Avanza un novo statu quo mundial

O largo período de unipolaridade imperial de Estados Unidos, iniciado co derrubo definitivo da URSS en 1991, comezou a periclitar cando no verán de 2013 o parlamento británico votou en contra da intervención armada do seu exército en Siria. Esa decisión tomouse despois da petición de colaboración militar por Obama, cuxo obxectivo era acabar co goberno de Bashar al Assad. A sorprendente responsabilidade e sentido da paz dos británicos, á que se acolleron oportunamente os americanos, en realidade tiña a súa causa última na forte presenza da armada rusa fronte ás augas sirias, decidida a impedir tal agresión. Este episodio serviu para convencer aos americanos da necesidade de chegar a un acordo con Irán, quizais como un medio de manter o seu statu quo en Oriente Medio, ante a certeza de encontrarse co ineludible espertar do oso ruso, despois de dúas décadas de letargo nos asuntos mundiais, para maior gloria de Occidente. Sen embargo, o ocorrido nestes dous anos demostra que a constatación da nova realidade xeopolítica non leva aparellada a súa aceptación automática. Así, a renuncia americana á intervención directa en Siria foi compensada co golpe de estado fascista na Ucraína nunha xogada que acabou, por agora, coa incorporación de Crimea á Federación Rusa e a rebelión armada das rexións do leste, contrarias ao ditado das “novas autoridades” de Kiev.

Despois viñeron as sancións e o intento de illamento internacional de Rusia que acabaron propiciando en 2014 o maior acordo comercial de subministro de gas natural entre o país eslavo e China por máis de 400.000 millóns de euros. A este acordo seguiron outros en materia militar e a intensificación das relacións comerciais e políticas cos demais países dos BRICS, Irán e Latinoamérica. Un dos últimos episodios, froito das frenéticas relacións internacionais impulsadas por Putin, foi a formalización dun acordo de subministro de gas ao sur de Europa a través de Turquía e o incremento de intercambios comerciais e militares con Exipto. Rusia tamén xogou decididamente para lograr o recente acordo nuclear iraniano. Neste país mantén unha notable presenza comercial, ligada especialmente á construción de centrais nucleares, incrementada con diversos acordos de cooperación militar que supoñen de facto unha alianza estratéxica co país persa nunha zona tan delicada e inestábel como é Oriente Medio.

Pero o que marcou un salto cualitativo no ámbito xeopolítico foi a constitución dun centro de intelixencia militar en Bagdag entre Iraq, Siria, Irán e Rusia. Este non é un dato menor habida conta de que Iraq era, ata agora, un protectorado de Estados Unidos. Como complemento do paso anterior Putin decidiu ampliar a presenza militar do país eslavo en Siria, acometendo a construción de novas bases para a armada e o exército rusos. O obxectivo é estrangular ese conglomerado terrorista formado por Al Qaeda, Al-Nusra e o Estado Islámico, uns monstros alimentados, militar e economicamente, por Occidente e que devastaron Afganistán, Iraq, Libia e amplas zonas do norte de África e estaban a punto de rematar o seu traballo en Siria. Sen alguén ten algunha dúbida sobre a pertinencia da anterior afirmación que se pregunte por que despois das brutais intervencións occidentais neses sufridos países —seica para eliminar a talibáns e ditadores e instaurar a democracia— o que quedou foi a destrución máis devastadora de vidas e infraestruturas, con faixas extensas de territorio baixo o imperio tribal das bandas terroristas. O curioso de todo isto é que o EI, e demais grupos de similar ralea, non atacan as instalacións petrolíferas deses países, senón a indefensos civís e a quen, como Al Assad, non se somete ao ditado de Estados Unidos. E, mentres se instala a barbarie no resto do territorio, as compañías occidentais fan o seu agosto espoliando os ricos depósitos de hidrocarburos sen ser molestados por ninguén. Curiosa esta metodoloxía terrorista, teoricamente anti-occidental, que axuda eficazmente ao mantemento do statu quo dos ocupantes.

O problema é que o caos dirixido pode acabar sendo incontrolábel. O éxodo migratorio provocado polas guerras de Oriente Medio e o norte de África está poñendo contra as cordas a moitos países europeos e esa situación é un perigo para a supervivencia da propia UE. Por iso, o meditado paso Putin evidencia o fracaso da política de sancións contra Moscova producindo un efecto contrario ao esperado. A situación é de tal envergadura que a posición que, dende hai cinco anos, viña mantendo a UE de que “Assad é un ditador e ten que irse” está cambiando a outra moi diferente, afirmando (de mala gana) que ”o presidente sirio debe formar, en principio, parte da solución do conflito armado” e de que Rusia é indispensábel (!) para derrotar aos terroristas. Hai que reler as hemerotecas para darse conta do cambio: os que hai un ano Francia catalogaba como oposición democrática ao réxime sirio agora son alcuñados de simples terroristas adoptando gran parte da perseverante e invariable posición rusa sobre este particular. Estamos diante dunha derrota diplomática de Occidente, aínda que o recoñecemento de Rusia como potencia mundial indiscutible e a anulación das sancións tarde un pouco máis. 

Pero a decisión rusa non vai transitar por un camiño de rosas. Occidente non tolera a conduta independente de Putin e utilizará os media para intoxicar e manipular, denunciando supostas baixas civís nas súas accións militares. Incluso publicarán fotografías de zonas urbanas destruídas pola aviación, como ocorreu coa primeira incursión aérea de Rusia sobre o EI onde resultaron eliminados diversos albos do alto mando do EI nas montañas de Siria, lonxe de cidades e zonas habitadas. O Estado Maior ruso puxo a disposición de todos os medios fotografías e vídeos da súa acción bélica, pero iso non lles interesa aos mestres da confusión.

Sexa como for, a implicación rusa en Siria, apoiando a un goberno lexítimo e ao abeiro do dereito internacional, confirma a decisión irreversíbel de Rusia de irromper no taboleiro mundial como un actor imprescindíbel na xeopolítica presente e futura. Polo seu peso como país e pola importancia estratéxica dos seus aliados nace con forza un importante contrapeso na area internacional, sumamente necesario nun mundo gobernado por forzas cada vez máis irracionais e imprevisíbeis.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.