As verdades estatísticas de Montoro

“O informe de Cáritas é pura estatística que non ten correspondencia coa realidade, non temos necesidade de xerar falsos debates” (Montoro). Tomaremos nota deste argumento cando o PP e este ministro usen as estatísticas do INE para falar do aumento das exportacións, ou como pasou na pasada semana para falar da baixada do desemprego ou do aumento das afiliacións á Seguridade Social. Ben que Rajoy e outros membros do PP utilizaban os informes de Cáritas para atacar o goberno socialista: naquel momento as estatísticas reflectían unha realidade; hoxe en día son soamente estatísticas.

Ben que Rajoy e outros membros do PP utilizaban os informes de Cáritas para atacar o goberno socialista: naquel momento as estatísticas reflectían unha realidade; hoxe en día son soamente estatísticas

Pero é comprensible que a incomoda realidade moleste non só a Montoro senón a todo o goberno, porque bota abaixo o discurso triunfalista que levamos escoitando meses sobre a saída da crise. Unha crise que deixa un panorama de 3 millóns de persoas en España excluídas socialmente e 1,5 millóns en situación de exclusión severa, case seis millóns de desempregados e un crecemento exponencial da desigualdade sen parangón no entorno europeo que tanto usamos coma referencia cando é conveniente.

É comprensible que a incomoda realidade moleste non só a Montoro senón a todo o goberno, porque bota abaixo o discurso triunfalista que levamos escoitando meses sobre a saída da crise

Supoño que Montoro cando fala de realidade utiliza como referente os  grandes banqueiros, eses amigos que coleccionan arte que viron rebaixados os seus impostos, eses outros que matriculan embarcacións de luxo, xa que foron estas persoas as que viron crecer as súas contas bancarias e as máis favorecidas polas políticas deste goberno... Montoro non fala da realidade de milleiros de familias en todo o territorio do Estado Español.

En termos de benestar, di este informe, o trazo máis preocupante é o aumento sen precedentes da desigualdade na súa distribución

O informe de Cáritas simplemente reflexa como os recortes e a política fiscal deste goberno (e tamén as últimas políticas do goberno anterior) están producindo un ataque total á cohesión social. En termos de benestar, di este informe, o trazo máis preocupante é o aumento sen precedentes da desigualdade na súa distribución. Non é certo polo tanto o tan repetido discurso (do goberno e de certos medios) de que o custo da crise foi igual e xeneralizado para todas as capas sociais, senón que afectou claramente ás rendas máis baixas, levándoas a niveis de vulnerabilidade moi altos. Utilizando como referencia o Índice de Gini, segundo Cáritas non hai rexistro dun crecemento tan alto da desigualdade en España (dende que hai rexistros). Unha desigualdade tamén abonada pola política fiscal do PP, cun aumento dos tipos marxinais do IRPF, pero sobre todo co aumento dos tipos do IVE. De feito, este estudo advirte que “existe un risco notable de alargamento das diferenzas de renda entre os fogares españois que se cronifique na estrutura social, especialmente no caso de se manteren ou intensificaren as medidas máis regresivas tanto no ámbito da imposición como nas prestacións monetarias e de benestar social”. Algo que xa adiantara meses atrás outro informe da ONG Intermón Oxfam.

Outro elemento interesante desa realidade que di Montoro que non existe son os malos datos de desemprego

Outro elemento interesante desa realidade que di Montoro que non existe son os malos datos de desemprego. Fátima Báñez, como antes Ana Botella, afirma sen rubor que “a reforma laboral está creando emprego”. Os efectos desta reforma foron o aumento da temporalidade, da precariedade laboral e do subemprego. Durante o ano 2012 o mercado de traballo rexistrou os que probablemente son os peores datos da etapa democrática. No último ano, segundo a EPA, perdéronse 850.000 empregos, cun ritmo de destrución de emprego dificilmente comparable nos últimos 30 anos en España. A taxa de desemprego en España está 2,5 veces por enriba da media da Europa dos 27, e 10 puntos por enriba de Portugal e Irlanda, sen falar dun desemprego xuvenil en rexistros escandalosos. Segundo o INE, os desempregados de longa duración xa chegan ao 55%, e algo semellante ocorre cos fogares que teñen todos os seus membros en desemprego. que pasaron de 380.000 fogares antes da crise a 1.800.000 a finais de 2012.

