Comeza un novo ano, e valorar o compromiso orzamentario da administración autonómica en materia de cooperación ao desenvolvemento é case unha tradición. Como aconteceu nos anos pasados, e xa son seis seguidos, hai poucas razóns para a ledicia. Só unha boa nova no orzamento: o montante destinado no 2015 será igual ao destinado no 2014. A Xunta de Galicia cumpre a súa magra previsión de mínimos. Apenas 4,3 millóns de euros.
Neste comezo de ano hai outra tradición persoal coa que tamén pretendo cumprir: ordenar os papeis que de forma exponencial vou acumulando co paso do tempo. Como é unha pretensión que adoita quedar nun desexo, os papeis vanse amoreando formando capas e máis capas, que dentro de pouco merecerán un tratamento case de resto arqueolóxico, algo semellante a escavar nun castro .
A tentativa de poñer orde tivo como interesante resultado atopar un artigo publicado en novembro de 2002, no semanario A Nosa Terra. Naquel texto, baixo o título de “A asignatura pendente da cooperación”, facía unha análise crítica do proxecto de lei de cooperación que unhas semanas antes, fora publicado no boletín oficial do Parlamento Galego. Tamén falaba do marco orzamentario necesario para que a cooperación autonómica chegara a un tamaño que a sacara da irrelevancia. Reler o artigo sorprendeume. Naquel momento laiábame de que as partidas que aparecían eran escasas… Escribía daquela: “O proxecto de orzamentos para o ano 2003, presentado estes días, fixa unhas contías que dificilmente chegarán ao 0,08-0,09% do total do orzamento, apenas 6 millóns de euros sobre un total de 7.700 millóns”. Botando unha ollada ao 2015, desexaría escribir para laiarme das mesmas cifras. O paso do tempo amosounos que ningún logro é para sempre, e que baixar a garda e pensar que o compromiso coa solidariedade cos pobos en vías de desenvolvemento viñera para quedar, era un pensamento totalmente errado. Os ventos da crise deixaron en evidencia que o discurso de compromiso social internacional era iso exactamente: un discurso vacuo, nada enraizado no núcleo dirixente dos partidos políticos maioritarios.
O cambio de goberno, na Xunta de Galicia e logo no Estado, deixou claro ata que punto a solidariedade institucional aseméllase á de tantas persoas que a reducen a asinar manifestos en internet ou darlle ao botón de 'gústame'
O cambio de goberno, na Xunta de Galicia e logo no goberno do Estado, deixou claro ata que punto a solidariedade institucional aseméllase á de tantas persoas que a reducen a asinar manifestos en internet ou darlle ao botón de Gústame no Facebook. Solidariedade sempre que non custe; solidariedade si se pode exercer dende o sofá do salón. Un dato sacado dun informe recentemente publicado pola ONGD Intermón-OXFAM: a axuda oficial española executada en 2010 acadou os 4.492 millóns de euros. A executada no ano 2013 non chegou aos 1.800 millóns, apenas o 40%.
Podería reiterar os moitos argumentos que xustificarían un maior compromiso neste asunto. Son sobradamente coñecidos. Uns refírense a que a cooperación sería unha forma de posicionar ao noso país dun xeito activo no marco internacional. Outros sosteñense sobre a ética e a o propio concepto de solidariedade, de irmandade entre os pobos, argumento debería ser importante para a esquerda. O abano ampliase ata aquelas razóns sustentados no interese económico. E non hai que esquecer os referentes á necesidade de traballar a prol dun mundo sen conflitos. Sendo a pobreza un compoñente fundamental de moitos dos existentes. E a estas alturas xa deberiamos saber que os conflitos teñen a costume de non quedarse quedos. E a listaxe é maior.
A escasa dotación económica foi un dos argumentos, creo que o máis importante, que os/as representantes da Coordinadora Galega de ONGDs fixeron público para explicar a súa oposición ao Plan Anual de Cooperación 2015. Comparto con eles/as a súa insatisfacción coa cativeza do compromiso económico.
Aínda que estas cifras son realmente desesperanzadoras, é verdade tamén que o Plan Anual non é un documento tecnicamente rexeitable. Nesta situación de desamparo orzamentario sería case, case, un “brote verde”. Non é o que correspondería se o orzamento fora moi superior, pero dentro do marco orzamentario aprobado polo Partido Popular no Parlamento Galego, o plan de traballo e os compromisos recollidos no mesmo son unha demostración de que incluso nesta Xunta de Galicia hai persoas que cos escasos medios que se poñen á súa disposición, queren facer ben o seu traballo. Por iso o plan mereceu o meu voto favorable no Consello Galego de Cooperación, sen que iso poida servir como argumento de respaldo ao escaso compromiso material cos pobos empobrecidos e coas xentes que cada día loita por un futuro.
O artigo do ano 2002 remataba así: “A fin de contas o orzamento é un dos principais instrumentos da acción política dende a administración pública. Sería desexábel que a lei fose acompañada polo compromiso entre os grupos parlamentarios de manter un incremento sostido dos fondos dedicados á cooperación internacional, e que este acordo se estendese ás outras administracións públicas galegas, nomeadamente as locais.”.
Doce anos despois sirvan aquelas palabras para concluír o artigo de hoxe.