ATCI: ameaza letal para a sanidade pública

A negociación do Acordo de Libre Comercio e Investimentos (ATCI) entre os EEUU e a Unión Europea non é noticia relevante para os medios de comunicación. Soamente emerxe de cando en vez como un asunto rutineiro como se estivesen abordando unha realidade moi afastada para as grandes maiorías sociais. Este tratamento responde á intención moi calculada dos grandes poderes económicos e financeiros de escala global de eludir a alarma social que podería xerar unha exposición serea e crítica do seu contido. Son as elites interatlánticas as que tecen, unha vez máis, o futuro de 800 millóns de persoas ás costas dos representantes lexítimos da cidadanía, é dicir, do Parlamento Europeo e das cámaras lexislativas dos respectivos estados da Unión Europea involucrados.

O cabildeo entre os lobbies dos grandes consorcios e das transnacionais coa Comisión Europea vai a todo vapor. Sen control democrático, sen transparencia e sen participación dos axentes sociais

Así, o cabildeo entre os lobbies dos grandes consorcios e das transnacionais coa Comisión Europea vai a todo vapor. Sen control democrático, sen transparencia e sen participación dos axentes sociais, os promotores deste proxecto neoliberal esperan poñelo en marcha dentro do período lexislativo do Parlamento Europeo que se forme a partir das eleccións do próximo 25 de maio.

No punto de mira está o desmantelamento definitivo do chamado estado do benestar europeo ou, dito doutra maneira, a liquidación dos bens comúns acumulados por décadas de loita social. Un dos efectos máis inmediatos sería o de converter en irreversibles todos os procesos de privatización que estamos a padecer neste momento.

No punto de mira está o desmantelamento definitivo do chamado estado do benestar europeo ou, dito doutra maneira, a liquidación dos bens comúns acumulados por décadas de loita social

Esta é unha conclusión que se extrae tras a experiencia acumulada desde que nos anos 90 os tratados de libre comercio iniciasen unha fase de expansión planetaria. A introdución de cláusulas para a resolución de controversias estado-empresa, permitiron sistematicamente aos consorcios obter indemnizacións multimillonarias. Os acordos soberanos dos estados ou das distintas administracións públicas, aínda que vaian dirixidos a protexer o interese público, son, por regra xeral, considerados como formas de “expropiación indirecta”.

Seguindo está lóxica esmagante, a paralización dos procesos privatizadores como o dos hospitais públicos da Comunidade de Madrid non serían posibles no marco dun tratado destas características. O sometemento á xurisdición arbitral convertería en papel mollado calquera resolución dos tribunais ordinarios dos estados.

A paralización dos procesos privatizadores como o dos hospitais públicos da Comunidade de Madrid non serían posibles no marco dun tratado destas características

No marco do estado español a vixencia da Lei 15/97 sobre novas formas de xestión, reforzada por este acordo interatlántico pode ser unha combinación diabólica. Esta beberaxe envelenada aceleraría tremendamente o paso ao modelo norteamericano, no que, como sabemos, 40 millóns persoas carecen de asistencia sanitaria.

A seguridade alimentaria sometida a novos estándares normativos importados de EEUU, moito menos esixentes e non garantistas, posto que se tende ao principio do “mínimo común denominador”, sufriría un enorme impacto negativo pola introdución de prácticas nocivas (cloración de polos, tratamentos de carnes,…), así como a legalización masiva de alimentos transxénicos. Outras políticas de saúde pública, tampouco se quedarían á marxe do ataque furibundo das empresas transnacionais como o demostra a fulminante ataque de Philips Morris contra Uruguai pola posta en práctica das medidas antitabaco.

Capítulo aparte merece a atención a guerra declarada contra os medicamentos xenéricos. EEUU ven introducindo sistematicamente nos tratados de libre comercio cláusulas especialmente agresivas para defender os intereses das grandes farmacéuticas

Capítulo aparte merece a atención a guerra declarada contra os medicamentos xenéricos. EEUU ven introducindo sistematicamente nos tratados de libre comercio cláusulas especialmente agresivas para defender os intereses das grandes farmacéuticas. Soada foi a reclamación dos dereitos de propiedade intelectual contra Sudáfrica pola elaboración e comercialización neste país de retrovirales anti-VIH. A Grecia foille cortado o abastecemento de anticanceríxenos cando se agudizou a crise da débeda. Os estados sometidos ao acordo transatlántico non o terán nada fácil para  implementar as súas políticas á marxe do monopolio de prezos que impoñan as transnacionais do sector.

As consecuencias para Galicia dun tratado destas características incrementarían a fenda económica e social a respecto das áreas máis desenvolvidas

Debido a súa condición periférica, as consecuencias para Galicia dun tratado destas características incrementarían a fenda económica e social a respecto das áreas máis desenvolvidas. O noso país quedaría totalmente inerme ante unha recolonización das multinacionais e os poderes públicos serían incapaces de tomar decisións que protexan os intereses de todos os galegos e galegas. Só sinalar que a “posta en corentena” de proxectos tan nocivos para a saúde e para o medio ambiente como a minería aurífera de Corcoesto ou a práctica do fracking adoptada unanimemente polo parlamento galego, non serían posibles baixo a espada de Damocles do ATCI.

Para defender os intereses populares e a sanidade pública non queda outra que opoñerse radicalmente a este tratado. SOS Sanidade Pública xa o ten valorado moi criticamente e, como sempre, disposta a establecer todas as alianzas sociais necesarias para enfrontarse e parar esta ameaza letal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.