Atención. Perigo. Socialdemócratas

A presentación do programa económico de Podemos serviu para demostrar empiricamente dúas evidencias até agora só intuídas. A primeira é que os mesmos que os acusaban de ser bolivarianos, radicais e extremo esquerdistas correron agora a imputarlles os cargos de socialdemócratas e moderados. Onte o problema era que prometían demasiado. Hoxe o problema é que prometen pouco.

Tivo que presentar o seu programa Podemos para que por fin se lle dese un enterro decente á perigosísima socialdemocracia

A segunda evidencia constata até que punto se desprazou á dereita o debate político en España. O que antes era esquerda agora é extrema esquerda, o que antes pasaba por centro agora pasa por esquerda e o que antes se situaba a dereita agora sitúase no centro. O demais pódeno imaxinar. Tivo que presentar o seu programa Podemos para que por fin se lle dese un enterro decente á perigosísima socialdemocracia.

Por se alguén aínda non se decatou, asistimos a un novo despregamento espectacular de luz e son para deixarnos claro que é radical, perigoso e inviable pedir un Estado do Benestar universal e uns niveis de investimento público que rolden a metade do PIB, como en Alemaña ou Francia, aspirar á xornada laboral de 35 horas e a xubilarse ao sesenta e cinco, reclamar unha política fiscal progresiva, ou defender que o Estado teña un papel activo na economía, con banca e empresas públicas. É máis e por se quedaba algunha dúbida: só os ignorantes que non teñen nin idea de economía poden defender e pedir cousas así.

Ninguén explica por que os bancos se empeñan en convertelas no seu negocio se as pensións resultan tan insustentables

Entre tanta película de terror e tanta profecía apocalíptica ninguén explica por que os bancos se empeñan en convertelas no seu negocio se as pensións resultan tan insustentables. Ou por que non paran de asinarse concertos coa sanidade e a educación privadas se o Estado do Benestar resulta tan inviable. Ou por que, cos problemas de recadación fiscal que padecemos, España é o país da Zona Euro que máis renunciou aos impostos que gravan a propiedade da riqueza: sucesións e patrimonio.

Se os medios lle dedican aos aínda descoñecidos programas do PP ou o PSOE o nivel de análise e esixencia receitado para Podemos, nas próximas xerais non imos manexar programas, poderemos consultar memorias, balances de contas e até auditorías.

Non sei vostedes, pero non imaxino a Rajoy cuantificando todas e cada unha das medidas do seu programa e explicándonos de onde van saír os cartos para as baixadas de impostos que seguro prometerá. Intúeselle máis ben como este fin de semana en Catalunya. Facendo política e falando só para os seus votantes, que son os que lle importan. E os demais aplaudindo. #CódigoMariano en estado puro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.