Autodeterminación

O sociólogo marxista Goran Therborn explica que unha das funcións das ideoloxías é crear a definición do posible e o imposible nun tempo e nun lugar determinados. Trátase dun límite ideolóxico, unha construción social e por tanto mudable. O imposible non precisa de máis definición, non precisa o esforzo de detallar procedementos ou desenvolver os modos, máis que como un exercicio de ciencia-ficción ou política-ficción, de ser o caso. A sociedade protéxese do imposible con murallas normativas e tabús. Pero igual que o cambio tecnolóxico permite que incorporemos no cotián como ciencia o que hai poucos anos só viamos novelado, o cambio social refai eses límites en diversas direccións, maioritariamente dirixidas a atender as demandas de acumulación do capital transnacional, pero non só.

A UE constrúese dende un mapa de Estados existentes, mostrados como espazos monolíticos, perpetuos e cuasi-sagrados, malia a pouca antigüidade dalgunhas fronteiras actuais

A UE constrúese dende un mapa de Estados existentes, mostrados como espazos monolíticos, perpetuos e cuasi-sagrados, malia a pouca antigüidade dalgunhas fronteiras actuais: Croacia i Eslovenia 1991, República Checa i Eslovaquia 1993... resultado de procesos de autodeterminación que racharon outras fronteiras de Estados que previamente semellaban inamovíbeis. Ten todo o sentido, considerando que a UE créase para proporcionar un espazo privilexiado aos procesos de valorización do capital, e que o principal garante de eses procesos neste momento histórico son os Estados; considerando tamén que as garantías de dereitos individuais e colectivos, cada vez máis, están subordinadas a eses procesos.

Lonxe queda aquel tempo do fordismo en que os Estados da Europa Occidental eran do benestar. Aínda que fora pola necesidade de mercados internos con capacidade de consumo, proporcionaban servizos, garantían dereitos que arroupaban o mito da igualdade de oportunidades e lexitimaban o sistema. As políticas conservadoras ante a crise, que fan primar as demandas neoliberais sobre os dereitos das persoas, dan por rematado ese contrato social e rompen a inviolabilidade que lle proporcionaba ao Estado.

Lonxe queda aquel tempo do fordismo en que os Estados da Europa Occidental eran do benestar

Vemos cada día mobilizacións cidadás que reclaman un cambio de políticas, reaccionan ante o deterioro das condicións de vida. Os datos da vida que vivimos e os da que lles espera ás nosas fillas: paro, emigración, pobreza, foron un día impensables, imposibles, e son agora do máis real. Vemos tamén que cando existe un proxecto nacional alternativo que pon na perspectiva da xente a opción de construír un pais diferente, dende a identidade mais con proxecto de futuro, confórmase un elemento mobilizador moi potente que conxuga as demandas nacional e social. O límite entre o posible e o imposible esborrállase.

O dereito de autodeterminación está recollido na lexislación internacional, na Carta das Nacións Unidas. É un principio do Dereito Internacional e un dereito colectivo inalienable dos Pobos, que xera obrigas aos Estados. É requisito necesario para a efectividade dos dereitos individuais, así aparece nos Pactos internacionais de Dereitos Humanos asinados pola UE e os Estados membros, incluído o Reino de España. Unha lexislación estatal que non o recolla non cuestiona o dereito senón a legalidade desa lexislación (incluída unha Constitución ou un Tratado). O exercicio do dereito non o esgota, a realización dunha consulta non o limita. Non afecta só ás colonias aínda que está na base dos movementos anticoloniais, senón a todos os Pobos do mundo.

Precísase definir un procedemento internacionalmente recoñecido que sexa de obrigado cumprimento para os Pobos que demandan o exercicio da autodeterminación, para os Estados que tentan impedilo (ou non) e tamén para terceiros implicados

Cando rachan as costuras do imposible, o posible precisa concretarse, neste caso, precísase definir un procedemento internacionalmente recoñecido que sexa de obrigado cumprimento para os Pobos que demandan o exercicio da autodeterminación, para os Estados que tentan impedilo (ou non) e tamén para terceiros implicados. Estamos a ver o que sucede en Ucraína e o que sucedeu nos Balcáns, e, alén Europa, en moitos dos conflitos mundiais máis enquistados, dende o Sáhara a Palestina.

O poder da UE no mundo redúcese, o factor demográfico, a xeopolítica, os intereses particulares dos Estados... o seu peso na axenda mundial mingua entre os novos xigantes. Incapaz tamén de dar resposta ás demandas internas dunha Europa que se empobrece e envellece. Condenada a un papel secundario, Bruxelas parécese cada vez máis a Versalles: que coman pasteis! ou a EuroDisney.

Que a UE e os Estados que a compoñen non acepten o reto, non fará desaparecer a demanda. O proceso tomará outras vías, terá outras consecuencias. Pode a UE correr ese risco, pode perder esta oportunidade?

Therborn propón un reto á vella Europa, construír "unha entidade sen poder e sen ambición de poder, pero con influencia social e cultural, con capacidade para ofrecer un modelo e un horizonte atractivo de aspiración mundial". Os procesos de autodeterminación que están a vivir os pobos escocés e catalán retan a Europa a rachar coas fronteiras do imposible e construír un marco de recoñecemento do dereito de autodeterminación legal e real, que xere dinámica revitalizadora no interior e ofreza novas opcións ao exterior. A UE non naceu para iso, claro que non, pero as estruturas institucionais non son carcasas valeiras, están cheas de persoas e teñen contradicións e fisuras. A semente do cambio pode xermolar nelas regada pola mobilización e acompañada da solidariedade entre os Pobos.

Tiven a oportunidade de participar hai uns días, representando á FGS, nas mobilizacións europeas e nos debates a prol do recoñecemento do dereito á autodeterminación do seo da UE co lema TIME FOR SELF DETERMINATION. Un debate sobre democracia, que poida que vexamos pouco na campaña ao Parlamento Europeo. Trátase de reclamar unha vía democrática para facer realidade unha demanda popular, tan lexítima como a que levou á constitución dos Estados que a UE si recoñece, e máis democrática que moitos daqueles procesos. Que a UE e os Estados que a compoñen non acepten o reto, non fará desaparecer a demanda. O proceso tomará outras vías, terá outras consecuencias. Pode a UE correr ese risco, pode perder esta oportunidade?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.