“Os poderes públicos garantirán, mediante pensións axeitadas e periodicamente actualizadas, a suficiencia económica aos cidadáns durante a terceira idade. Asemade, e con independencia das obrigas familiares, promoverán o seu benestar mediante un sistema de servizos sociais que atenderán os seus problemas específicos de saúde, vivenda, cultura e ocio” (CONSTITUCION ESPAÑOLA, art. 50).
Coido que xa deberan quedar poucas dúbidas sobre os intereses que realmente defenden os partidos das dereitas españolas e galegas (PP e Cs). Durante a longa recesión que veu derivada das políticas austericidas que se adoptaran co gallo da crise financeira os gobernos español e galego puxeron en marcha unha serie de medidas políticas as que so lles faltou unha sinatura para saber que estaban ditadas polo IBX35. Unha das máis destacadas, e longo tempo perseguidas polos bancos e as súas sociedades filiais, é o desguace do sistema público de pensións para así entrar “a saco” no que consideran un mercado de capitais moi apetecible, o mercado das pensións que, por caso, en España move anualmente 125.000 millóns de euros, 8.400 millóns en Galiza. Un mercado que queren copar coa universalización dos fondos de pensións a pesares dos malos resultados financeiros que presentan estes produtos. Si as intencións da dereita (PP, Cs) están claras non deixa de haber moitas dúbidas sobre as reais intencións dalgúns partidos de esquerdas como por caso o PSOE dadas as evidencias pasadas (F. González en 1985, J.L. Zapatero en 2011).
Unhas intencións, por parte do Partido Popular (PP) que Mariano Rajoy, a pesares da súa limitada retórica, deixou moi claras no discurso no Congreso co gallo do Pleno sobre as pensións celebrado o pasado día 13 de marzo. Un discurso que si estivo cheo de argumentos falsos, promesas non cribles, citas á herdanza recibida e brindes ao sol e que tamén serviu para deixar en evidencia, unha vez mais, que co o Partido Popular ao fronte do goberno o sistema público de pensións corre serio perigo en España. Unha evidencia que tivo na rúa unha reposta contundente por parte dos pensionistas de toda España aos que acompañaron moitos outros cidadáns de tódalas idades, o que nos dá idea da grande preocupación social en España e en Galiza polo presente e futuro do sistema público de pensións.
Un discurso o de Mariano Rajoy que, centrado na escaseza dos recursos públicos, non resiste o contraste coas evidencias e as experiencias, por caso europeas. O Gasto Público en pensións equivale en España ao 10,7% do PIB (2017). Unha porcentaxe que está claramente por baixo da media tanto na Eurozona (13,4%) como na Unión Europea (13,4%), por non falar dos estados europeos do noso entorno (Francia: 14,4%, Italia: 14,5%, Alamana: 12,4%). Un dato que desmonta totalmente o argumento de Mariano Rajoy de que non hai recursos para mellorar o sistema público de pensións.
A realidade é que este goberno (PP) mentres si ten recursos públicos para rescates bancarios (100.000 millóns de euros dos cales un mínimo de 60.000 millóns son irrecuperables) e de autopistas (2.000 millóns segundo fontes oficiais), para suntuosos gastos militares (un incremento de 17.000 millóns de euros que sumar a unha débeda acumulada de mais de 21.000 millóns de euros) e incluso para financiar a corrupción (90.000 millóns de euros anuais), di non telos para fortalecer o sistema público de pensións. Como se pode ver para este goberno (PP) as ganancias dos bancos, das grandes empresas construtoras e as industrias de armamento así como as corruptelas dos lideres do seu partido están por diante duns dereitos dos pensionistas que están recollidos na Constitución (art. 50). Esta é a autentica realidade.
Os actuais problemas financeiros da Seguridade social non derivan duns supostamente excesivos gastos públicos. Non, os problemas veñen provocados pola debilidade dos ingresos –unha caída do 30% dos ingresos procedentes das cotizacións-. O sistema público español de pensións, como sistema de reparto, finánciase en base as cotizacións sociais que se detraen dos salarios reais dos traballadores que somos quen financiamos este sistema durante o nosa vida laboral. Un sistema así depende, xa que logo, tanto do numero de traballadores cotizantes (empregos) como do importe medio das cotizacións (salarios reais). Depende por tanto da situación do mercado laboral.
Un mercado laboral que, como consecuencia tanto das políticas de axuste fiscal como das políticas laborais, está sufrindo un auténtico desguace. As evidencias mostran como estas políticas tanto destrúen emprego (dende o estoupido da grande recesión perdéronse 1 millón de empregos en España, 150.000 empregos en Galiza) como frean o crecemento do mesmo. Velaí por caso que a taxa de ocupación en España (49,1%), e en Galiza (45,2%), estea entre as mais baixas da Unión Europea (un diferencial, en relación á media, superior aos 15 puntos). Unha situación que loxicamente afecta negativamente ao número de cotizantes.
Ao mesmo tempo as citadas políticas provocaron unha caída das rendas do traballo de case 10 puntos (48% do PIB en España, 43,6% en Galiza: nunca acadaran uns niveis tan baixos), xa que as ganancias de produtividade, como se pode ver na evolución do custo laboral unitario, van as rendas de capital. Unha caída que arrastra consigo ao salario real medio (unha perda aproximada do 25% en España e Galiza) provocando directamente a caída das cotizacións que experimentan unha notable baixa. Baixa das cotizacións medias a que tamén contribúen os novos empregos nos que prima a precariedade laboral (26% en España, 26,7% en Galicia).
Velaí as principais razóns que explican a caída dos ingresos que financian o sistema público de pensións en España: as baixas no número de cotizantes e nos importes medios das cotizacións. Unhas caídas que teñen, como veño de explicar, causas políticas. As políticas de duro axuste fiscal e reforma laboral que desguazan o mercado de traballo facendo caer o número de empregos e o importe medio dos salarios quen arrastran na súa caída aos ingresos que financian o sistema público de pensións.
Así de claro.
Publicidade