B de Beleza

A beleza suxéitanos á vida. Ou cando menos iso é o que defenderon algúns poetas e algúns filósofos. Na forma exacta das súas palabras cremos recoñecer algo así como un sentido oculto que, de non ser por eles, non merecería credibilidade ningunha. “A beleza é verdade, a verdade é beleza”, escribe Keats ao cabo da súa Oda a unha ánfora grega. E por se fose pouco, decide comezar o poema Endymion afirmando que “un pouco de beleza é un pracer inmortal”.
Máis humilde, Stendhal respondeulle que a beleza non era máis que “unha promesa de felicidade”. Stendhal acertou. Por difícil que sexa cumprir unha promesa, prometer é algo sólido.

Máis humilde, Stendhal respondeulle que a beleza non era máis que “unha promesa de felicidade”. Stendhal acertou. Por difícil que sexa cumprir unha promesa, prometer é algo sólido

Que é para nós a beleza? Ten que ver coas palabras dos poetas ou cos anuncios de Corporación Dermoestética? Son as próteses PIP a derradeira constatación de que os ideais estéticos son, ao cabo, un engano? É a beleza un perigo mortal? Está na superficie das cousas ou no seu fondo? Existe aínda o fondo das cousas ou o fondo só brilla grazas á superficie?

A beleza esperta en nós prevención e desexo. Non sabemos que pensaría dela o filósofo Spinoza, que na súa Ética quixo distinguir entre as paixóns activas e as pasivas. Con rigor demostrou que a bondade ou maldade dun sentimento reside unicamente na súa capacidade para nos activar ou para nos inhibir.

As emocións boas non serían, segundo Spinoza, as moralmente axeitadas –sexa iso o que for-. As paixóns boas (que el denomina activas) son todas as que nos moven a actuar. As que espertan o noso desexo

As emocións boas non serían, segundo Spinoza, as moralmente axeitadas –sexa iso o que for-. As paixóns boas (que el denomina activas) son todas as que nos moven a actuar. As que espertan o noso desexo. Pola contra, as paixóns pasivas son as que nos deteñen. Entre as malas paixóns, curiosamente o filósofo incluíu a esperanza. 

O primeiro que lle debemos á Spinoza é a destrución intelectual do moralismo. A súa segunda grande lección é a distinción entre a esperanza, feita de pasividade, e a confianza, asentada en certezas. É a beleza unha forza? Pode ser un motor? Parécese máis á esperanza ou á confianza? Está máis perto do accesible ou do inaccesible?

A súa segunda grande lección de Spinoza é a distinción entre a esperanza, feita de pasividade, e a confianza, asentada en certezas

Desde a modernidade, todo son preguntas. Celebrar alegremente a fermosura atenta co noso razoable escepticismo. Non queremos darlle as costas a Baudelaire, fundador dunha estética do feo. Nin ao paraugas no quirófano de Breton, nin ao bourear da guerra –da que xa non podemos dicir que é máis fermosa que a Vitoria de Samotracia. Porque estes violentos anos dez son unha fábrica de medo. A guerra, que antonte era un espellismo, hoxe comeza a ser unha pantasma. 

A modernidade (e o feminismo, unha das súas principais consecuencias) aprendeunos a desconfiar da beleza. A desconfiar diso que outros –porque sempre son outros- denominan beleza. E con todo, ás veces seguimos lendo. E algúns de nós seguimos lendo a Proust. Lemos o que, a propósito do acto de ler, escribiu Proust sobre a beleza. Grazas a unha fermosa tradución de Carlos Lema, agora podemos escoitalo disertar en galego:

A modernidade (e o feminismo, unha das súas principais consecuencias) aprendeunos a desconfiar da beleza

"Percibimos moi claramente que a nosa sabedoría comeza onde a do autor remata, e gustaríanos que el nos dese respostas, cando o único que pode facer é darnos desexos. E eses desexos, só os pode espertar en nós cando nos fai contemplar a beleza suprema á que o derradeiro esforzo da súa arte lle permite chegar. Mais, por unha lei singular e tamén providencial da óptica dos espíritos (lei que se cadra significa que ninguén nos pode entregar a verdade, que temos que ser nós mesmos os que a creemos), o que é o final da súa sabedoría aparécesenos como o principio da nosa, de xeito que é no momento no que xa nos dixeron todo o que nos podían dicir cando eles fan nacer en nós a sensación de que aínda non nos dixeron ren.

"Un efecto do amor que os poetas espertan en nós é facernos atribuír unha importancia literal a cousas que para eles só son significativas como emocións persoais"

E ademais, se nós lles facemos preguntas ás que eles non poden contestar, tamén lles pedimos respostas que nada nos habían aprender. Pois un efecto do amor que os poetas espertan en nós é facernos atribuír unha importancia literal a cousas que para eles só son significativas como emocións persoais" (Sobre a lectura, Editorial Trifolium, 2011, páxinas 105-106).

Nas reviravoltas dunha frase de Proust, convertendo as sensacións en lei da experiencia humana, a beleza segue a nomear unha misteriosa relación da verdade coas cousas.

 

*B da caixa alta de Daniel Elzevir (c. 1660) (reconstrución dixital de Dutch Type Library)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.