Até máis ver

“Los del Bloque son como los de la Eta pero sin cojones”, dixera Fraga Iribarne nos anos setenta, cando era ministro fascista (*). Lito de Vilalba finou hai uns días e ao lembrarmos a frase entre varios dos seus amigos, pareceunos inexacta tanto a semellanza organizativa como o baleiro testicular. 

As etas non existiron porque a bioloxía dos vascos agromase especialmente feraz nesa ampla rexión do sistema reprodutor masculino, senón porque Euskadi foi o epicentro de tres guerras carlistas no século XIX e doutra civil no XX, con duras frontes de combate. Ten máis que ver por tanto coa longa duración que conceptúa o historiador Braudel que coas glándulas seminais (**).

E para arroxo o de Lito. Vénseme á cabeza un desafío delirante, aínda con Franco vivo. Pasara máis dun ano na cadea por antifascista e parárono nun control, creo que en Guipúscoa. Cando o garda civil mete a metralladora pola xanela do vehículo, el agárralle o cano e mentres forcexan mándallo retirar, a berros, de diante da súa cara, até que finalmente o inmobilizan. Pura coraxe.

(*) Aire para respirar, editado por Xerais, é un libro que recolle lembranzas de Antón Baamonde sobre a súa militancia política. Nel fala de Fraga Rei (Lito), un dos fundadores de Erga.  

(**) Os acontecementos que xa aconteceron non se borran senón que deixan tras de si residuos, fumes, leccións e consecuencias; complican  a vida que está a desenvolverse e cómpre continuar vivindo cos eses ruídos, esas músicas insistentes, coas súas leccións verdadeiras ou falsas, con ese pasado vivinte. (Fernand Braudel)

 

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.