O Celta da miña nenez militaba en segunda división. Aos seis anos, papá fíxonos socios da grada (aboiante) de Río para seguir o equipo de Ibarreche e Las Heras, que xogaba co Indauchu, co Condal, co Basconia, co Europa, co Langreo, co Deportivo da Coruña ou co Pontevedra que conseguiría nun derby co Celta en Pasarón o seu ascenso a primeira división, iniciando a vizosa etapa do «hai que roelo!», seis tempadas en primeira, nunha delas campión de inverno, que o converteron no mellor equipo galego da década dos sesenta.
Os rapaces do meu tempo tivemos que agardar até o ano sesenta e nove para ver xogar o noso equipo en primeira, feito celebradísimo na cidade que levou ao Faro a entregar (por vez primeira) un póster a cor do cadro de xogadores adestrado por Ignacio Eizaguirre, que decoraría durante anos moitas cociñas e canta taberna ou tenda de ultramarinos había en Vigo. Aquel Celta de Manolo, Costas, Rivera, Abel, Suco ou Lito, un cadro na súa maior parte galego, foi sempre sentimentalmente o meu preferido. Acadou a primeira grande proeza internacional do fútbol galego: xogar en 1972 unha eliminatoria da UEFA fronte ao Abeerden escocés; proeza, ben é certo, que quedou un chisco diminuída pola incapacidade do equipo do olímpico Juan (a nosa maior figura daquela) para conseguir sequera algún tanto (perdimos 0-2 en Balaídos).
Despois viñeron as dúas décadas do «sobe e baixa», e, máis tarde, as glorias europeas do xogo da serpe de Mazinho, Mostovoi, Karpin ou Gustavo López, das que hoxe tantas saudades conservamos, a pesar de non conseguir nunca un título. Con semellantes precedentes non nos poden amedrentar as dificultades que levamos vividas nestas cinco tempadas de sufrimento na dificilísima segunda división. A tempada pasada ficamos co mel nos beizos, cando Michel no encontro da promoción guindou o penalti decisivo á bancada de Los Cármenes.
Porén, os celtistas temos experiencia abonda para sabernos manexar nos peores temporais. O bo xogo en Balaídos, a indubidable capacidade goleira dunha dianteira de moitos quilates, a evidente recuperación de Oubiña, probablemente o mellor xogador galego da década, a madurez acadada por valores como Iago Aspas, Álex López ou o internacional Túñez, mesmo a traxectoria na táboa clasificatoria desta tempada, decote cun equipo case nun setenta por cento de xogadores galegos, a maior parte deles formados na Madroa, inevitablemente, fainos soñar coa posibilidade do ascenso. Aupa, Celta!