Atención presencial, xa

Mobilización en Moaña pola Sanidade Pública, hai uns meses ©

O pobo de Moaña vén de expresar con absoluta claridade as prioridades inmediatas en materia sanitaria unha vez recuperada a “nova normalidade”. O 27 de xullo a traveso dunha moción da Mesa da Sanidade aprobada por unanimidade no Pleno do Concello de Moaña e o 2 de Agosto mediante a manifestación na rúa de mais de 2000 persoas e o pasado sábado, 3 de outubro, outras tantas desafiando a chuvia.

OITO MESES despois volvemos a concentrarnos ao mediodía dos xoves diante da Casa do Mar.

Daquela reclamábamos pediatra e fisioterapia pola tarde, servizo de xeriatría, substitución do persoal en vacacións, mais médicxs para rebaixar o cupo, 10 minutos mínimo para cada paciente,… E AGORA?

PEDIMOS UN/HA MEDICO/A QUE NOS ATENDA: ATENCIÓN PRESENCIAL, XA. A restitución da atención médica presencial reducindo a atención telefónica para a xestión daquelas cuestións relacionadas directamente coa pandemia da COVID 19.

Daquela a agora non só non se deu resposta algunha a esta demanda unánime e maioritaria dos veciñxs, senón que as condicións empeoraron notablemente. 

…que ten acontecido nestes OITO MESES para que esteamos nesta situación tan precaria?

Substituíuse a consulta presencial pola telefónica, apenas un 20% dos pacientes son atendidos directamente, con longas listas de espera para levala a cabo. O argumento utilizado para adoptar esta medida foi evitar  contaxio na Casa do Mar. E é o persoal administrativo quen, en primeira e última instancia, ten que poñer a cara e oídos durante toda a xornada fronte o malestar e protestas dos usuarixs.

Coa crise da COVID19 descubrimos a debilidade estrutural da sanidade pública, a importancia da atención primaria e aplaudimos o traballo heroico dos profesionais desde os balcóns…

E saímos do confinamento convencidos de que aprendéramos a lección: mais equipos de protección para profesionais, mais médicos e enfermeiras, mais ucis operativas, mais material de diagnóstico, mais e mellores medios na primaria como primeira barreira ante a pandemia…

Por fin e grazas a crise da COVID19, a realidade demostraba que tiñamos razón… A NECESIDADE DE MÁIS E MELLOR SANIDADE PÚBLICA.

Nos dous últimos meses estamos co 75% da plantilla e a situación é moito mais grave cando ademais débese asumir a tarefa de “rastreo” sen medios nin coordinación algunha para a vixilancia epidemiolóxica e identificación  temperá de novos casos.

Estamos agora no rebrote previsto para o outono e atopámonos con que a lección foi aprendida xusto ao revés: SEGUIMOS SEN MEDIOS SUFICIENTES NA ATENCIÓN PRIMARIA, SOBRECARGADA POLAS TAREFAS DE DETECCIÓN E CONTROL DO VIRUS E ATERRADOS ANTE A POSIBILIDADE DUN NOVO COLAPSO NOS HOSPITAIS.

…e nos xa so pedimos un médico que nos atenda presencialmente nun tempo razoable… que te escoite, que te ausculte, que che faga as probas, que che dea un diagnóstico e que te axude a curar…

En realidade estamos pedindo un sistema de saúde pública humanizado, non queremos robots que nos receiten por teléfono. Recuperar o concepto de saúde. A OMS, nada sospeitosa de revolucionaria, define na súa acta constituínte “A SAÚDE como un estado de completo benestar físico, mental e social, non só a ausencia de enfermidade”.

A ausencia de dor físico ou a ausencia de enfermidade non son sinónimos de saúde e benestar. Temos un sistema sanitario montado sobre este equívoco.

O contacto e a relación  medico-paciente constitúe un dos alicerces esenciais da AP, polo que manter esta modalidade telefónica de consulta como base da atención supón  unha enorme limitación da accesibilidade, a racionalidade e a calidade do modelo.

Limitar o acceso á atención,  transformando ao persoal administrativo nunha primeira barreira para seleccionar quen e cando debe ser atendido, obrigando aos pacientes para facer cola na rúa é absolutamente inadmisible. 

Dificultar o acceso á Atención Primaria pública favorece a privatización, a fuxida das persoas con maior capacidade económica aos seguros privados ( supera o 20% da poboación) e a discriminación dos grupos con menor capacidade económica. E tampouco debemos esquecer que non se morre só do coronavirus…o cancro aumentou non últimos 5 anos un 40% na nosa comarca, os ictus e problemas coronarios están a sufrir un pico moi importante con esta falta de atención presencial na atención primaria.

O cancro, cando aparece, leva anos desenvolvéndose no noso interior moitas veces sen avisar… o 25% das cardiopatías isquémicas producen a morte fulminante sen síntomas previos, hai enfermos crónicos que a base de medicamentos de por vida gozan de “boa saúde”… e os que presumimos de sans, non seremos realmente enfermos sen diagnosticar?

Non nos van a confundir mesturando a TELEMEDICINA, ou a atención telefónica para receitas o trámites administrativos, coa consulta médica por teléfono. Son procesos diferentes e que teñen a súa aplicación técnica limitada e concreta. Na sanidade galega estase a facer un abuso neglixente da consulta telefónica con grave risco para a nosa saúde.

E que fai o sistema ante esta situación?

Onde están os plans de prevención, de hábitos saudables, de alimentación san, de práctica de exercicio físico, de saúde mental, máis alá de campañas publicitarias valeiras de contido práctico?

Asistimos ao desmantelamento da atención presencial nos centros de saúde, deixándonos como único recurso a medicación automática “facilitada polas farmacéuticas” e mercando, as mesmas compañías, tecnoloxía de diagnóstico final nos grandes hospitais para intervir cando xa os procesos de enfermidade están avanzados…

A crise sanitaria é consecuencia directa do virus, pero a terrible crise social e económica que estamos a padecer é responsabilidade directa dos gobernos que pouco a pouco foron desmontando o sistema sanitario público ata deixalo sen capacidade para facer fronte a unha emerxencia como a que estamos a vivir. A falla de resposta da estrutura sanitaria trasladou un problema saúde ao económico ( única solución parar o pais) e ao social (pechar a xente na casa).

E os actuais gobernos que teñen a responsabilidade de xestionar esta situación están a amosar unha falla de madureza e valentía, un oportunismo político tan descarado que á crise sanitaria, social e económica súmase unha fonda crise política.

Como di a OMS: “A SAÚDE é un estado de completo benestar físico, mental e social, non só a ausencia de enfermidade”.

Ante esta situación, despois de ter aplaudido moito aos profesionais durante o confinamento, e asumindo que estamos na nova realidade que se vai prolongar moito tempo, temos que esixir aos profesionais que “reivindiquen” cóbado a cóbado cos usuarios os medios e condicións para prestar a atención primaria que precisamos. 

Coa nosa reivindicación deste xoves, ATENCIÓN PRESENCIAL, XA, simplemente sinalamos a punta do iceberg, dun problema moito mais fondo do que temos que ser moi conscientes e reivindicativos se queremos unha saída decente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.