Con case que 5 anos de demora (o conselleiro de xustiza anunciara en 2010 que a sede abriría o ano 2013) inaugurouse a reforma do edificio da Fábrica de Tabacos da Coruña no que a Xunta vai albergar algúns órganos xudiciais e a Fiscalía da Coruña.
A nova oficina xudicial
Cando en 2010 planearon o novo edificio xa entraran en vigor algunha das importantes reformas (as leis orgánicas 19/2003 e 1/2009, nomeadamente) que, froito do moi cacarexado «Pacto de Estado para la reforma de la Justicia» (2001), pretendian actualizar (modernizar, dicían os políticos), as nosas decimonónicas oficinas para implantar unha «nova oficina xudicial». Este, naquela altura, «novo» modelo tiña entre as súas finalidades:
- dar unha atención de calidade aos cidadáns,
- aforrar os custes innecesarios que en ocasións produce o ter aos distintos xulgados funcionando como oficinas estancas, sen comunicación entre si, e
- homoxeneizar o funcionamiento de todas as oficinas nos trámites non estritamente xurisdiccionais; polo que estes trocos implicaban non só unha muda organizativa senón tamén unha reforma dos edificios que xa non poden servir para acoller varios xulgados illados arredor do cadanseu xuiz e letrado da administración de xustiza.
No Boletín Oficial do Estado hai nova oficina xudicial dende 2009 pero... Existe no mundo acaecido?
Mentres que nas comunidades autónomas nas que o Ministerio de Xustiza ten competencias sobre a administración de xustiza vaise avanzando vila a vila e sen demasiados folgos noutras, sobranceiramente Euskadi, tomáronse en serio as leis e decidiron sacar adiante un proxecto que xa aplican con éxito na meirande parte dos seus partidos xudiciais.
Namentres na Nosa Terra a Dirección Xeral de Xustiza aínda que comezou cedo coa publicidade da súa «firme aposta» polo novo modelo, até agora non fixo nada salientable. Foi o Ministerio de Xustiza o que deu o primeiro paso (presionando á Xunta) cando deseñou o que chama a «Nova Oficina Fiscal» tamén para Galicia que, polo momento, existe só nun decreto publicado no diarios oficiais en 2014.
«Non sal o toxo de toxo / por froleado que esteña»
Nunha administración na que o «papel cero» só é un lema publicitario poden imaxinar o que suporá a mudanza das oficinas e arquivos de tramitación da fiscalía e dos ditos órganos xudiciais a un edificio novo.
A refractariedade ao cambio de todos os traballadores da administración de xustiza é proverbial, e un traslado como este era a ocasión ideal para facer un troco maior como o establecemento da (nova) oficina xudicial nestes órganos. Pero a Consellería de Xustiza ven de desaproveitar unha outra oportunidade de cumprir as súas obrigas legais no eido da administración de xustiza. A configuración da administración de xustiza que é de obrigado cumprimento dende 2009 terá que seguir agardando en Galicia a un goberno con mais respeto pola legalidade vixente.
Así, tras a mudanza, teremos nun edificio con mobiliario e equipamento do trinque as vellas oficinas de sempre, cos seus retrasos, as súas duplicidades de traballo, o seu papel a mancheas porque, como rimou o Leiras Pulpeiro, vestir cunha camisa nova non é abondo para alcanzar a grandeza.
O modelo da oficina xudicial do 2003-2009 ten os días contados porque os mesmos políticos que pactaron implantalo (PP e PSOE) decidiron abandonalo tras as primeiras oposicións. Houbo resistencia porque as reformas organizativas tiñan amáis da finalidade declarada de dar un mellor servizo a cidadanía outras non confesadas como as de controlar o traballo de xuíces e maxistrados e reducir o número de traballadores da administración de xustiza.
Convén recordar que a primeira folga de xuíces dende 1976 convocárona os maxistrado españois para opoñerse ás reformas proxectadas ao abeiro do «Pacto de Estado para la reforma de la Justicia» A reticencia dun gran número de xuíces e maxistrados é unha das causas fundamentais de que a oficina xudicial non se implantara na meirande parte dos partidos xudiciais españois e nomeadamente en Galicia, onde o noso executivo é moi permeable aos consellos, recomendacións e directrices dalgúns maxistrados.
Algúns custes da (nova) oficina xudicial
Pero aínda que a (nova) oficina xudicial non exista xa quitou cartos dos orzamentos públicos. Voulles dar dous exemplos de primeira man, desas inversións inútiles adicadas polo Reino de España e Galicia a oficina xudicial :
- no 2009 a Dirección Xeral de Xustiza coa colaboración do Ministerio de Xustiza impartiu un curso de 2 días en Santiago de Compostela para 20 letrados da administración de Xustiza (co todos os custos cubertos) sobre a Nova Oficina Xudicial na que o aínda director xeral de xustiza afirmou en castelán:
[El plan de primeras medidas para la implantación de la nueva oficina judicial en Galicia e]s un primer plan de implantación que se engloba en un proceso gradual, de más amplio alcance, que afectará a todos los niveles de la oficina judicial en el periodo 2009-2011.
- en 2011 asistín (co todos os custos cubertos) a unha visita de 3 días a recén imprantada nova oficina xudicial de Cáceres para coñecer o seu funcionamento práctico. Estas visitas ás sedes reformadas continúanse a convocar todos os anos dende aquela en quendas de arredor 20 participantes para que os letrados da administración de xustiza coñezamos este modelo (que xa non podemos chamar novo).
Non podo confirmar -pero é doado imaxinar a súa existencia- as ducias de plans, amáis de aquel «Plan de primera medidas...» do que falou o director xeral de xustiza en 2009, e proxectos de implantación que se elaboraron nestes anos para rematar non facendo nada.
A pantasma da nova oficina xudicial pasou pola nosa lei, levouse cartos públicos e non mellorou para nada a administración de xustiza en Galicia porque o noso goberno non quixo. Namentras nas oficinas tradicionais loitamos como podemos por aplicar unha lei organizativa que xa non se axusta a o que acontece cada día porque regula un modelo que coido nunca veremos na práctica.