Atrévanse a ser xornalistas

Cada vez que Rajoy comparece diante da prensa (Rajoy real ou Rajoy teleplasmático) infórmase de que non se aceptaron preguntas, que foi unha rolda de prensa sen quenda de preguntas, que o presidente leu un texto e que logo marchou. Esa realidade alucinante e de desprezo á opinión pública convive con outra máis reciente, pero igual de tristeira, como é o feito de que algúns partidos xa lle mandan ao telexornal o corte exacto da noticia para que se emita tal e como eles queren que se emita. As teles, que queren aforrar, hai ben de tempo que non envían xornalistas nin cámaras aos mítines, aceptando a selección de declaracións e imaxes (nas que o candidato sae perfecto e indubidablemente intelixente) facendo así, en troques de comunicación, propaganda pura ao servizo de quen paga.

Esa realidade alucinante e de desprezo á opinión pública convive con outra máis reciente, pero igual de tristeira, como é o feito de que algúns partidos xa lle mandan ao telexornal o corte exacto da noticia para que se emita tal e como eles queren que se emita

Xa escribín un cento de veces contra desta renuncia, gravísima, das empresas xornalísticas a exercer o seu papel máis básico, que é o de informar. Nin sequera estou a falar do seu necesario labor de control ao poder ou de vixiantes (e denunciantes, chegado o caso) da ética política. Falo só do máis primixenio.

Informar.

Contar.

Dicirlle á xente o que pasa.

O xornalismo máis elemental baséase nun exercicio dual de preguntas e respostas. Para dedicarse, ou máis ben, para sentirse xornalista, imaxino que o primeiro que un ten que sentir é a necesidade de facer preguntas para captar así o esencial dos asuntos dos que logo hai que falar aos lectores ou espectadores ou a quen sexa o público receptor da información.

Para dedicarse, ou máis ben, para sentirse xornalista, imaxino que o primeiro que un ten que sentir é a necesidade de facer preguntas para captar así o esencial dos asuntos dos que logo hai que falar

Algo tan básico, facer preguntas libre e profesionalmente, e esperar que sexan contestadas, non está a facerse. E deberíase. E de feito, pódese.
Estou certo de que, se nalgunha desas roldas de prensa ás que son convocados os medios, previamente advertidos de que non se van permitir preguntas, alguén as fixese, alguén rachase co protocolario guión do medo, para preguntar, ou sexa, para exercer o xornalismo, estou segurisimo, insisto, de que habería respostas, xurdirían noticias e, o que é mellor, que se faría xornalismo. Ese oficio que, no básico, consiste en preguntar. Non en copiar, reproducir nin obedecer.

Pregúntenlle a Rajoy. Verán que só van pasar cousas boas se o fan. Incluso pode ser que se sintan xornalistas e todo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.