As universidades galegas, entre a confusión e a supervivencia

Tense escrito bastante sobre os recortes na Educación e nos da universidade en concreto pero, se ben é certo que unha mentira repetida remata sendo verdade, as verdades repetidas non se fan máis verdade. Confúndense no gran barullo mediático que fai moi difícil distinguilas. Para iso se fai o barullo.

Entre os cambios lexislativos e os recortes demasiado drásticos, coa eficaz combinación de suba de taxas, recorte de bolsas e modificación de baremos, reforzando o peso do expediente académico en detrimento do nivel de renda, estase forzando un auténtico cambio de modelo

Entre os cambios lexislativos e os recortes demasiado drásticos, coa eficaz combinación de suba de taxas, recorte de bolsas e modificación de baremos, reforzando o peso do expediente académico en detrimento do nivel de renda, estase forzando un auténtico cambio de modelo. Un cambio que, mírese por onde se mire, favorece as elites e deixa sen acceso á Educación Superior cada vez a un sector de cidadanía máis amplo.

Non é cuestión de introducir aquí táboas e gráficas sobre o financiamento universitario e recortes que teñen unha incidencia directa ou indirecta no dereito real á Educación Superior e na xeración de I+D+i. A cidadanía experiméntao directamente coa imposibilidade de costear os estudos dos seus fillos; vendo como converten o acceso á universidade nunha longa carreira de obstáculos superable por unha minoría cada vez máis reducida, porque esixe máis medios; comprobando que os títulos universitarios se devalúan e o período de formación se converte nunha eterna estancia na sala de espera do mundo laboral; coas despedidas en Lavacolla de todo o talento e a potencialidade que mandamos polo mundo. Si, a cidadanía podémolo comprobar sen necesidade de ningunha gráfica, mais permítanme un pequeno reforzo.

O Sistema Universitario Galego co Plan de Financiamento do ano 2009, pasou de recibir da Xunta de Galicia 443,58 a 398,73 millóns de Euros no 2012 que, en prezo actualizado polo IPC representan 362,44, é dicir 81,14 M€ menos; un 18% en 3 anos.

Que fan as nosas universidades nesta encrucillada? Pois practican unha certa impostura ocultando a realidade, desertan do compromiso de responder diante da sociedade e planifican a súa supervivencia submisa

Isto en teoría pois, na práctica, o plan previsto estase incumprindo pola Xunta de Galicia; as partidas competitivas comprometidas para o fomento da I+D+i nas Universidades están quedando sen convocar. Sirva como exemplo que a USC no ano 2009 conseguiu para desenvolvemento de I+D+i de fondos competitivos da Xunta de Galicia 28,45 Millóns de Euros, no ano 2010 foron 19,88 M€ e no ano 2011 a cifra baixa até 9,94 M€. Non deixou de recibilos por unha diminución drástica da súa capacidade fronte as outras dúas universidades, senón que deixou de recibilas igual cas outras, porque o Goberno de Galiza incumpre o seu plan non convocándoas.

Que fan as nosas universidades nesta encrucillada? Pois practican unha certa impostura ocultando a realidade, desertan do compromiso de responder diante da sociedade e planifican a súa supervivencia submisa. Isto é, esforzarse en aparentar normalidade cando a situación é de auténtica emerxencia e en competir coas outras universidades do SUG polos recursos estruturais que o Plan de Financiamento reparte segundo se cumpran certos indicadores. Unha parte que ao final da vixencia do Plano será dun 20% do financiamento directo.

Se todos coincidimos en que a situación é de emerxencia, por que esforzarnos en aparentar normalidade? Non será mellor buscar a cooperación e a defensa do sistema público entre as tres universidades explicándolle a sociedade o que pasa?

Se todos coincidimos en que a situación é de emerxencia, por que esforzarnos en aparentar normalidade? Non será mellor buscar a cooperación e a defensa do sistema público entre as tres universidades explicándolle a sociedade o que pasa? Ocultarlle á sociedade a situación real da súa universidade, non é en certo modo un fraude? Non combater a campaña de desprestixio, con transparencia, desde a unidade e a cooperación do SUG, non é unha torpeza?

Como ocorre a cotío, e na universidade especialmente, enténdese a política como unha maneira de disfrazar intereses con discursos de principios. Porén, nunha situación de emerxencia coma esta, vólvese un exercicio de distracción inútil e perigoso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.