Bahrain, ponte a Israel

Manama © Moncho Iglesias Míguez

Bahrain é un arquipélago composto por unha trintena de illas apenas habitadas e unha illa maior arredor da cal se construíron illotes artificiais. A pequenez deste reino árabe, menor cá comarca da Limia, non impediu que fose e sexa o centro de atención de historias que serven para escribir o mundo. Valen de exemplo a teoría de que o xardín do Edén se sitúa neste paraíso ou a actual práctica unión de intereses con Israel.

A pequenez deste reino árabe, menor cá comarca da Limia, non impediu que fose e sexa o centro de atención de historias que serven para escribir o mundo

O nome do país significa dous mares, que son as augas que o separan dos estados máis próximos: Qatar e Arabia Saudita. Ese exiguo afastamento do continente convérteno nun verxel acuático coñecido como perla do Golfo, un deserto plano onde a montaña máis alta é o monte de Fume, de pouco máis de 100 metros. Mais non é a montaña o lugar máis elevado, pois os rañaceos da capital, Manama, duplican os metros desa elevación natural da illa, que está conectada á península arábiga por medio dunha ponte de 25 km.

Mesquita al-Fatih © Moncho Iglesias Míguez

O nome do país significa dous mares, que son as augas que o separan dos estados máis próximos: Qatar e Arabia Saudita

Crese que o imperio dilmún se estableceu en Bahrain hai máis de 3000 anos e que de alí se estendeu ata Kuwait e Arabia Saudita. A diferenza das grandes civilizacións antigas, como a mesopotámica ou a do val do Indo, non creceu ás beiras dun río, senón dun porto marítimo. Foi deste xeito que os dilmúns dominaron unha das rutas comerciais máis importantes da época, a que unía esas grandes civilizacións dos ríos. E así destacou e fíxose imprescindible para o transporte do bronce que se extraía de Omán.

Os primeiros poboadores de Bahrain constituíron unha sociedade mercantil e familiar que soubo aproveitar os acuíferos subterráneos para crear unha comunidade desenvolvida e unificada. Mostra diso son os túmulos funerarios nos que soterraban os mortos e os diferentes habitáculos das casas destinados aos enfermos. De feito, aínda se conserva o cemiterio máis grande do mundo, con arredor de 100.000 nichos. 

A industria atraeu as potencias europeas e os navegantes portugueses, na procura dun descanso cara Oriente, toparon na illa o que buscaban. Así, construíron un forte dende onde controlar e defender os seus dominios e alí quedaron un século, ata a chegada dos persas

No económico, o seu poder evidenciouse no uso do dilmún estándar como moeda de cambio. Mais a súa hexemonía declinou coa caída do comercio de bronce, o cal deu paso a que babilonios e gregos tomasen o territorio. Estes cambios non mudaron o importante mercado de importacións nin extinguiu un dos traballos tradicionais máis sobranceiros: o mergullamento para a extracción de perlas.

O ollo de pez, a perla, xa era un obxecto apreciado durante o período de autoridade dilmún. Daquela, os mergulladores tiñan que somerxerse entre quenllas para recoller as bólas de nácara cun coitelo e coa única axuda dunha especie de pinza para o nariz. A industria atraeu as potencias europeas e os navegantes portugueses, na procura dun descanso cara Oriente, toparon na illa o que buscaban. Así, construíron un forte dende onde controlar e defender os seus dominios e alí quedaron un século, ata a chegada dos persas.

Qal'at al-Bahrain © Moncho Iglesias Míguez

A sona do país nunca decaeu porque, cando a comezos do século xx o mercado de perlas comezaba a se colapsar, xurdiu o ouro negro, o petróleo. En 1932, Bahrain foi o primeiro país árabe en conseguir extraer o aceite mineral e iso situouno no cumio da modernización

O dominio persa chegou á súa fin contra o século xviii, cando trataron de invadir a illa de Zubara. Alí toparon co clan que continúa a gobernar o país a día de hoxe, o dos Jalifa, que non só os derrotou, senón que tamén os expulsou da illa de Bahrain. Mais o interese internacional non minguou e iso soubo aproveitalo o Reino Unido para ofrecerse a protexer o enclave. As relacións entre uns e outros permitiu que os primeiros asegurasen a ruta á India libre de piratas e aos segundos afianzar a familia Jalifa no poder. A causa diso, dende finais do século xix ata mediados do xx, Bahrain foi un protectorado británico. Só entón, en 1971, declarouse estado independente, convertido en monarquía dende 2001.

A sona do país nunca decaeu porque, cando a comezos do século xx o mercado de perlas comezaba a se colapsar, xurdiu o ouro negro, o petróleo. En 1932, Bahrain foi o primeiro país árabe en conseguir extraer o aceite mineral e iso situouno no cumio da modernización. Con todo, a finais do século pasado, a extracción de cru reduciuse e as fortunas diminuíron, o cal levou ás primeiras protestas, que alcanzaron o peor momento na primavera de 2011. Entón, parte da maioría xiíta tomou a praza da Perla e aumentaron as pelexas entre eles e a minoría gobernante, sunnita. 

A finais do século pasado, a extracción de cru reduciuse e as fortunas diminuíron, o cal levou ás primeiras protestas, que alcanzaron o peor momento na primavera de 2011. Entón, parte da maioría xiíta tomou a praza da Perla e aumentaron as pelexas entre eles e a minoría gobernante, sunnita. 

