Aumenta a desigualdade

En Italia o 7% das familias vive na miseria absoluta e o 13% gaña menos de 990 euros ao mes; en só dous anos duplicouse a taxa dos que admiten pasar privacións. En Reino Unido, nos seis longos anos de crise, o número de persoas que precisa axuda de institucións benéficas multiplicouse por vinte. En Grecia está o 27% da poboación en paro, o 35% nos bordes de pobreza e a exclusión mentres o 30% da xente non ten acceso á sanidade pública. España retrocedeu tres lustros en benestar e renda respecto á media europea; o número de persoas atendidas por Cáritas pasou de 370 mil a 1.3 millóns; é o segundo país europeo no que máis medrou a desigualdade desde 2007. Ainda podemos achegar máis datos: o 26% da poboación activa está no paro; morreron máis de 200 mil empresas; é o país europeo no que máis baixaron os salarios; dous millóns de familias non teñen ningún ingreso, e os máis novos e preparados foxen na busca dun futuro mellor. Un estudo publicado por Eurostat advirte que o grao de benestar de España está agora moito máis lonxe da media europea (un 92%) e non semella que, a curto prazo, deixe de minguar.

Todo parece indicar que a Unión Europea xa non é un proxecto social: está parasitada polos poderes económicos que teñen as institucións secuestradas e postas ao seu servizo

Todo parece indicar que a Unión Europea xa non é un proxecto social: está parasitada polos poderes económicos que teñen as institucións secuestradas e postas ao seu servizo. Diante da crise global, que eles mesmos provocaron, os omnipotentes mercados impuxeron as súas receitas económicas, que provocaron a socialización das perdas (pagamos co noso diñeiro as débedas dos bancos) e fixeron xogos malabares coa prima de risco e outros indicadores para xustificar o saqueo das arcas públicas, a laminación do Estado de benestar e a suspensión dos dereitos laborais e civís. A clase política foi cómplice destas actuacións: está invadida de “cabalos de Troia” que traballan ao servizo do capital, sen reparar no grave dano e no terrible sufrimento que están a provocar en capas cada vez máis amplas da poboación. Moitas persoas de clase media, que vivían sen quebrantos nin inseguridades hai seis anos, agora apretan o cinto e teñen cada vez máis dificultades para chegar a fin de mes. Resulta aterradora esta caída masiva no desamparo; é preocupante observar a intensidade e a rapidez deste empobrecemento xeral.

“He pedido mucho a los españoles, pero el tiempo se lo devolverá con creces”, dixo Rajoy nunha recente comparecencia. Pero é que, para moita xente, xa non hai tempo

As medidas políticas impostas desde o poder foron sempre na mesma dirección: salvar e apoiar aos poderosos e empobrecer aos pobres. En vez de aplicar unha fiscalidade progresiva  -de xeito que os que máis teñen sexan os que contribúan á recuperación global- e perseguir aos grandes defraudadores –o 94% das empresas do Ibex evade impostos en paraísos fiscais-, aplicaron o austericidio: castigos rigorosos sobre os traballadores, os enfermos e os pensionistas.

“He pedido mucho a los españoles, pero el tiempo se lo devolverá con creces”, dixo Rajoy nunha recente comparecencia. Pero é que, para moita xente, xa non hai tempo. As graves dificultades económicas das familias e a falta de perspectivas de futuro están a provocar situacións de auténtica desesperación. A desigualdade destrúe a cohesión social, é corrosiva: “corrompe a las sociedades desde dentro”, dicía Tony Judt. A política está desprestixiada a e democracia, como mellor forma de goberno, está sendo cuestionada.

Joaquín Estefanía lembraba nun artigo que as medidas impostas pola troika, que subestimou o impacto da austeridade na vida da xente, baseáronse nun informe do FMI que, tempo despois, demostrouse que tiña graves erros metodolóxicos. Pero hai un debate aberto: cómpre saber se as receitas aplicadas estiveron equivocadas (foron erros) ou se son sinxelamente falsas (manipulación ideolóxica). É moi probable que os impulsores destas medidas non tiveran en conta as consecuencias do austericidio (paro, empobrecemento masivo, mortandade de empresas...) xa que tiñan claro o obxectivo: “favorecer una determinada agenda, favorable a una distribución regresiva de la renta y la riqueza”.

A cidadanía ten que ser capaz de dar unha resposta. É preciso canalizar o descontento da gran maioría e reverter a situación actual

Tamén sinala Vicenç Navarro nun artigo que as enormes desigualdades de España “están basadas en la excesiva influencia de la banca y la gran patronal sobre el Estado; su abusivo poder sobre el Estado es la mayor causa de la pérdida de legitimidad de la democracia”. Tamén recorda que o 20% da xente máis rica posúe máis renda que o 60% da poboación: ese 20% é o que domina a vida política e mediática no país. Cómpre darlle a volta a esta situación. As políticas do PP están a levar a moitas familias a situacións de desesperación. A cidadanía ten que ser capaz de dar unha resposta. É preciso canalizar o descontento da gran maioría e reverter a situación actual. De non ser así a pobreza e a desigualdade seguirán sendo unha ameaza para cada vez máis persoas, que ven cegado o seu futuro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.