'As tres esposas', retrato amargo e fiel da clase media lucense. A consagración como autor de José Estévez

José Estévez © Manuel Vázquez

Unha narrativa sinxela e transparente permite ver o fondo da clase media lucense. Así, as raíces, os complexos, a decepción da vida e o afán por aparentar caracterizan a uns personaxes tan reais que saltan das páxinas ás rúas e finalmente regresan para dar contido a As tres esposas

Unha narrativa sinxela e transparente permite ver o fondo da clase media lucense. Así, as raíces, os complexos, a decepción da vida e o afán por aparentar caracterizan a uns personaxes tan reais que saltan das páxinas ás rúas e finalmente regresan para dar contido a "As tres esposas", última e aínda non publicada novela deste curtido narrador que, estou seguro, sorprenderá a quen a lea. Estévez encontrou a fórmula, unha combinación de sinxeleza textual, ritmo e golpe de realidade. Pero tamén sabe que o seu mellor libro está por escribir. Non ten pudor en recoñecer que lle gustaría ser un escritor famoso, eu tampouco. 

Cando lin Pastoral americana entendín que todo paraíso é unha falacia e que os paradigmas sociais cambian doadamente e de xeito imprevisible. O sueco, protagonista desta obra de Philip Roth, asistía impotente á caída do mundo seguro no que construira un espazo cómodo para os seus. O soño americano derrubárase, malia que non lle faltaban os cartos nin os contactos derivados da súa cobizada posición social. O resto da trama nada ten que ver con As tres esposas, pero a decepción permanece nas dúas novelas como un elemento común, non único, xa que en ambas hai unha capacidade do autor para describir sen artificio o tramado no que se asentan as respectivas clases medias.

Estudou Maxisterio porque non o apoiaron para cursar Astronomía en Granada e nunca exerceu como mestre. Sacou unhas oposicións para auxiliar administrativo da Deputación Provincial de Lugo, traballo que desenvolveu simultaneamente aos estudos de Dereito, que ao terminalos permitíronlle opositar e ser secretario no Concello de Baralla

O longo camiño ata aquí, ata o éxito que supón escribir de forma que se entenda o que se conta e, o que non resulta menos importante, que o que se conta se teza cos fíos da vida, de forma amena, comezou nunha aldea de Guntín que se chama Pacios, na “Casa do Palacio”. Alí, José foi un neno de aldea que coñeceu a labranza e as vacas, pero non lle gustaron. Xa en Lugo, aprendeu a tocar a guitarra cos xitanos do Polígono da Paz, era rebelde e un tanto incontrolable, de aí que os pais, que por idade podían ser os avós, decidiran internalo no Seminario con 9 anos. Recorda estes anos como de “boa formación humanística e represión”, así como de “intensa crenza relixiosa”. No instituto coñeceu a Lois Diéguez e comezou unha etapa de activismo nacionalista en ERGA, probablemente para encher o baleiro afectivo familiar, consecuencia da ancianidade dos proxenitores. Lembra que pasou medo varias veces, incluso que pesou sobre el unha orde de busca e captura e que por este motivo estivo 3 meses cambiando de pensión continuamente. Despois, deixárono tranquilo. 

Estudou Maxisterio porque non o apoiaron para cursar Astronomía en Granada e nunca exerceu como mestre. Sacou unhas oposicións para auxiliar administrativo da Deputación Provincial de Lugo, traballo que desenvolveu simultaneamente aos estudos de Dereito, que ao terminalos permitíronlle opositar e ser secretario no Concello de Baralla. Pasados uns anos foi xefe de servizo en Industria en Lugo e xubilouse na Asesoría Xurídica do SERGAS, tamén en Lugo.

De todo canto me contou deixei para o final a “culpabilidade no subconsciente que me levou a xustificar, nalgunha obra, porqué non milito activamente no nacionalismo”, e niso, non podo estar de acordo, porque si que milita, é un verso libre, comprometido coa terra e coa lingua coma o que máis. Para min, un referente

Comezou a escribir en Maxisterio, nunha revista literaria. Non recorda o primeiro libro que publicou, cóntamo pensativo no Bar Tabú da rúa San Roque de Lugo. Ao seu lado está Amalia, sempre tenra e pícara en idéntica e adorable proporción, a muller intelixente coa que comparte a vida desde 1977, e detrás del dous cadros pop art coa imaxe de Marilyn Monroe. Pensei na solidez que transmiten como parella, pásano ben xuntos, e nada hai mellor que iso para probar o anterior. Gústame quedar con eles, ademais de divertidos, son tolerantes e facilitan que sexas ti mesmo, algo que poucas veces acontece cando estás con intelectuais. Finalmente, pregunteille polo último libro, que chegará ás librarías nuns meses e que titulou “As tres esposas”. Meditou a resposta, quería transmitirme con claridade a intención coa que escribiu esta novela, percibín a determinación na expresión da súa cara, a seguridade de quen está satisfeito co traballo, non exenta da humildade que o caracteriza e que o diferenza dos que pretenden sentar cátedra. Humilde e seguro, miroume, namentres a camareira servía tres copas de viño e unha de auga, para Gustavo Osorio, que acababa de entrar e sentou con nós, e expuxo que “quería contar como pode unha persoa de clase media ser influída polos problemas de convivencia”. É así como, a partir dunha idea aparentemente sinxela, constrúe unha historia na que as relacións persoais dan forma a unha parte da sociedade na que poderán recoñecerse os profesionais liberais e os funcionarios de certo nivel, que non teñen problemas económicos, aínda que aspiran a ingresar máis, pero que definitivamente, cando emparellan, deben convivir e conxugar egos, diferenzas de intereses, vaidades, culturas familiares diverxentes, a vergoña da raíz rural e o peso da rutina, que co paso dos anos fai tremer moitas das pontes que os uniron. Escrito coa mestría adquirida cos anos e “sen retorcer os feitos”, porque a realidade media xa é bastante complexa. Confesou que escribe porque “ son un cu de mal asento que non está a gusto en ningunha das facetas da miña vida” e que “pretendín vivir o día a día e sempre cheguei tarde”. 

De todo canto me contou deixei para o final a “culpabilidade no subconsciente que me levou a xustificar, nalgunha obra, porqué non milito activamente no nacionalismo”, e niso, non podo estar de acordo, porque si que milita, é un verso libre, comprometido coa terra e coa lingua coma o que máis. Para min, un referente. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.