As manifestacións proseguiron durante todo ese 2011, malia a axuda de Arabia Saudita e dos Emiratos Árabes Unidos para sufocalas. Os arrestos e o control policial non foron dabondo para conter a poboación descontenta e en novembro de 2012 ilegalizáronse as reunións públicas. O país retomou devagar a normalidade anterior ás protestas de 2011 e creceu a confianza de Estados Unidos e do Reino Unido, á vez que aumentaba o distanciamento con respecto a Irán. 

A hexemonía de poderes enfrontados en Oriente Próximo, nomeadamente o bloque sunnita, liderado polo reino de Arabia Saudita, e o xiíta, encabezado pola república islámica de Irán, está presente na realidade de Bahrain. O goberno do arquipélago recoñece a amizade cos sauditas e a inimizade cos iranianos, feito que os aproxima a Israel. O propio ministro do interior de Bahrain, Raxid bin Abdullah al-Jalifa, declarou que o acordo de normalización con Israel pretende protexer o país das continuas ameazas externas: «Irán decidiu comportarse dun xeito dominante de varias maneiras e converteuse nun perigo constante que prexudica a nosa seguridade interna».

Zoco de Manama © Moncho Iglesias Míguez

O arquipélago de Bahrain segue a ser unha atalaia no medio do mar e entre imperios. Por unha banda, a mariña estadounidense ten un cuartel rexional; pola outra, Irán mantén o interese por reincorporar o país ás provincias do seu estado

O arquipélago de Bahrain segue a ser unha atalaia no medio do mar e entre imperios. Por unha banda, a mariña estadounidense ten un cuartel rexional; pola outra, Irán mantén o interese por reincorporar o país ás provincias do seu estado. Para os primeiros é vital resgardar o territorio e limitar o acceso iraniano, como argumentou Mike Pompeo, exsecretario de Estado estadounidense: «a principal forza desestabilizadora en Oriente Medio non era o conflito entre Israel e os palestinos, senón máis ben a ameaza xerada polas ambicións extraterritoriais do réxime clerical de Irán, [por iso] comezamos a trazar unha serie de medidas para blindar a seguridade do pobo estadounidense.» O certo é que na república islámica continúa latente a idea de expandir a fe e rodear Arabia Saudita. E esta última, unida á familia real bahrainí, apoia os Acordos de Abraham asinados por Israel, Emiratos e Bahrain, pois parapetan a influencia xiíta na zona.

Para o ministro iraniano de asuntos exteriores, Iavad Zarif, "os gobernantes de Bahrain serán, a partir de agora, cómplices dos crimes do réxime sionista e ameaza constante para a seguridade da rexión e do mundo islámico"

Canto a Irán, este considera o estado sionista o «demo pequeno», segundo palabras do aiatolá Jomeini, amais de aliado do seu maior inimigo, o «demo grande», Estados Unidos. Todo isto fai comprensible que Irán non acepte os acordos de paz que lexitiman o estado xudeu. Así, para o ministro iraniano de asuntos exteriores, Iavad Zarif, «os gobernantes de Bahrain serán, a partir de agora, cómplices dos crimes do réxime sionista e ameaza constante para a seguridade da rexión e do mundo islámico.» En tanto, os acordos permiten que Israel consiga abrir as fronteiras a outros estados e posibilita o aumento do turismo e da mellora na xestión da exportación bélica. Amais, desviar a atención do conflito palestino silénciao e diminúe as expectativas de creación dun estado propio. Neste sentido, para o primeiro ministro israelí, Netaniahu, os acordos son unha vitoria que acala o boureo da corrupción e mais as alarmas da covid, unha baza coa que tamén tratara de xogar Trump en Estados Unidos.

En Bahrain, a xente é consciente de que as relacións con Israel non son novas. Con todo, non as aproban, e mostra diso son as reaccións nas redes sociais e nas mensaxes dos líderes opositores ao goberno

En Bahrain, a xente é consciente de que as relacións con Israel non son novas. Con todo, non as aproban, e mostra diso son as reaccións nas redes sociais e nas mensaxes dos líderes opositores ao goberno. Entre as voces desconformes están as dos palestinos que viven nas illas. Zaina Mohammad Shakeeb Nabulsi, que é palestina e viviu en Bahrain ata hai un ano, afirma que a normalización existe dende hai tempo, pero só agora se fixo pública. Pensa que as decisións do goberno non son do agrado do pobo, sempre atento a Palestina e á súa causa, e que este vínculo mediático e proteccionista non beneficia os seus. Amais, apunta que a subordinación de Bahrain a Arabia Saudita fai pensar que o número de países que lexitiman o estado sionista crecerá e que, unha vez máis, a situación do pobo palestino caerá no esquecemento. 

Qal'at al-Bahrain © Moncho Iglesias Míguez

O acordo entre Israel e Bahrain pasará á historia por ser este o cuarto país árabe en asinar o recoñecemento do estado sionista

O acordo entre Israel e Bahrain pasará á historia por ser este o cuarto país árabe en asinar o recoñecemento do estado sionista. O arquipélago asegura un aliado que lle permite manter o status quo e sufocar calquera tipo de levantamento popular. Gaña tamén en intercambios económicos e en turismo, aínda que non semella fácil que esa apertura de fronteiras facilite o libre acceso de israelís. Sexa como for, a perla do Golfo seguirá a ser un verxel de historias no medio dos mares.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.