É evidente que isto afecta ao nivel de renda e á capacidade de consumo dos fogares. A capacidade adquisitiva tivo unha diminución que levou as rendas a datos de 2001, caendo a renda media un 4% mentres os prezos creceron preto dun 10%, dando lugar á maior diminución do nivel de renda dispoñible das últimas décadas. Iso leva consigo un aumento da pobreza e a aparición de novas formas de miseria, como a chamada pobreza enerxética.

Segundo este informe, dende 2008 a pobreza tivo un crecemento exponencial, de tal xeito que non existen precedentes do aumento da pobreza nun intervalo temporal tan breve, de só catro anos

Segundo este informe, dende 2008 a pobreza tivo un crecemento exponencial, de tal xeito que non existen precedentes do aumento da pobreza nun intervalo temporal tan breve, de só catro anos. Cáritas afirma que “destaca a magnitude da pobreza en España no contexto europeo. Esta crise tivo un impacto bastante máis limitado no conxunto dos países que conforman a Unión Europea dos 27, mentres que en España ese crecemento foi moito maior. Especialmente nas formas máis severas de pobreza, moito máis pronunciada que noutros países do noso entorno”.  Este aumento da pobreza severa está claramente vinculado co dato dos fogares con todos os seus membros en desemprego e que non perciben ningún tipo de prestación por desemprego ou da Seguridade Social.

O último punto de interese deste informe que ofrece outra realidade é o referido aos dereitos sociais, advertindo que dende 2011 –e especialmente nos dous últimos anos– os recortes en aspectos fundamentais do Estado de Benestar deron lugar a niveis de fragmentación social insólitos en todo o período democrático. A redución da contía por prestacións por desemprego, a case total desaparición das axudas á dependencia, a redución das bolsas educativas e das axudas aos comedores escolares, as reformas e privatizacións no sistema sanitario e o ataque á educación pública, conforman un conxunto de medidas que afectan a unha grande parte da sociedade, nun momento no que a protección social e o estado de benestar deberían servir de axuda para suavizar os efectos da crise.

Non é sorprendente este comportamento gangsteril dun ministro de Facenda que xa leva no seu historial unhas cantas suxestións ameazantes referidas aos sectores críticos coas súas políticas ou coas políticas do goberno

É esta a realidade que Montoro nega, pero para previr a publicación de futuros informes, xa advertiu ao 3º sector (é dicir ás ONGs) que “lembren quen paga as facturas”. Non é sorprendente este comportamento gangsteril dun ministro de Facenda que xa leva no seu historial unhas cantas suxestións ameazantes referidas aos sectores críticos coas súas políticas ou coas políticas do goberno. Montoro utiliza os datos dispoñibles como membro do goberno para modular as críticas, sen dúbida un comportamento do máis democrático.

Os efectos dos recortes e da mesma crise están xerando uns impactos na estrutura e na cohesión social moi difíciles de recuperar sen unhas políticas máis sociais e centradas nas persoas. A situación de miseria e a pobreza de millóns de españois debería estar presente neste goberno, porque por moito que intenten tapar a luz do sol cun dedo, a realidade está aí. Non chegan as mensaxes dos brotes verdes para convencer as persoas sen teito, sen traballo ou sen alimento para os seus fillos de que vivimos nunha  realidade  máis edulcorada e feliz, moi afastada da súa vivencia diaria.

“Onde hai xustiza, non hai pobreza” (Confucio)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.