Cada vez é máis claro que esta “Europa Fortaleza” perpetúa un xenocidio coas súas políticas migratorias que converten o Mediterráneo nun xigantesco cemiterio, xa levamos case vinte mil mortos na última década
Houbo un tempo no que os pobos eran nómades e movíanse en función das súas necesidades ou inquedanzas, desa época xa hai algúns séculos, mais as migracións continúan a producirse ata a actualidade. Onde a vella Europa, esa que se autoproclama garante dos dereitos humanos e das democracias, está rexida polo espazo Schengen, onde a liberdade de movementos depende da cor da pel e da conta bancaria das persoas que a exercen. Cada vez é máis claro que esta “Europa Fortaleza” perpetúa un xenocidio coas súas políticas migratorias que converten o Mediterráneo nun xigantesco cemiterio, xa levamos case vinte mil mortos na última década. Se tivésemos máis espazo habería que falar sobre o que sucede cos recursos naturais dese continente e doutros, quen os explota e de que xeito? Como se está a promover un determinado desenvolvemento que non fai máis que afondar as desigualdades e expulsar á xente das súas terras mentres lles impedimos entrar aquí, alén de que co noso consumo contribuímos a súa dependencia.
Pero a esta situación, que xa tristemente se converteu en cotiá, temos que sumarlle agora o asunto das familias refuxiadas, temos que soportar como se nega o dereito ao asilo e se deixan tiradas ou se reprime nas fronteiras a miles de persoas que escapan de guerras, non só en Siria, lembremos os casos de Libia, Malí, Sudán, Exipto e moitos outros lugares. Provocadas, convén lembralo, polas intervencións militares da chamada comunidade internacional. Tan difícil é garantir un corredor humanitario seguro que deteña as travesías de centos de embarcacións precarias por mar cara a illa de Lesbos e outros lugares das costas europeas? Para que está a axencia FRONTEX ademais de consumir recursos externalizando fronteiras e perseguir a migrantes? Tan difícil é garantir a solicitude de visado en orixe ou tránsito, derrogar o protocolo Dublín 3? Van a seguir moito tempo máis os estados europeos deixando a xente tirada nas fronteiras mentres falan delas en termos de “cotas”?
Para que está a axencia FRONTEX ademais de consumir recursos externalizando fronteiras e perseguir a migrantes? Tan difícil é garantir a solicitude de visado en orixe ou tránsito, derrogar o protocolo Dublín 3?
Isto, por non falar das devolucións en quente, os voos de deportación masiva ou os actuais campos de concentración, como son os CIE’s, onde se práctica o racismo institucionalizado contra un sector de poboación determinada, que ten tanto dereito como os nosos mozos a practicar a mobilidade exterior, que diría a Ministra. Por tanto, deberían poñerse en marcha a escala europea políticas integrais que non se centren na persoa inmigrada ou a migración, senón sobre a orixe e as consecuencias da mesma sobre o conxunto da poboación dun territorio. As persoas inmigradas non son vítimas, son persoas, suxeitos activos con dereitos que as administracións deben garantir. Algo que xa se está comezando a facer nas autodenominadas cidades refuxio onde se demostra dende hai uns meses que se pode gobernar doutro xeito e sobre todo con outras prioridades. Convén seguir concretando e apertando ante o Goberno central dende as cidades do cambio para garantir o dereito ao asilo das familias.
Cos discursos, as prácticas e a legalidade vixente nesta cuestión, estamos moi preto de repetir os tempos escuros dos anos 30 e non podemos continuar a mirar cara outro lado ou vivir na indiferenza
Finalmente, non quería deixar de destacar o papel que xogan os medios de comunicación e representantes políticos, de todo signo, cando presentan as migracións como un problema ou ameaza. Cando falan de persoas en termos de legalidade, reducíndoas a simples cifras, ou no mellor dos casos, só pensan nelas como man de obra para os sacralizados mercados. Mais tamén habería que tentar asumir a nosa responsabilidade como cidadáns, pois a cuestión migratoria non aparece nas loitas dos movementos sociais e das organizacións da sociedade civil da forma que urxe. Xa que, cos discursos, as prácticas e a legalidade vixente nesta cuestión, estamos moi preto de repetir os tempos escuros dos anos 30 e non podemos continuar a mirar cara outro lado ou vivir na indiferenza.