cerdedelo- partillan distancia -arredor dos 9 km-, altitude -1000 m-, vexetación vizosa no percorrido, bo estado do firme e a mesma distribución da dificultade -comezo lixeiro, endurecemento na parte media e volta a suavizar preto do final. Ideais para un cicloturista cincuentón.

A Alberguería está na cima do lombo da Requeixada. A subida comeza no lugar de Soutelo Verde -onde se venden as mellores bicas do país- despois de tres quilómetros de falso chan remontando as ribeiras do Támega. Xusto ao cruzar a pontella sobre o rio, vin dúas mozas ripando amoras nas silveiras da cuneta, unha delas cun pantalón rabelo e unhas pernas moi feitas que me turran dos ollos e mais doutras cousas. Pero estamos ou a que estamos?, interrómpeme seca e enrabiada unha voz interior. Estamos, respóndolle e comezo a mover con alegría o 19 polas primeiras ramplas, a ver se así esquezo a visión das amoras. Os  tres primeiros quilómetros manteñen unha pendente constante entre 6-7%. Paso perante un letreiro que poñía “Carraxo 1,5” e un quilómetro mais arriba volvo ver o mesmo letreiro. Un chisco asustado penso se non me estará a faltar osixeno nos miolos e xa vexo o que non hai; daquela, subo dous piñóns. E fago ben, porque no quilómetro 4 comeza a estrada a cobreguear pola ladeira da montaña, con pendentes do 9% e do 10% ata chegar a unha área recreativa no km. 6, onde as ramplas volven ser longas e mais tendidas. Nos dous quilómetros que quedan para o cume non se supera o 5% de pendente e podo contemplar con arroubo o skyline das serras de San Mamede e da Queixa.

Aquilo é a entrada no Inferno. Pensas en desistir e reviras a cabeza para dar volta, pero ves mais peliqueiros que soben ameazantes polo medio e medio da pista, coa xostrega en alto

A subida a Cerdedelo é mais levadeira. Agás dous quilómetros, entre o 5 e o 7, onde se bordea o lombo de Trez con pendentes do 8% e do 9%, o resto do percorrido promedia no 6%, con abondosos descansos asemade remontamos o rio Cereixo. A falta de mais ou menos dous quilómetros metémonos nun souto sombrizo e ascendémolo curvando de aquí para acolá, con enxames de moscas arredor da cabeza e sen un triste ramallo ou un vizoso rabo peludo con que tornalas. Superado o souto desaparecen as moscas, e douscentos metros arriba xa están as casas de Santa María de Cerdedelo.

A terceira cima, a de Toro, é a mais seria. Partilla a mesma estrada coa de Cerdedelo ata o km. 5, pero aí abandonámola e torcemos á esquerda, por unha pista de asfalto bravo que agatuña facendo eses polo lombo da Profita, no extremo sur dos Montes da Armada. As pendentes non baixan dos dous díxitos e hai ramplas infinitas ao 14% e algunha ao 18%. E cando chegas á altura da horta do eremita, no km. 7,5, ven o peor: as beiras da estrada énchense de peliqueiros coas súas enormes cabezas mitradas, batendo cos mallos no asfalto e facendo soar rabiosas as chocas. Aquilo é a entrada no Inferno. Pensas en desistir e reviras a cabeza para dar volta, pero ves mais peliqueiros que soben ameazantes polo medio e medio da pista, coa xostrega en alto. Daquela agachas a cabeza, arrexuntas os poucos vatios de forza que che quedan nas pernas e coa mirada prendida na roda dianteira, furas cego o rebumbio enxordecedor e que sexa o que Deus queira. Morreu facendo o que mais quería, dirán mañá no velorio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.